Unha ducia de lugares de Galicia onde ver a noite estrelada, desaparecida nas cidades
Hai uns días dous investigadores da USC denunciaron nun artigo publicado na revista Science "a perda da noite estrelada" debido ao incremento da contaminación lumínica e pedían unha maior concienciación sobre o dano provocado polo brillo nocturno artificial. En efecto, a pesar de que no 2015 o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha declaración "en defensa do ceo nocturno", nas zonas urbanas xa case non se ven estrelas, pero afortunadamente en Galicia contamos aínda con lugares onde é posible observar un ceo limpo, algúns deles certificados pola Fundación Starlight, que traballa para valorar o ceo estrelado e promover estes destinos.
-
01
Trevinca (A Veiga)
O punto máis elevado de Galicia é tamén un dos mellores para ver as estrelas e, ademais, un dos que conta coa acreditación Starlight dende hai máis tempo, dende o 2015. Pena Trevinca e, en xeral, todo o concello da Veiga, é un destino turístico astronómico ideal para observar o ceo nocturno e contemplar, por exemplo, a Vía Láctea.
-
02
Costa da Morte
Hai uns días, no marco de Fitur, o xeodestino Costa da Morte recibiu o certificado como Destino Turístico Starlight, unha distinción que recoñece as bos condicións para contemplar o ceo nocturno de 17 concellos da comarca: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. Hai uns anos, unha investigación de Dominic Royé concluíu que a Costa da Morte era a zona de litoral con menor contaminación lumínica.
-
03
Punta Nariga
Dentro da Costa da Morte, un dos lugares máis visitados para observar as estrelas é Punta Nariga, un punto no que se poden tirar imaxes tan espectaculares coma esta. O mesmo que Santo Hadrián, tamén en Malpica, seguramente un dos concellos da zona que presenta mellores condicións.
-
04
Muras
Grazas á limpeza dos seus ceos e as inmellorables condicións de visión, o Concello de Muras é Destino Turístico Starlight, avalado pola Fundación Starlight dende o ano 2020, achegando novos atractivos para visitar a localidade. Alí, a Sociedade Galega de Historia Natural organiza actividades astronómicas periodicamente para contemplar o ceo e facer astrofotografía, como esta imaxe, asinada por Marcos López Alonso.
-
05
Illas Atlánticas
Outro dos lugares de Galicia con certificación como destino Starlight é o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que conta con esta distinción dende o ano 2017. Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada teñen un ceo limpo, pero que non está libre de ameazas, sobre todo as provenientes das luces do continente, en especial de áreas urbanas coma Vigo. "Competir entre cidades por ver cal ten máis luz é un retroceso nos obxectivos marcados para reducir a contaminación, alertaba nesta entrevista Antonia Varela Pérez, astrofísica e directora da Fundación Starlight.
-
06
Camping Cíes
Dentro do Parque das Illas Atlánticas o camping situado nas Illas Cíes conta cunha certificación Starlight específica debido ás actividades de observación das estrelas que organiza para os seus clientes, con rutas de observación astronómica nocturna
-
07
Mirador de Faro de Avión (Covelo)
O Mirador Castelo do Faro de Avión, en Covelo, é un dos máis espectaculares de Galicia, con vistas de 360 graos. Pero, ademais, polas noites é un excelente punto para observar o ceo estrelado, recoñecido dende o ano 2021 como Paraxe Starlight grazas á instalación un ano antes dun mirador astronómico
-
08
Observatorio Astronómico de Forcarei
O Observatorio Astronómico de Forcarei abriu as súas portas no ano 2009 e na actualidade mantén actividades de acceso público, como xornadas de portas abertas e visitas concertadas a través da súa web
-
09
El Observatorio astronómico de Cotobade
El Observatorio astronómico de Cotobade está xestionado pola Asociación Sirio e promove actividades relacionadas co mundo da Astronomía. Conta cun planetario didáctico cunha cúpula de 4 metros de diámetro.
-
10
San Xoán de Río
Aínda que de momento non conta con certificado Starlight, San Xoán de Río vén sendo tradicionalmente un dos destinos habituais para ver o ceo nocturno en Galicia, sobre todo dende A Casa das Estrelas situada no albergue Os Biocos. Na actualidade o Concello ten en marcha un proxecto para converter este antigo albergue xuvenil "nun espacio polivalente para funcionar en base sobretodo ao coñecemento e a ciencia”
-
11
Albarari (Oleiros e Sanxenxo)
Moi diferente é a proposta dos establecementos de Albarari en Oleiros e Sanxenxo, que ofrecen "burbullas astronómicas" no seu glamping, aproveitando o crecente interese polo turismo de estrelas. Albarari recibiu o pasado 2021 a primeira certificación galega como Campamento Starlight, "instalacións acreditadas que organizan actividades dirixidas a promover el coñecemento do ceo estrelado como parte da natureza e a experimentar un turismo sostible".
-
12
A Pedreira (Cuntis)
Tamén conta cunha certificación Starlight a casa rural A Pedreira, en Cuntis. A Fundación reserva unha categoría específica para as casas rurais que presentan condicións óptimas de limpeza de ceo e instalacións e aparellos axeitados para a observación das estrelas