Marcos Pérez Pena

Unha ducia de lugares para ver a eclipse de Sol en Galicia

O vindeiro 12 de agosto imos vivir un acontecemento histórico. Unha eclipse solar total poderá ser vista dende Galicia nunhas condicións case que inmellorables. Haberá que agardar 400 anos para gozar dunha oportunidade semellante. Galicia será, ademais, un dos mellores territorios da Península para observar o fenómeno, pois é onde o Sol -en pleno solpor- se verá nunha posición máis elevada. Agora só falta ser conscientes das medidas de precaución para asistir ao evento, escoller un bo lugar (un miradoiro en dirección ao oeste sen obstáculos no horizonte) e, iso si, confiar en que ese día o ceo estea despexado. Valquí unha ducia de puntos ideais (hai moitos máis, por suposto) para presenciar a eclipse solar.

  1. 01

    Unha eclipse total na metade de Galicia

    Primeiro, uns datos. A eclipse do vindeiro 12 de agosto será a primeira que se poida ver na Península Ibérica dende o 17 de abril do ano 1912. Aquela foi peculiar por varios motivos e só durou uns segundos e puido ser vista dende unha franxa de terreo moi estreita. A anterior, máis prolongada, tivo lugar en 1905. E en Galicia non asistiremos a unha nova eclipse total ata dentro de 400 anos. 

    Como destacaba nesta entrevista Óscar Blanco Varela, presidente da Agrupación Astronómica Ío da Coruña e responsable do Observatorio Astronómico de Trevinca, na Veiga, estamos ante un momento "único na vida".

    Porque, ademais, Galicia será un dos mellores lugares do mundo para velo. Máis da metade da provincia da Coruña, a práctica totalidade da de Lugo e a comarca de Valdeorras entran na franxa na que a eclipse será total, que atravesa boa parte do norte de España. E como di Óscar Blanco, "a diferenza entre unha eclipse total e unha parcial a nivel visual e a nivel das emocións que provoca é enorme, non ten nada que ver".

  2. 02

    Máis dun minuto de escuridade total

    A eclipse verase de forma moi diferente nuns e noutros lugares. No centro da franxa de totalidade o Sol escurecerase por completo durante máis dun minuto e 40 segundos (por exemplo en Ribadeo: 1'49") e a medida que nos afastamos dese espazo a duración do fenómeno será inferior. Nas cidades da Coruña ou Lugo a eclipse será total durante 1 minuto e vinte segundos e en Malpica ou Monforte durará uns 40 segundos. En Ponteceso, Oroso, Rodeiro ou Manzaneda, uns 20 segundos.

    Os horarios e tempos exactos poden consultarse en varias páxinas web, como a lanzada por Turgalicia, que ofrece datos para cada concello. Ou, de forma máis detallada, na web do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), que permite consultar as características de calquera punto nun mapa que ademais ten en conta a visibilidade do Sol nese momento: a elevación no horizonte e a presenza ou ausencia de obstáculos orográficos cando se olle cara o punto do solpor.

  3. 03

    Os mellores solpores

    Porque eses son os outros dous elementos fundamentais para observar a eclipse nas mellores condicións. Non só se trata de estar nunha zona na que a eclipse sexa total, senón que o ideal é que esta estea canto máis ao oeste mellor, para que o Sol, que estará xa preto do horizonte, estea o máis alto posible. Iso sucederá en Galicia, pero non noutras comunidades autónomas. Por exemplo, na Coruña ou Lugo o momento da totalidade chegará ás 20:28 (74 minutos antes do solpor) e en Valencia será ás 20:32 (29 minutos antes do ocaso).

    Pero, ademais, a outra condición é que non haxa obstáculos no horizonte cando se mire cara ao oeste, algo que se dá en moitos lugares de Galicia, especialmente no litoral, ollando cara o mar. Ou, se non, nunha zona elevada. En xeral, calquera punto que habitualmente sexa un bo lugar para presenciar o solpor, especialmente no verán, será un bo punto para ver a eclipse. En Galicia, pola súa situación xeográfica, é posiblemente o mellor lugar do Estado para ver unha posta de sol. Nesta outra ducia debullamos xa algúns destes lugares.

    Iso si, ten que cumprirse tamén a derradeira condición: que o 12 de agosto o ceo estea despexado. Algo que, sabémolo, non sempre se cumpre en Galicia, tampouco no verán.

