Galicia, ás portas da histórica eclipse total de Sol de 2026: "Será un momento único na vida"

Recreación dunha eclipse solar sobre a auga CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal Imaxe: visitsacketsharbor (CC-BY-SA)

Este sábado pola mañá Galicia vivirá unha eclipse parcial de Sol que se poderá ver -se a nubosidade prevista o permite- entre as 10:42 e as 12:39 horas, acadando o seu máximo ao redor das 11:40, momento no que o 40% do Sol ficará oculto

Este sábado pola mañá Galicia vivirá unha eclipse parcial de Sol que se poderá ver -se a nubosidade prevista o permite- entre as 10:42 e as 12:39 horas, acadando o seu máximo ao redor das 11:40, momento no que o 40% do Sol ficará oculto. Eclipses solares parciais coma esta son relativamente frecuentes, cunha maior ou menor magnitude. 

En cambio, as eclipses totais son un acontecemento moito máis insólito. E Galicia vai poder asistir a unha no verán do vindeiro ano 2026, o 12 de agosto. Será a primeira eclipse total de Sol na Península Ibérica dende o 17 de abril do ano 1912. En Galicia, despois de 2026, haberá que agardar uns 400 anos para ter unha oportunidade semellante. Constitúe, polo tanto un acontecemento histórico para varias xeracións, que ninguén debería perder e ao que hai que asistir seguindo algunhas importantes pero sinxelas normas de seguridade. 

Curiosamente, o verán seguinte (o 2 de agosto de 2027) poderemos ver unha nova eclipse de Sol que será total no extremo sur da Península (Cádiz, Málaga...) e que en Galicia acadará unha magnitude importante, de entre o 72% e o 80% de escurecemento do astro. Finalmente, o 26 de xaneiro de 2028 terá lugar unha eclipse anular que en Galicia se verá -no solpor- como unha eclipse parcial. A Península Ibérica non volverá asistir a unha nova eclipse total de Sol ata o 12 de setembro do ano 2053. E, ademais, nese ano só se poderá ver na súa totalidade no extremo sur e unicamente no momento do amencer (ao redor das oito da mañá).

Eclipse total do 12 de agosto © IGN

Será o anticipo da histórica eclipse total de Sol do 12 de agosto do vindeiro ano 2026. A primeira na Península Ibérica dende 1912 e que en Galicia non se repetirá en máis de 400 anos

A eclipse total de agosto de 2026, un momento "único"

Temos por diante, polo tanto, dous anos e medio de destacados fenómenos astronómicos, unha xeira que comeza este sábado, cun fenómeno menor, pero que ofrece a oportunidade de comezar a falar do tema e, sobre todo, da cita do 12 de agosto de 2026, un momento "unico na vida", segundo destaca Óscar Blanco Varela, presidente da Agrupación Astronómica Ío da Coruña e, ademais, é responsable do Observatorio Astronómico de Trevinca, na Veiga. 

O astrónomo asistiu xa a nove eclipses totais polo mundo adiante "por suposto obrigado a viaxar fóra da Península Ibérica, percorrendo case todos os continentes", comenta. "A primeira foi en Capadocia, en Turquía, en 2006 e a última o pasado ano nos Estados Unidos, en Arkansas", di.

"O momento máis espectacular é cando a Lúa tapa por completo o Sol e podes ver a coroa solar, coma un anel de diamantes. É un momento moi emocionante, no que moita xente adoita berrar, sobre todo cando o ve por primeira vez"

"É moi interesante asistir a todo o proceso, ver como vai minguando a luz con moita rapidez, sobre todo nos últimos minutos, antes da totalidade. Tamén ver como cambia a paisaxe. É unha luz indescritible, para poder definilo hai que velo. É unha luz moi estraña, como metálica", comenta. E engade: "o momento máis espectacular é cando a Lúa tapa por completo o Sol e podes ver a coroa solar, coma un anel de diamantes. É un momento moi emocionante, no que moita xente adoita berrar, sobre todo cando o ve por primeira vez".

