Unha ducia de maneiras de celebrar o nacemento de Rosalía
-
01O 23 (non o 24)
Esta fin de semana celébranse un gran número de actividades en homenaxe a Rosalía de Castro, sobre todo o Festival Rosalía, en Compostela, pero o Día de Rosalía celébrase o día 23, en conmemoración do nacemento da poeta en Santiago en 1837. Que foi o día 23 e non o 24, como se creu erroneamente durante décadas, ata a corrección deste dato en 2022.
A primeira recomendación para celebrar a Rosalía é, sobre todo, ler a súa obra. De feito, hai varias lecturas públicas e colectivas programadas, entre moitas outras actividades de todo tipo esparexidas por toda Galicia.
-
02Programación oficial
O actos oficiais deste luns 23 de febreiro celebraranse en paralelo en Padrón e Santiago, cunha alborada a cargo dos Carapaus, unha lectura de poemas por parte do alumnado dos IES Camilo J. Cela e Macías o Namorado de Padrón e unha ofrenda na Praza de Vigo de Santiago.
Ás 12 horas o Panteón de Galegos Ilustres acolle o acto institucional, con lectura de poemas rosalianos e a música dos Carapaus e de UXÍA & JAVIER RUIBAL. Ao mediodía tomarase o Caldo de Gloria, tanto en Compostela coma en Padrón.
Finalmente, a partir das sete da tarde, a Casa de Rosalía, en Padrón, acolle unha degustación de Caldo de Gloria con Iago Pazos e un concerto de UXÍA & JAVIER RUIBAL
-
03
Alborada de Rosalía
A Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s impulsan tamén a Alborada para Rosalía de Castro: un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e a outros músicos e músicas) para dar unha alborada de gloria na súa honra.
"Saudemos con ela e coa súa Alborada que desexamos un tempo tamén de renacenza, celebremos que o millo medra e que cantan os paxaros ledos do novo día. Por iso chamamos a tódolos gaiteiros e gaiteiras e ó mundo da música en xeral a celebrar o Día de Rosalía"
Carapaus serán os encargados de realizar a Alborada nos actos oficiais.
-
04
Caldo de Gloria
Dende hai anos a Fundación Rosalía de Castro impulsa a iniciativa Caldo de Gloria, na que anima a facer (e a degustar) un caldo seguindo o poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer este humilde prato.
Este ano o encargado de cociñar o Caldo de Gloria na Casa de Rosalía será Iago Pazos, do Abastos 2.0 de Santiago de Compostela.
-
05Festival Rosalía
As celebracións ao redor da figura de Rosalía comezan xa esta fin de semana de maneira moi destacada, co Festival Rosalía que organiza a Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago. É xa a oitava edición dun evento que se consolidou como unha cita ineludible ao redor da poeta nacional de Galicia.
A programación inclúe unha vintena de actividades entre recitais, concertos, espectáculos de artes escénicas, obradoiros e presentación. O centro neurálxico das actividades será a praza de Mazarelos, aínda que as actividades tamén terán lugar no Teatro Principal e no Colexio Maior de Santo Agostiño. A programación completa pódese consultar nesta ligazón.
-
06Programación do Festival Rosalía
Na programación do festival, destaca o concerto que ofrecerán o domingo ao mediodía Uxía, Javier Ruibal e Marcos Teira, De tu casa a la mía, o retrato dunha confluencia de cultura e emocións a través dos versos de Rosalía e Lorca.
De igual xeito, o espectáculo 'Primavera vai chegar' mestura poesía e música nas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero. E, ademais, a actriz Mónica Caamaño interpreta a peza 'Da voz de Morgana', unha aproximación escénica á escrita de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas.
Ademais, Isabel Risco, o Mago Teto, As Teimas, Os Quinquilláns, Blues do País ou Loita Amada.
-
07Lectura pública da obra de Rosalía
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora o Día de Rosalía propoñendo á cidadanía, en primeiro lugar, que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións.
Entre elas, destaca a lectura pública da obra de Rosalía, que se levará a cabo o luns 23 en varios puntos do país, coma o Panteón de Galegos Ilustres, que acollerá o acto central. Tamén se celebrará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12) e Local do Centro Social A Revolta de Vigo e na Fundación Moldes de Pontevedra.
-
08Manifesto da AELG: 'Mais eles tamén perdidos', de Eva Veiga
Como é habitual, a AELG presenta un manifesto redactado para a ocasión, realizado desta volta por Eva Veiga e titulado Mais eles tamén perdidos
"Cara a onde imos?", comeza preguntándose Eva Veiga, que chama a reaxir "fronte a esa acumulación obscena que reteñen un reducido grupo de magnates, multinacionais ou fondos voitres que dirixen o mundo, provocando desigualdade, cambio climático, explotación laboral, escravitude e guerras".
-
09Actividades ao longo do país
O mellor deste día é a súa celebración ao longo e ancho do país, en cidades e en vilas grandes e pequenas. Bueu, Vilalba, O Carballiño ou Brión son outras das localidades que estes días acollen charlas, exposicións e outros eventos.
Ademais, a presenza de Rosalía en moitísimos centros de ensino é evidente nestas xornadas
-
10O ceo de Rosalía
Entre as actividades organizadas destaca unha charla de Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, sobre 'O ceo de Rosalía', que tivo lugar hai uns días na Coruña.
Cómpre lembra que hai seis anos a Unión Astronómica Internacional deu o nome de Rosalía de Castro á estrela anteriormente coñecida como HD 149143, unha anana amarela semellante ao noso Sol situada a 240 anos luz na constelación de Ofiúco. Ademais, acordouse que o seu exoplaneta HD 149143 b leve o nome de Riosar.
Foi o resultado dun proceso aberto no que 110 países de todo o mundo puideron nomear cadansúa estrela. A proposta galega, impulsada pola Agrupación Astronómica Ío co apoio da Fundación Rosalía de Castro e a e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, foi a máis votada no Estado español. Ademais, Rosalía de Castro dálle nome a un dos cráteres de Venus dende 1994. En concreto ao denominado Castro,
-
11Celebrar a primavera que se achega na Casa de Rosalía
A Casa da Matanza sempre merece unha visita. Por que non esta fin de semana? Podes consultar aquí os horarios e a posibilidade de facer unha visita guiada. E na ducia que lle dedicamos á Casa-Museo no seu 50 aniversario poder descubrir algunhas das curiosidades e tesouros que agocha.
Entre eles o Xardín, un espazo de extraordinario interese histórico e botánico, que nesta fin de semana que se prevé (por fin) sen chuvias, seguro que loce con toda a súa beleza, anticipando a primavera para a que só queda un mes.
-
12Visitar o Museo virtual de iconografía rosaliana
Pouco antes do Nadal, a Cátedra Rosalía de Castro da USC lanzou o primeiro museo en liña de iconografía rosaliana, resultado do traballo de Laura Camino. A aplicación permite acceder a un percorrido virtual polas representacións da escritora desde o século XIX ata os nosos días, permitindo analizar a súa condición de mito en continua reconfiguración. Esta é a ducia que lle dedicamos.