O director da banda de Sober "reforza" a orquestra da Scala de Milán

Actuación da Banda de Sober © Concello de Sober

O director da Banda de Música de Sober, 'fichado' en Milán. Miguel Franqueiro, natural de Boqueixón, acudiu á considerada como unha das óperas mías importantes do mundo, o Teatro alla Scala de Milán, para realizar unha audición de tuba baixo o modelo de "proba a telón", isto é, sen contacto visual co xurado. Competían con "máis de corenta" aspirantes e, de entre todos eles, resultou gañador do posto para reforzar a súa orquestra.

Tras pasar esta proba o director da banda de Sober "terá que facer programas coa Scala con frecuencia"

Franqueiro interpretou obras de autores como Blazevich, Wagner, Léo Delibes e Verdi para lograr un posto que, sen abandonar a dirección da banda de Sober, lle outorga unha nova proxección internacional tras un duro procedemento de selección. Non en van, tras unha primeira selección chegaron á final só tres persoas, que tiveron que tocar a tuba e tamén o cimbasso, un instrumento tradicional de Italia.

Músicos no Teatro alla Scala de Milán © Teatro alla Scala

"Esixía unha gran preparación e moita concentración", resume Franqueiro. De agora en diante, confirma o Concello de Sober, o director da banda "terá que facer programas coa Scala con frecuencia", xa que a súa orquestra "ofrece funcións diarias para as que necesitan músicos de reforzo". Este novo labor súmase outros que xa viña exercendo, como o de tuba de reforzo na Real Filharmonía de Galicia.

Miguel Franqueiro colabora dende hai anos coa Real Filharmonía de Galicia e tamén con outras bandas internacionais

A proxección exterior deste músico galego vénse ampliando dende hai anos. Así, xa colaborou tamén coa Orquestra Sinfónica de Galicia, con sede na Coruña, pero tamén coa Orquestra de RTVE, a Orquestra do Liceo de Barcelona ou a Filharmónica do Teatro Regio de Turín.

A súa incorporación á orquestra da Scala chega "nun ano moi importante para a formación" de Sober, destaca o concello. A emblemática banda de Sober atópase inmersa na celebración do seu 150º aniversario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.