"Cando a lúa tapa o Sol nunha eclipse total faino dunha maneira case perfecta, pois a Lúa é 400 veces máis pequena que o Sol e está 400 veces máis preto e entón o tamaño angular do Sol e da Lúa no ceo é moi semellante, por iso nas eclipses a Lúa tapa completamente a parte brillante do Sol, a que nos cega, e podemos ver a coroa solar", explica.

Eclipse total do 12 de agosto de 2026 © IGN

A eclipse do vindeiro ano será total nunha ampla franxa de Galicia, o espazo situado ao norte dunha liña que vai dende a Costa da Morte ata Pena Trevinca, incluíndo a totalidade da provincia de Lugo, a metade da provincia da Coruña e a parte máis oriental da de Ourense

Onde ver a eclipse total do vindeiro ano

No mapa pode verse a zona de sombra da eclipse do 12 de agosto do 2026 (o espazo no que a eclipse será total), unha ampla franxa que en Galicia abranguerá o espazo situado ao norte dunha liña que vai dende a Costa da Morte ata Pena Trevinca, incluíndo a totalidade da provincia de Lugo, a metade da provincia da Coruña e a parte máis oriental da de Ourense. 

No resto a eclipse non será total, aínda que a ocultación do Sol superará o 99%. Aínda así Óscar Blanco recomenda asitir ao fenómeno nas zonas de sombra pois sinala que "a diferenza entre unha eclipse total e unha parcial a nivel visual e a nivel das emocións que provoca é enorme, non ten nada que ver". Aínda que pareza que entre ver unha eclipse cunha ocultación do 90% e outra do 100% non hai diferenza, si que a hai. "E moita", di o astrónomo, "mesmo entre o 99% e o 100% a diferenza é moi grande", comezando polo feito de que nunha eclipse total pódese mirar o Sol, sen perigo, no momento en que o Sol está completamente tapado, mentres que se só está tapado ao 99% isto non se debe facer.

Óscar Blanco recomenda asitir ao fenómeno nas zonas de sombra pois sinala que "a diferenza entre unha eclipse total e unha parcial a nivel visual e a nivel das emocións que provoca é enorme, non ten nada que ver"

"É algo único. A xente que non viva na zona de totalidade, eu animaríaa a que ese día se desprace para velo en boas condicións", recomenda. Haberá que emprestar, ademais, moita atención á predición meteorolóxica, para buscar un lugar que ese 12 de agosto estea despexado. 

Neste senso, Blanco fai un chamamento para ese 12 de agosto se declare día festivo, para facilitar os desprazamentos das persoas que non se atopen nas zonas de sombra. "Na última que vin eu, o luns 8 de abril do ano pasado, nos Estados Unidos, declarouse día festivo nos Estados nos que se podía ver de forma total", comenta.

A eclipse do vindeiro ano vai ter unha duración de algo máis dun minuto nas zonas de Galicia nas que mellor se vexa, superando os 100 segundos (un minuto e corenta segundos) no Ortegal e na Mariña. Óscar Blanco recomenda, neste senso, desprazarse a estes lugares nos que o fenómeno dura máis dun minuto (nas cidades da Coruña e Lugo, por exemplo, a duración será de ao redor dun minuto e vinte segundos). 

Eclipse total do 12 de agosto de 2026 en Lugo © IGN

A eclipse do vindeiro ano vai ter unha duración de algo máis dun minuto nas zonas de Galicia nas que mellor se vexa, superando os 100 segundos (un minuto e corenta segundos) no Ortegal e na Mariña

Blanco comenta que "as eclipses son máis atractivas cando non duran moito, como vai ser neste caso". "A órbita da lúa é lixeiramente elíptica e polo tanto ás veces está máis lonxe e outras máis preto da Terra. Polo tanto, nalgunhas eclipses tapa máis o Sol e noutras tápao menos, ás veces non chegando a tapalo por completo, nas eclipses anulares, como a que vai haber en 2028 ou a que houbo en Galicia en 2005. Pero, de igual xeito, se o tapa de máis, non se observa tan ben a coroa solar", explica, concluíndo que "este é perfecto, neste sentido".

