A gala dos premios Martín Códax reivindica a contratación de artistas galegos nas programacións culturais

Foto de grupo da décima edición dos Martín Códax © Premios Martín Códax da Música

O mellor da música galega achegouse este mércores pola noite ao Pazo da Cultura de Pontevedra para participar na gala de entrega da décima edición dos Premios Martín Códax. Foi unha noite de celebración, pero tamén de reivindicación e no seu discurso final a xunta directiva de Músicas ao Vivo animou as músicas e músicos do país "a loitar de maneira colectiva pola dignificación e profesionalización da súa actividade" e convidounos a asociarse a Músicas ao Vivo. 

Músicas ao Vivo reclamou "fortalecer a contratación de proxectos galegos nas programacións culturais". "Hai que poñer o talento galego no centro. Os Premios Marín Códax son clara mostra de que potencial non falta”, afirmaron no seu discurso

A entidade reclamou "fortalecer a contratación de proxectos galegos nas programacións culturais". "Hai que poñer o talento galego no centro. Os Premios Marín Códax son clara mostra de que potencial non falta”, afirmaron no seu discurso. 

Máis de catrocentos trinta proxectos presentáronse aos premios nesta súa décima edición, o que xa consagra ao certame como unha cita anual ineludible da cultura galega. A gala foi dirixida e presentada polo dúo Vaguedades, que forman os actores Isabel Risco e Fran Rei, que, caracterizados como Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, articularon un espectáculo ao redor do viño que se puido seguir a través da web dos premios. 

Luz Casal recolle o seu premio honorífico na gala da décima edición dos Martín Códax © Premios Martín Códax da Música

Ao recoller o premio, Luz Casal salientou a "diversidade" musical galega vista na gala e destacou que “se son exemplo de algo, é que persevero, son loitadora”

Unha das grandes protagonistas da gala foi Luz Casal, que subiu ao escenario recoller o Premio Honorífico desta edición. Recibiuno da man de Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e de Xoán Antonio Allegue López, presidente das Bodegas Martín Códax. A directiva de Músicas ao Vivo quixo recoñecer “a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora” que caracterizan a traxectoria da artista nacida en Andabao, Boimorto, en 1958. Ao recoller o premio, Luz Casal salientou a "diversidade" musical galega vista na gala e destacou que “se son exemplo de algo, é que persevero, son loitadora”.

O pianista e compositor Sergio de Miguel, residente nos Estados Unidos, foi galardoado na categoría de Artista Emerxente

Nas restantes categorías, o pianista e compositor Sergio de Miguel, residente nos Estados Unidos, foi galardoado na categoría de Artista Emerxente. O pianista e compositor de Vigo, formado en Berklee e radicado en Estados Unidos aos seus 21 anos, está colleitando outros importantes recoñecementos este ano como o da publicación especializada en jazz Downbeat Magazine. Como compositor, fusiona as súas raices galegas co jazz e as influencias latinas. O pasado ano tamén foi un dos gañadores do concurso Yamaha Young Performing Artists, que recoñece nos Estados Unidos aos mellores músicos novos de clásica, jazz e contemporánea.

Un momento da gala da décima edición dos Martín Códax © Premios Martín Códax da Música

Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais

Ademais, subiron a recoller premio Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra, Terrae, Quico Comesaña + Grupo, Ailá, Ton Risco e Marcos Teira, Banda de Música Cultural de Salceda, Moura, Sila Lua, Orquestra La Oca Band, Mario G. Cortizo, David Regueiro Trío Ft. Alexandre Cavaliere, Momboi e Pillaband. Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais.

Premios da décima edición

  • Metal e heavy: Arrhythmia
  • Canción de autor/a: Su Garrido Pombo
  • Blues, Funk e Soul: Udra
  • Electrónica: Terrae
  • Folk: Quico Comesaña + Grupo
  • Música Tradicional: Ailá
  • Músicas do Mundo e Mestizaxe: Ton Risco e Marcos Teira
  • Bandas de Música Popular: Banda de Música Cultural de Salceda
  • Rock e punk: Moura
  • Músicas urbanas: Sila Lua
Público asistente á gala da décima edición dos Martín Códax © Premios Martín Códax da Música
  • Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra La Oca Band
  • Música Clásica e Contemporánea: Mario G. Cortizo
  • Jazz e Músicas Improvisadas: David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere
  • Pop e indie: Momboi
  • Música Infantil: Pillaband
  • Artista Emerxente: Sergio de Miguel


Premios Organistrum:

  • Salas: Sala Rebullón
  • Proxectos de Comunicación e Difusión: Galiciantunes
  • Festivais: Foliada da Fonsagrada

 

Honorífico 2023: Luz Casal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.