  4. 04

    Costa da Morte

    Se falamos de solpores, a Costa da Morte leva a dianteira. En moitos lugares dese litoral poden presenciarse algúns dos máis fermosos solpores de Europa. No Santuario da Virxe da Barca, en Fisterra ou, máis ao sur, en Carnota, Louro ou Baroña. Porén, en ningún destes puntos a eclipse será total, o mesmo que nas Rías Baixas. Ollo, seguro que o espectáculo será tamén grandioso neles no momento en que o Sol se escureza case ao completo.

    En cambio a eclipse si será total en Punta Nariga, en Malpica, outro lugar habitualmente destacadao pola fermosura das súas postas de sol. Durará pouco, iso si, uns 40 segundos.

  5. 05

    A Coruña

    A Coruña (e a súa comarca) será un dos epicentros do fenómeno, con milleiros de visitantes que se achegarán á cidade eses días para ver dende alí a eclipse. Lugares para facelo haberá moitos, todos os que habitualmente son bos para ver a posta de sol. Monticaño, o monte de San Pedro, O Portiño, a praia do Orzán (na imaxe), o Matadoiro, a Torre de Hércules... E, xa en Oleiros, Santa Cruz ou o Faro de Mera. Calquera deles (e moitos máis) serán pefectos para ver sen obstáculos o evento, que aquí durará 1 minutos e 16 segundos.

  6. 06

    Ferrolterra

    Tamén Ferrol e a súa comarca, no seu conxunto, contan con ducias de lugares que será espazos privilexiados de observación, moitos deles dende as propias praias. Dende a praia de Doniños (na imaxe), Chanteiro ou San Xurxo. Ou cabos como Prior ou Punta Frouxeira. Ou lugares elevados como Monte Ventoso, Montefaro ou -xa no interior da ría, pero con magníficas vistas- o Monte de Ancos (Neda).

  7. 07

    Ortegal

    A comarca do Ortegal será igualmente, un dos mellores lugares do mundo para ver a eclipse. A Estaca de Bares, en Mañón, será o primeiro punto da Península no que o Sol escurecerá por completo. E nos lugares de miren ao oeste haberá un visión perfecta do fenómeno, que se sumará á beleza deste litoral. Por exemplo no impresionante Cabo Ortegal. Ou no famoso banco de Loiba (o "máis fermoso do mundo", grazas a unha mala tradución de bank). A eclipse total durará case 1 minuto e 50 segundos. 

  8. 08

    A Mariña

    O litoral da Mariña inclúe tamén un gran número de inmellorables puntos de observación, por exemplo Punta Roncadoira, en Xove (na imaxe), o Miradoiro de San Roque (Viveiro), o Miradoiro do Duque (Xove), a Praia das Catedrais (Ribadeo) ou o Faro de Illa Pancha, tamén en Ribadeo. A duración da eclipse total será de preto de 1 minuto e 50 segundos.

  9. 09

    Ribeira Sacra

    Ata agora destacamos unicamente lugares situados no litoral. É certo que cando se olla un solpor na costa occidental pode observarse o Sol máis tempo, ao carecer de obstáculos no horizonte. Pero tamén son fermosas as postas de Sol no interior, sobre todo en lugares elevados. É o caso do Miradoiro do Cabo do Mundo, no Saviñao (na imaxe). Trátase dun lugar onde o Miño fai un pronunciado meandro, o que incrementa a beleza da vista que, ao estar orientada cara ao oeste, permite ver a caída do Sol. A eclipse, iso si, terá aquí unha duración curta, uns 30 segundos.

  10. 10

    Monforte de Lemos

    A eclipse tamén será total en Monforte de Lemos. E dende o alto do seu castelo se seguro que haberá unha boa vista do fenómeno, ollando cara ao oeste. A duración, iso si, será curta: uns 40 segundos.

  11. 11

    Ourense, unha eclipse a medias...

    Non se poderá ver a eclipse total, en cambio, no famoso Bambán do Solpor, en Nogueira de Ramuín, dende onde se ve unha espectacular posta do Sol, pero onde a ocultación do Astro Rei non chegará ao 100% (a liña que delimita a franxa de totalidade pasa uns poucos quilómetros ao norte). Sucederá o mesmo noutro dos máis populares miradoiros ourensáns: o do Val do Medo, en Xunqueira de Espadanedo.

  12. 12

    ...agás nalgúns lugares

    En cambio, a eclipse si será noutras zonas da provincia de Ourense, coma en Manzaneda, que conta con varios miradoiros espectaculares (coma o da imaxe), Pobra de Trives, Viana do Bolo ou a totalidade da comarca de Valdeorras. En Manzaneda a eclipse total durará uns 40 segundos, pero no Barco de Valdeorras pasará do minuto.