De igual xeito, sinala que "as eclipses co Sol máis preto do horizonte son tamén máis bonitas que cando o Sol está máis alto". Será tamén o caso da eclipse do ano que vén, que comezará ás sete e media da tarde e terá o seu máximo (será total nese momento) ao redor das oito e media, unha hora antes do solpor.

Iso si, "se estás no borde da zona de sombra, a eclipse vai ser total, pero vai durar poucos segundos, polo que é mellor desprazarse un pouco máis. Se están en Ourense, é mellor coller o coche e achegarse cando menos ata Sarria", sinala. 

"As eclipses co Sol máis preto do horizonte son tamén máis bonitas que cando o Sol está máis alto", destaca Óscar Blanco

O astrónomo recomenda aproveitar o 12 de agosto deste ano para atopar o mellor lugar para observar o fenómeno do ano seguinte, comprobando en que lugar se atopa o Sol ese día á hora da futura eclipse, para escoller unha boa localización para o 2026. 

Óscar Blanco aínda non ten decidido en que lugar vai ver a eclipse, aínda que recoñece que "despois de ter visto tantos polo mundo adiante" lle gustaría velo na cidade na que vive, A Coruña, ou nalgunha zona próxima, coma Oleiros. En todo caso, di que "en función do tempo terei que estar preparado por se teño que coller o coche e tirar para Ponferrada ou onde sexa".

Esquema dunha cámara estenopeica. Martin Pawley, adaptado dunha imaxe da NASA © Martin Pawley

As necesarias precaucións

A primeira norma dunha eclipse é que nunca se debe observar o Sol directamente e tampouco con lentes de sol. Tampouco se recomendan filtros caseiros coma radiografías ou lentes de soldador

Hai moitas formas de mirar unha eclipse, pero é moi importante seguir unha normas básicas de seguridade para evitar lesións nos ollos que poden chegar a ser moi graves. A primeira norma dunha eclipse é que nunca se debe observar o Sol directamente e tampouco con lentes de sol. Aínda que nos pareza que non hai perigo, pois a luminosidade é baixa, non debemos facelo. A importante cantidade de radiación que emite o Sol a diversas lonxitudes de onda (principalmente infravermello, visible e ultravioleta) pode danar a vista, producindo mesmo cegueira se a observación é prolongada.

Tampouco debe observarse o Sol con aparellos (cámaras, vídeos) ou instrumentos (telescopios, prismáticos) que non estean preparados para iso e dispoñan dos filtros solares correspondentes. Deben igualmente evitarse os filtros non homologados para a observación segura do Sol. 

Cales son as alternativas seguras? A primeira é a través dunha cámara estenopeica (ou cámara escura), que calquera pode fabricar na súa casa de maneira moi sinxela, como indica neste texto a Agrupación Astronómica Ío. Basicamente consiste en realizar un pequeno buraco de menos dun centímetro nun papel ou cartón, proxectando despois sobre algún tipo de pantalla, á sombra, a luz do Sol.

Eclipse total do 12 de agosto de 2026 © IGN

Cales son as alternativas seguras? A primeira é a través dunha cámara escura, que calquera pode fabricar na súa casa de maneira moi sinxela. Ademais, o Sol pode ser observado con seguridade mediante uns filtros denominados comunmente lentes de eclipse, que deben estar convenientemente homologados

Ademais, o Sol pode ser observado con seguridade mediante uns filtros denominados comunmente lentes de eclipse. Porén, é importante comprobar que estes elementos estean convenientemente homologados pola Unión Europeo para a observación solar (índice de opacidade 5 ou maior), Ademais, deben ser usadas seguindo as instrucións impresas nelas e estar en perfecto estado de conservación. A observación mediante lentes de eclipse debe realizarse durante curtos períodos de tempo (medio minuto) seguidos de descansos de maior duración, e nunca usalas conxuntamente cuns prismáticos ou un telescopio.

