Unha ducia de recantos da Casa Museo de Rosalía, que fai 50 anos
O 15 de xullo de 1971 inaugurouse a Casa-Museo de Rosalía de Castro, a Casa da Matanza, en Padrón. A vindeira semana celébrase, pois, o 50 aniversario deste espazo, que todos os anos é visitado por moitísimas persoas que buscan achegarse á poeta alí onde viviu os derradeiros anos da súa vida. Repasamos nesta ducia algúns dos recunchos e elementos ligados á autora que se poden ver nesta visita, e tamén un chisco da historia do inmoble.
-
01
Historia da Casa Museo de Rosalía
Rosalía de Castro, que pasou por moitas vivendas distintas ao longo da súa vida, pasou ou seus derradeiros anos na Casa da Matanza, en Padrón. Trala súa morte, o inmoble ficou baleiro, ata que en 1946 foi adquirido (despois de varios intentos) por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. Un ano máis tarde, en 1947, creouse o Patronato Rosalía de Castro co obxectivo de rehabilitar a casa, de xeito que puidese servir como espazo de homenaxe á poeta.
O Patronato Rosalía acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista -
02
A remodelación da Casa de Rosalía
Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco no Patronato cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, se puido inaugurar como Casa-Museo. Da montaxe e dirección do Museo encargouse Xosé Filgueira Valverde. Desde 1970 fóronse adquirindo outras propiedades ademais da Casa e da horta
-
03
Un proxecto colectivo
A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas.
-
04
Maruxa Villanueva
Non se pode falar da historia da Casa-Museo sen citarmos a Maruxa Villanueva, que desde 1971 ata o ano do seu pasamento en 1998 foi coidadora da Casa de Rosalía, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante en Arxentina desde os 20 anos, alí converteuse nunha cantante de éxito e actriz, ademais de en peza clave da cultura galega en Bos Aires, onde colaborou moi activamente nas actividades a favor da República.
-
05
A figueira da Casa de Rosalía
A Casa inclúe tamén unha horta, con árbores de grande interese e significación, un patrimonio botánico con loureiros, castiñeiros, camelias, cipreses, oliveiras, pereiras, ombús e, por suposto algunha das "figueiriñas que plantei". Con todo, cómpre indicar que probablemente este exemplar non foi plantado por Rosalía, pois os versos de Cantares Gallegos (1863) son anteriores á súa data de instalación nesta casa.
-
06
O loureiro dos poetas
Entre as árbores do xardín destacan os loureiros, que datan da época na que a poeta habitou a casa e que son, probablemente, herdeiros do loureiro diante do que se fixo unha das máis recoñecidas fotografías de Rosalía, na que aparece coa súa familia.
-
07
Camelia de Rosalía
Hai tamén camelias e, aínda que non foron plantadas por Rosalía, unha delas destaca por ser a camelia creada en honra da poeta e que leva, polo tanto, o seu nome. De orixe portuguesa, o primeiro exemplar obtido foi bautizado co nome da autora e regalado en 1968 á Casa-Museo.
-
08
Visita á Casa Museo de Rosalía
Este vídeo -realizado por Xosé Bocixa- fai un percorrido que comeza pola entrada do recinto e continúa cunha visión detallada de cada unha das salas que conforman o proxecto expositivo da Casa de Rosalía, deseñado por Pepe Barro
-
09
Espazo expositivo da Casa Museo de Rosalía
No ano 2017, a Casa de Rosalía modernizou e actualizou as súas instalacións con novos recursos, novas pezas e material audiovisual que permiten comprender mellor a vida e obra de Rosalía de Castro e a súa familia. O obxectivo é amosar a importancia de Rosalía como referente e figura central da cultura galega
-
10
A cama de Rosalía
Entre os obxectos orixinais que se conservan na Casa, destaca a cama de Rosalía, na que morreou en 1885, aos 48 anos de idade. No seu leito de morte a escritora pediu que lle abrisen a fiestra, pois quería ver o mar. E así o fixo a súa filla Gala, xa que daquela podía albiscarse dende alí o río Ulla, chamado "mar" na zona.
Maruxa Villanueva poñía todos os días unha rosa ou unha camelia fresca na almofada da cama, costume que quedou fixado desde entón.
-
11
Espello da familia Murguía Castro
Outro dos obxectos máis significativos é o espello da familia de Rosalía, doado á Fundación en 1971. Enmarcado en madeira, este marco contén unha sucesión de esquinas e molduras sobresaíntes, liñas de pérolas e raias, conxunto coroado por un copete vexetal
-
12
Espazo dedicado a Manuel Murguía
Tamén Manuel Murguía conta cun espazo na Casa Museo de Rosalía.
-
13
Relicario de Rosalía
Finalmente, outro dos elementos que se pode ver no Museo é o denominado relicario de Rosalía, que inclúe un guecho de cabelo de Rosalía, o papel onde estivo envolto, con debuxos de Ovidio Murguía, unha flor do ramo mortuorio e un anaco da súa mortalla. En 1891, cando os restos da poeta foron trasladados de Padrón ao Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, a súa filla Alexandra recolleu todos estes elementos, que ata o ano 2017 foron conservados pola Deputación da Coruña, que os doou finalmente á Fundación para seren expostos na Casa-Mudeo.