'Pelerinaxes': Santo André de Teixido, un camiño de cine

Un momento do filme © Noveolas

O filme Pelerinaxes, do director italo-galego Simone Saibene, proxectouse este venres en Santo André de Teixido logo da súa estrea en Lugo o pasado martes. Foi a segunda parada do filme e converteuse nun dos primeiros actos que organiza a Asociación Cultural y Recreativa Camino a San Andrés de Teixido, co obxectivo de potenciar os camiños a esta poboación. Este colectivo está a colaborar coa difusión da película e tamén está a deseñar outras accións para poñer en valor as rutas e para favorecer o coñecemento das mesmas.

Na proxección participaron o propio Saibene, o presidente da Asociación -Ramón Tudela-, o alcalde de Cedeira -Pablo Moreda-, e Valentín Carrera –autor do libro Viaje al fin de los mundos, froito ao igual que Pelerinaxes dun percorrido a pé entre Ourense e Santo André, neste caso no ano 1987-.

Segundo conta Saibene, o obxectivo desta película, que mestura tres das súas grandes paixóns (o cinema on the road, a literatura de viaxes e o seu amor pola cultura galega), é que o público teña ocasión de “gozar de esta historia, que se coloca entre a ficción e o documental, e que reflexiona sobre a Galicia contemporánea”. Ademais, explica, “gustaríame que a película sirva para dar a coñecer esta ruta alternativa, menos turística e máis galega”. De momento xa está previsto que se dea a coñecer en Francia a través de dous festivais, o de Cournouaille e o de Lorient.

Esta película, inspirada no libro Pelerinaxes I, fai o mesmo camiño que fixeron, en 1927, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversas localidades das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña (Vilamarín, Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Rábade, Vilalba, As Pontes e Ortigueira, entre outros). Foi un 5 de xullo, hai 89 años, cando Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey emprenderon esa viaxe desde Ourense cara a Santo André de Teixido.

Protagoniza a longametraxe a actriz lucense Carmen Méndez, que encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André, para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto a un compañeiro, falecido anos atrás nun accidente. Pelerinaxes, que se sitúa entre a ficción e o documental, alterna o traxecto realizado pola protagonista con entrevistas a homes e mulleres, figuras do mundo cultural galego coma Laura Tato, Valentín Carrera, Patricia Chachero, Susana Reboreda, Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Pablo Gallego, Luis Martínez Risco ou Alberto Allegue. Ademais da actriz Carmen Méndez, conforman tamén o reparto desta película Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco. A última, neta de Vicente Risco, leu en Ortigueira o discurso que en 1927 lle foi negado ao seu avó, por ser considerado un revolucionario durante a ditadura de Primo de Rivera.

A banda sonora de Pelerinaxes foi composta por Daniel Minimalia, Ruxe-Ruxe, MCarballo, Elena Domínguez e Miguel Álvarez e foi gravada integramente en directo. Na Praza do Campo de Lugo, o grupo Ruxe-Ruxe interpretou unha nova versión de Non temos medo

Exposición

Durante a rodaxe de Pelerinaxes, os fotógrafos Iván Fernández e Iago González tomaron fotografías que darán lugar a unha exposición que acompañará a película nalgunhas proxeccións. A inauguración deste traballo -patrocinado pola Escola de Arte Antón Faílde, de Ourense, e pola Asociación Cultural e Recreativa Camiño a Santo André de Teixido-,  que amosa o making off da película de Simone Saibene, está prevista para o 19 de xullo no Festival de Cournouaille en Francia, coincidindo coa estrea da mesma. Titulada Dúas miradas cara San Andrés de Teixido, mostra a visión dos dous fotógrafos, inspirados no camiño que fixeron as devanditas figuras clave do galeguismo a finais dos anos 20. As imaxes reflicten un cadro sobre a Galicia contemporánea, sobre a súa paisaxe e tamén sobre elementos identitarios que sobreviven á modernidade.

Simone Saibene

Simone Saibene naceu no norte de Italia en 1977. Desde 2010 vive en Ourense, onde fundou a produtora e distribuidora Noveolas Producciones. A súa última longametraxe, 9 ondas, data de 2013. Foi tamén encargado da distribución do documental Frankenstein-04155 de Aitor Rei, gañador do premio do público en Cineuropa 2015 e dunha mención especial na última edición da Seminci de Valladolid.

Simone Saibene © Noveolas
Cartel de Pelerinaxes © Noveolas
Carmen Méndez, actriz protagonista © Noveolas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.