Desaconséllase usar filtros caseiros, como cristais afumados, gafas de soldador ou radiografías, pois algúns destes sistemas filtran a luz visible pero non a invisible (radiación infravermella e ultravioleta), e poden causar danos transitorios ou permanentes á vista. 

Todas estas importantes recomendacións deben aplicarse todo o tempo, agás no propio momento da eclipse total, ese minuto no que o astro estará totalmente cuberto. Nesa breve franxa si é seguro mirar directamente ao Sol

Óscar Blanco apunta que todas estas importantes recomendacións deben aplicarse todo o tempo, agás no propio momento da eclipse total do Sol, ese minuto no que o astro estará totalmente cuberto. Nesa breve franxa si é seguro mirar directamente ao Sol.

O resto do tempo a observación directa debe evitarse "como faríamos calquera outro día". "É o Sol de sempre. Non pasa nada se o miras un par de segundos, pero se o miras máis tempo si que necesitas lentes con filtros homologados", sinala e recomenda "ter coidado á hora de mercalos, porque pode haber un mercado un tanto enganoso".

Eclipse parcial de Sol do día 2 de agosto de 2027 en Ourense © IGN

Eclipse parcial do 29 de marzo de 2025

Este sábado pola mañá teremos o aperitivo desta sucesión de eclipses. Unha eclipse parcial que escurecerá lixeiramente a luz do Sol (un 40%) a media mañá (terá o seu máximo pouco antes das 12). A previsión meteorolóxica apunta a que os ceos estarán cubertos, polo que a visibilidade do fenómeno podería ser escasa en boa parte de Galicia. 

 InicioMáximoFinalMagnitude
A Coruña10:4411:4012:390,43
Lugo10:4511:4012:380,42
Ourense10:4311:3912:370,41
Pontevedra10:4211:3812:370,41

 

Eclipse total do 12 de agosto de 2026

O gran momento desta sucesión de eclipses en Galicia vivirémolo o 12 de agosto. A franxa de totalidade cruzará o Ártico e o Atlántico norte, rozando a Groenlandia e Islandia ata chegar á Península Ibérica, onde o Sol se ocultará por completo entre a Costa da Morte e Cantabria, nunha área que se desprazará por Castela e León, o sur de Aragón e Cataluña e o norte da Comunidade Valenciana ata rematar pouco despois de pasar polas Illas Baleares.

O fenómeno poderá verse nas últimas horas da tarde, preto do solpor, pois na cidade da Coruña comezará ás 19:31, terá o seu máximo ás 20:28 (o Sol ocultarase por completo durante 76 segundos, co Sol 8 graos por riba do horizonte) e rematará ás 21:22, momento da posta do Sol. 

 

Eclipse parcial do 2 de agosto de 2027

Practicamente un ano despois Galicia gozará dunha nova eclipse, esta parcial (pero cunha ocultación do 75%, máis importante canto máis ao sur) e, desta volta, pola mañá. Por exemplo, na cidade de Ourense a eclipse comezará ás 09:45, terá o seu máximo ás 10:48 (o Sol ocultarase nun 81%) e finalizará ás 11:56.

O sur de España será a zona de toda Europa dende onde mellor se poderá seguir o fenómeno, que tamén será total na costa do norte de África ou no sur da Península Arábiga.

 

Eclipse anular do 26 de xaneiro de 2028

Esta xeira de eclipses rematará en xaneiro de 2028 cunha eclipse anular de Sol, que en Galicia se verá como unha eclipse parcial. O fenómeno observarase na súa totalidade na metade sur de España e na costa do Mediterráneo e en Galicia a porcentaxe de ocultación estará entre o 69% (na costa coruñesa) e o 75% (en Valdeorras).

A eclipse terá lugar, ademais, co sol moi baixo (en Pontevedra comezará ás 16:27 e terá o seu máximo ás 17:53, xa moi preto do solpor). E nunhas datas invernais que fan probable que coincida cun día de ceos cubertos de nubes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.