Un ateigado Pazo da Cultura de Pontevedra foi testemuña do bo momento da escena galega, nunha gala conducida por Xurxo Souto e a banda Xangai e na que actuaron artistas como Ugia Pedreira, MJ Pérez, Sofía Espiñeira e Inés Naya
A música galega viviu a súa gran noite un ano máis na entrega dos Premios Martín Códax, que chegan á súa undécima edición. Un ateigado Pazo da Cultura de Pontevedra foi testemuña do bo momento da escena galega, nunha gala conducida por Xurxo Souto e a banda Xangai e na que actuaron artistas como Ugia Pedreira, MJ Pérez, Sofía Espiñeira e Inés Naya.
Nas 15 categorías artísticas foron premiados os seguintes proxectos e artistas: Her Anxiety, Guadi Galego, Brais Morán & Nasaufunk, Mondra, Caamaño & Ameixeiras, Os Melidaos, Catuxa Salom, Agrupación Musical de Goián, Terbutalina, hydn, América de Vigo, Carme López, Pablo Sanmamed Trío e Benxamín Otero, Lucía Aldao e Uxía Lambona e a Banda Molona.
As Miudiño Sessions, da Regueifa Plataforma 2.0 e que se pode ver en Vinte, recibiu o recoñecemento ao mellor Proxecto de Comunicación e Difusión
A sala A Arca da Noe, de Vilar de Santos (Ourense) recibiu o galardón á mellor sala de concertos da man do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez. Na categoría de festivais, As Nosas Músicas de Couso (A Estrada) recolleu o galardón da man do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Finalmente, as Miudiño Sessions, proxecto de difusión da nosa cultura impulsado dende A Regueifa Plataforma 2.0 e que se pode ver en Vinte, recibiu da man do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o recoñecemento ao mellor Proxecto de Comunicación e Difusión. O seu impulsor, Noel Feans, escribe todas as fins de semana en Praza unha crítica dedicada ás novidades da música galega.
Os galardóns especiais
Gloria Pavía recibiu o galardón como Artista Emerxente do ano
No evento, que se puido seguir a través da páxina dos premios e da plataforma da CRTVG agalega.gal, Gloria Pavía recibiu o galardón como Artista Emerxente do ano, unha categoría especial establecida en 2022 e destinada a valorar a proxección e potencial dun proxecto de nova creación, con menos de tres anos e non máis dun disco ou EP editado. Neste caso recoñeceu a esta artista nacida en Santiago de Compostela en 1999, que gravou o pasado ano o seu primeiro EP titulado Novas flores, “unha compilación de cancións sobre amor e flores silvestres”. Ademais de cantante e compositora, Gloria Pavía tamén se dedica á ilustración.
Ademais, a traxectoria de Emilio Cao, renovadora da música en Galicia, foi merecedora do Premio Honorífico 2024. Foi o fillo do músico, Mateo Cao, quen recolleu o premio da man da directiva da Músicas ao Vivo e do presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue López. Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, Emilio Cao é unha das grandes figuras da música do noso país desde que comezou a súa “peregrinaxe” musical nos primeiros anos setenta. Músicas ao Vivo quixo render neste 2024 homenaxe a un artista pioneiro sen o que sería difícil entender o devir da música galega nas últimas décadas.
A traxectoria de Emilio Cao foi merecedora do Premio Honorífico 2024. Foi o fillo do músico, Mateo Cao, quen recolleu o premio
Antes da entrega do Premio Honorífico 2024, a intervención da directiva de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos galardóns, reinvindicou a cultura de proximidade e a contratación de bandas e artistas galegos nas programacións musicais. Subliñaron ademais que os Premios son “un elemento de cohesión e plataforma para apoiar e potenciar a dignificación e profesionalización dos traballadores da musica no país”.
Os restantes premios
Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos galardóns, reinvindicou a cultura de proximidade e a contratación de bandas e artistas galegos nas programacións musicais
Os primeiros galardóns da noite foron os correspondentes á categoría de Metal, para Her Anxiety, banda viguesa creada en 2020, e Canción de Autora, para Guadi Galego, que, tras máis de 25 anos de carreira, neste 2024 pon sobre o escenario o espectáculo “Síntese Horizonte”. Seguiron os galardóns na categoría de Blues, Funk e Soul para Brais Morán & Nasaufunk, que veñen de editar o seu disco “Revolución Chic”, e en Electrónica, para o cantareiro e bailador Mondra.
Na categoría de Folk foron o dúo Caamaño & Ameixeiras as que recibiron o premio, como xa acontecera hai dous anos, e en Música Tradicional, Os Melidaos, que desde 2001 apostan polo futuro dos sons tradicionais desde Melide. Catuxa Salom, unha das revelacións da escena galega nos últimos tempos e que se atopa preparando o seu segundo disco, recolleu o galardón de Músicas do Mundo e Mestizaxe, mentres que a Agrupación Musical de Goián, un proxecto que mestura voces e instrumentos tradicionais con outros contemporáneos como a gaita midi ou os samplers, fixo o propio na categoría de Bandas de Música Popular.
Nas categorías artístidas triunfaron Mondra, Terbutalina, Catuxa Salo, Caamaño&Ameixeiras, hydn, Lucía Aldao ou Guadi Galego
Pola súa banda, a banda Terbutalina, recolleu o melómano na categoria de Rock e Punk nun momento no que o album “Era cabra” supón para eles un regreso ás súas orixes musicais. Despois dos de Esteiro, foi hydn, a artista coruñesa que sorprendeu hai dous anos aos eurofans coa súa proposta en “galenglish”, a que recolleu o galardón de Músicas Urbanas. América de Vigo, a orquestra de espírito rockeiro, subiu ao escenario a polo galardón no apartado de Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena, como xa fixera hai dous anos, e Carme López recolleu o premio da categoría de Música Clásica e Contemporánea.
En Jazz e Músicas Improvisadas foi o proxecto de Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero ao oboe e corno inglés, quen levou o galardón, mentres que na categoría de Pop e Indie, a poeta e compositora da Coruña, Lucía Aldao co seu proxecto PAVA, fixo o propio. A última categoría artística da noite foi a de Música Infantil, con galardón para Uxía Lambona e a Banda Molona, con dez anos de andaina interpretando temas populares e propios para a cativada.