Os días 21 e 22 de febreiro o Festival Rosalía conmemora o 189º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro dende Compostela
Ben sei que non hay nada
Novo en baixo d’o ceo,
Qu’antes outros pensaron
As cousas qu’ora eu penso.
E ben, ¿para qu’escribo?
E ben, por qu’asi semos,
Reloxo que repetimos
Eternamente ó mesmo.
Porque así somos. O Festival Rosalía escolle este lema para a súa oitava edición co obxectivo de subliñar a idea de que, tras 146 anos desde a publicación de Follas novas, continuamos a crear, traballar e convivir en galego, coa constancia do reloxo, conscientes de que cada segundo é novo e irrepetible.
Entre os días 21 e 22 de febreiro o Festival Rosalía conmemora o 189º aniversario do nacemento da nosa poeta universal Rosalía de Castro dende a cidade a que viu nacer. O centro neurálxico das actividades organizadas pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago será a praza de Mazarelos, aínda que as actividades tamén terán lugar no Teatro Principal e no Colexio Maior de Santo Agostiño.
O Festival Rosalía colabora co Festival Atlántica nesta edición a través do proxecto 'Contoesías: Contos e poesías', unha iniciativa colaborativa e aberta xunta a Dores Tembrás, Yamini T. Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza
A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, debullaron as actividades que reunirán en Compostela durante a fin de semana a actrices como Mónica Caamaño e Isabel Risco, ilusionistas como o Mago Teto, grupos escénicos como As Teimas e Os Quinquilláns ou as voces como Blues do País, Loita Amada, Faia Díaz, Inés Salvado, Uxía ou Javier Ruibal.
Precisamente estes dous últimos, xunto ao guitarrista Marcos Teira, protagonizan un dos grandes momentos musicais desta oitava edición do festival Rosalía: De tu casa a la mía. Neste concerto, que se celebra en sesión vermú ás 13:20 horas o domingo 22 na Praza de Mazarelos, ofrécese o retrato dunha confluencia de cultura e emocións a través dos versos de Rosalía e Lorca.
A programación inclúe unha vintena de actividades entre recitais, concertos, espectáculos de artes escénicas, obradoiros e presentacións. Haberá tamén unha feira rosaliana, cuxos postos estarán abertos ás 11 e as 14 horas e entre as 16 e as 20 horas, con presentacións de libros sobre Begoña Caamaño, xogos tradicionais para a cativada, un obradoiro de rap improvisada CeibaRimas e o Concurso Rosaliano para toda a familia que conducirá a actriz Isabel Risco o domingo 22 a partir das 16:30 horas.
Loita Amada presentará o seu terceiro disco, Resistir é Vencer, na praza de Mazarelos o sábado ás 21 horas. O cartel musical complétase con Blues do País, que tamén actuarán o sábado ás 13:30 horas, e o espectáculo Primavera vai chegar, que mestura poesía e música nas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero, que terá lugar o domingo 22 de febreiro no Colexio de Santo Agostiño en dúas sesións, ás 12 horas e ás 16:30 da tarde.
O Festival Rosalía colabora co Festival Atlántica nesta edición a través do proxecto Contoesías: Contos e poesías, unha iniciativa colaborativa e aberta xunta a Dores Tembrás, Yamini T. Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza. Neste encontro proponse unha deriva pola obra de Rosalía con perspectiva feminista, interseccional e crítica. Será o sábado ás 18 horas en Mazarelos.
A actriz Mónica Caamaño interpreta a peza 'Da voz de Morgana', unha aproximación escénica á escrita de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas
Un pouco antes, ás 16:45 horas do sábado 21, Mazarelos acollerá Chan da Pólvora. Unha década de poesía necesaria, unha celebración dos dez anos de andaina deste selo editorial. Ao redor desta conmemoración, reuniranse Antón Lopo, Manuel Martínez, Luís López Alonso, Ana Romaní, Paula Luís, Andrea Nunes e Nuria Vil.
A escena terá un ano máis un lugar destacado no cartel do Festival Rosalía. Os Quinquilláns ofrecerán un paseo teatral polos espazos de Rosalía o sábado ás 11:30 horas de Mazarelos. Xa pola tarde, ás 19:30h, na mesma praza, chegaralle a quenda ao espectáculo Improsalías, unha peza de improvisación, música, humor e poesía que ofrecerán os grupos As Teimas e TheMomento.
O espectáculo 'Primavera vai chegar' mestura poesía e música nas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero
O domingo, ás 11:15 horas, Producións Dispersas ofrecerá a intervención teatralizada Sempre Rosalía. Ás 13:00 horas, actuará a actriz Mónica Caamaño con Da voz de Morgana, unha aproximación escénica á escrita de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Nesta peza a actriz ofrécenos a historia de Morgana contada na súa propia voz.
O Mago Teto encargarase de pórlle o ramo ao Festival Rosalía no Teatro Principal ás 21 horas co seu espectáculo GalegoRock’n’Magic, un show de maxia e música que fai un percorrido desde o rock do Xabarín Club ata as bandas actuais que levan a música galega ao máis alto.