A choiva de estrelas fugaces das Perseidas: cen meteoros por hora visibles sen contaminación luminosa

Ceo estrelado nas Illas Atlánticas © Ángel Torres

 

A choiva de estrelas fugaces terá o seu momento álxido esta fin de semana, na noite do 12 ao 13 de agosto, favorecida pola fase lunar, que estará entre minguante e nova 

O verán boreal é a estación máis longa das catro polas que pasamos ao longo do ano e un dos seus principais acontecementos astronómicos é a observación das Perseidas. A choiva de estrelas fugaces terá o seu momento álxido esta fin de semana, na noite do 12 ao 13 de agosto, favorecida pola fase lunar, que estará entre minguante e nova e que, polo tanto, "non vai estorbar durante a noite", como sinala o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo

Dende lugares sen contaminación luminosa chegarán a observarse sobre cen estrelas fugaces á hora, contando os meteoros moi febles. Este tipo de contaminación fai que nas proximidades das cidades ou en zonas con forte iluminación o número de meteoros visibles diminúa considerablemente. O  Observatorio Astronómico Ramón María Aller organiza nesta noite de especial visibilidade das Perseidas unha 'Noite Astronómica' en Lalín, que recibiu en abril a certificación como destino turístico Starlight grazas ao traballo de campo desenvolvido polo persoal do Observatorio e do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia. 

Visitas astronómicas desde a Cidade da Cultura © Manuel G. Vicente

Este sábado 12 ás dez da noite, José Ángel Docobo e o investigador Pedro Pablo Campo guiarán as observacións a simple vista e observacións telescópicas de obxectos como estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas e mesmo do planeta Saturno dende o alto de Rodelas, na parroquia lalinense de Maceira, que ofrece unha espectacular panorámica da Vía Láctea.

As Perseidas non son outra cousa que diminutos fragmentos do cometa Swift-Tuttle, que cun tamaño inferior ao de grans de arroz, entran na atmosfera a gran velocidade, deixando ao seu paso un rastro luminoso

Os planetas Marte, Xúpiter e Saturno vense cada vez máis tempo ao longo das noites estivais, podéndose contemplar Venus como luceiro do alba nas noites de agosto. Ademais, ata mediados deste mes Mercurio estará en boas condicións de ser observado a simple vista ao anoitecer. Para os eclipses haberá que agardar: "No outono teremos a posibilidade de contemplar unha eclipse parcial de Lúa, aínda que de moi pouca magnitude, na tarde noite do 28 de outubro", explica Docobo.

Haberá máis 'Noites Astronómicas' coa participación do investigador Xabier Pérez Couto do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Terán lugar no alto de San Bartolomeu do concello de Santa Comba, o venres 18 de agosto; en Allariz, o luns 21; no Observatorio da vila en Lalín o mércores 23; no paseo de Silgar de Sanxenxo o xoves 24; e en Rianxo o venres 25 de agosto, coincidindo coa inauguración da mostra fotográfica Xoias do Ceo, de Francisco Javier Cerdán Núñez, que inclúe imaxes de estrelas, estrelas múltiples, cúmulos estelares, distintas nebulosas pertencentes á Vía Láctea e fotografías doutras cinco galaxias diferentes e poderá ser visitada ata finais de setembro. 

Vista telescópica da Gran Nebulosa de Orión tomada por Francisco J. Cerdán, colaborador do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC © Francisco J. Cerdán

As Perseidas tamén se coñecen como bágoas de San Lorenzo, pois o 10 de agosto está dedicado no santoral a este diácono de Roma que sufriu martirio asado nunha grella no ano 258. Pero en realidade non son outra cousa que diminutos fragmentos do cometa Swift-Tuttle, que cun tamaño inferior ao de grans de arroz, entran na atmosfera a gran velocidade, deixando ao seu paso un rastro luminoso que pode chegar a durar varios segundos, describen desde a Casa das Ciencias da Coruña. Este cometa achégase á Terra cada 120 anos no seu percorrido arredor do Sol renovando a corrente de partículas que o noso planeta atravesa cada ano por estas datas.

Non se precisan instrumentos ópticos xa que os meteoros poden verse por toda a bóveda celeste a simple vista

Entre o venres 11 e o xoves 17 de agosto, a rede de Museos Científicos Coruñeses incluirá recomendacións para observar as Perseidas nas sesións en directo do planetario da Casa das Ciencias. Para asistir é preciso obter entradas o mesmo día da sesión, desde a apertura do museo ás 10 horas. 

Para gozar das Perseidas non se precisan instrumentos ópticos, como prismáticos ou telescopios, nin se requiren coñecementos especiais de astronomía, xa que os meteoros poden verse por toda a bóveda celeste a simple vista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.