Destacan os actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro e a AELG. Pero haberá moitos máis: dende a sétima edición do Festival Rosalía ata a coincidencia coa manifestación que o domingo Queremos Galego convoca en Santiago pola situación da lingua
Este domingo 23 de febreiro conmemórase o aniversario do nacemento de Rosalía, unha vez corrixido o erro inicial na asunción de que a poeta nacera o 24 de febreiro. Ao longo de toda esta semana, especialmente a partir do venres, entidades culturais e institucións de todo o país celebran con diversos actos a efeméride, sobresaído especialmente os organizados pola Fundación Rosalía de Castro e a AELG. Pero haberá moitos máis: en Padrón e Santiago terá lugar a sétima edición do Festival Rosalía. E o mesmo domingo, tamén en Compostela, Queremos Galego chama a manifestarse pola lingua. Estas son algunhas das citas e propostas sinaladas estes días no calendario.
O propio 23 de febreiro a Fundación Rosalía de Castro organiza unha serie de actos en Santiago, Padrón e a propia Casa da Matanza. Os actos comezarán ás 10 da mañá na Praza de Vigo de Santiago e continuará cun acto institucional no Panteón de Galegos Ilustres ás 11 horas no que haberá lectura de poemas rosalianos e música cos Carapaus e Antía Muíño. A programación continuará en Padrón cunha ofrenda floral na estatua de Rosalía no Espolón. E, xa a partir das 19 horas, cunha degustación de Caldo de Gloria na Casa de Rosalía e un concerto de Antía Muíño.
A Fundación Rosalía de Castro renova o seu chamamento a celebrar a poeta cun Caldo de Gloria, unha Alborada e lendo os seus textos
E é que o caldo (o Caldo de Gloria) veu consolidándose nos últimos anos como un elemento fundamental nas celebracións rosalianas. Dende hai anos a Fundación Rosalía de Castro impulsa a iniciativa Caldo de Gloria, na que anima a facer (e a degustar) un caldo seguindo o poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer este humilde prato. Este ano o encargado de cociñar o Caldo de Gloria na Casa de Rosalía será Alberto Carou, cociñeiro do Curral do Marqués (Rianxo).
A Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s impulsan tamén a Alborada para Rosalía de Castro: un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e a outros músicos e músicas) para dar unha alborada de gloria na súa honra: "Saudemos con ela e coa súa Alborada que desexamos un tempo tamén de renacenza, celebremos que o millo medra e que cantan os paxaros ledos do novo día. Por iso chamamos a tódolos gaiteiros e gaiteiras e ó mundo da música en xeral a celebrar o Día de Rosalía". Carapaus serán os encargados de realizar a Alborada nos actos oficiais do Día de Rosalía, que se celebrarán en Santiago.
Tamén reivindica que "Rosalía é Mundial" e convida a persoas de fóra de Galicia a leren publicamente os versos de Rosalía e a compartiren os vídeos
En 2013 a Fundación Rosalía e a Universidade de Vigo impulsaron o proxecto Rosalía é Mundial, cun chamamento á tradución de poemas de Cantares gallegos ás linguas do mundo para celebrar os 150 anos da publicación desta obra.
A Fundación recupera a iniciativa e desta volta convida a persoas de fóra de Galicia a leren publicamente os versos de Rosalía e a compartiren os vídeos. Así o fixo, por exemplo, Manu Chao, acompañado de Marta Pérez, e tamén Rosa Montero.
Marga do Val asina o manifesto da AELG que este ano escolleu o lema "Saude e Terra"
O outro acto central deste Día de Rosalía son as lecturas públicas da súa honra que impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Ademais, encarga da redacción dun Manifesto -este ano obra de Marga do Val- que se le no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres. O lema escollido para este 2025 é: #SaudeeTerra!
O acto comezará ás 12 horas e nel, ademais do manifesto, haberá unha lectura de textos de Rosalía a cargo de numerosas persoas representantes de entidades sociais, como a Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ou Ecoloxistas en Acción, e que pecharán Xosé Manuel Beiras e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Son moitas as entidades culturais e sociais dun gran número de localidades, o mesmo que concellos e universidades, que organizan cadanseu acto, especialmente ao longo desta fin de semana
O Día de Rosalía leva anos consolidado como unha importante celebración en numerosas localidades do país, alén de Santiago ou Padrón. Por suposto, nos centros de ensino, que levan a cabo actividades ao longo desta semana, pero tamén son moitas as entidades culturais e sociais, o mesmo que concellos e universidades, que organizan cadanseu acto, especialmente ao longo desta fin de semana.
Lugo (venres 21), Vigo (sábado 22), A Coruña (domingo 23) acollen lecturas de textos. E Barreiros, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Cervo, Vilalba, Sarria , Outeiro de Rei ou Carnota son outros dos lugares que acollen algunha destas actividades. Podes consultar as datas na web da AELG, que tamén ten impulsado nos últimos anos numerosas mocións municipais para que os concellos declaren esta xornada como Día de Rosalía de Castro.
O sábado, baixo o título de Fiar na palabra, desenvolverase na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. un espectáculo poético, musical e plástico protagonizado polo grupo Ouriol. A poeta e comunicadora Eva Veiga será a encargada de levar a cabo un marabilloso e emocionante recitado de poemas de Rosalía de Castro e Manuel María, estando acompañada polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares que, xunto ao recoñecido artista plástico Alfonso Costa, crearán a atmosfera apropiada para gozar do espectáculo cos cinco sentidos.
O Festival Rosalía chega á súa sétima edición e este ano se estende a tres xornadas -do venres 21 ao domingo 23-, comezando en Padrón e celebrando as súas actividades centrais en Compostela, con recitais, animación de rúa, concertos e teatro
Outra forma de celebrar o nacemento da poeta é no Festival Rosalía, un evento que chega á súa sétima edición e que este ano se estende a tres xornadas -do venres 21 ao domingo 23-, comezando en Padrón e celebrando as súas actividades centrais en Compostela, especialmente na Praza de Mazarelos. A programación, baixo o lema 'Sen Pombas nin Flores', inclúe recitais, animación de rúa, concertos e teatro.
Destaca, o sábado ás 17 horas, a actuación de Somos pandeireiteiras, proxecto promovido por Mercedes Peón e composto por tres grupos de pandeireiteiras: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón).
Ademais, Paula Mayor, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023 por Rosalía oculta, presentará a novela gráfica o sábado pola tarde, tamén na Praza de Mazarelos. Ás 18:45 estará asinando exemplares no posto da libraría Pedreira. E ás 19:25 terá lugar unha conversa coa autora no escenario principal. A autora estará acompañada por Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
O Festival Rosalía recupera como espazo de memoria rosaliana o Colexio Maior de Santo Agostiño. Este lugar acolleu no século XIX o Liceo de la Juventud de Santiago, onde Rosalía de Castro participou nas súas actividades con regularidade
Nesta edición o Festival Rosalía recupera como espazo de memoria rosaliana o Colexio Maior de Santo Agostiño. Este lugar acolleu no século XIX o Liceo de la Juventud de Santiago, onde Rosalía de Castro participou nas súas actividades con regularidade. Nel iniciouse en diferentes disciplinas artísticas e musicais, destacando a súa participación en obras teatrais como Rosamunda, de Antonio Gil y Zárate.
O festival programa aquí 'A primavera vai chegar', un diálogo a tres voces de música e poesía da man de Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado. Trátase dunha proposta para aforo reducido que procura "a intimidade do espazo, as resonancias da arquitectura e a voz da poeta como un eco aínda vivo e necesario a día de hoxe". Será o domingo en dúas sesións, ás 16 e ás 17.15.
O domingo 23 a plataforma Queremos Galego manifestarase en Santiago baixo o lema Lingua vital xa!. Ese día a maior parte das actividades que celebran á poeta fan unha pausa: os actos centrais da Fundación Rosalía terán lugar de 10 a 12 horas e o Festival Rosalía reiníciase ao mediodía
O domingo 23 a plataforma Queremos Galego manifestarase en Santiago baixo o lema Lingua vital xa! co obxectivo de "transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora". A marcha partirá ás 12 do mediodía, con autobuses que chegarán dende numerosos lugares do país.
Ese día a maior parte das actividades que celebran á poeta fan unha pausa: os actos centrais da Fundación Rosalía terán lugar de 10 a 12 horas e o Festival Rosalía reiníciase ao mediodía. Que mellor forma de celebrar a Rosalía que reclamando un mellor futuro para a súa lingua?