Malpica promocionarase como destino turístico para a observación do ceo nocturno

A Vía Láctea, dende Punta Nariga, en Malpica © Camping Sisargas

A iniciativa destacará as virtudes de Punta Nariga e Santo Hadrián, que polas súas características xeográficas constitúen dous enclaves privilexiados para a observación do ceo nocturno

A Costa da Morte é un lugar privilexiado para observar o ceo nocturno, como se pode comprobar nas imaxes publicadas decote por afeccionados e afeccionadas á fotografía. E, de feito, o investigador Dominic Royé concluíu que a Costa da Morte era a zona de litoral con menor contaminación lumínica.

Aproveitando estas inmellorables condicións, nos vindeiros meses Malpica impulsará o concello como destino xeoturístico astronómico. En especial, a iniciativa destacará as virtudes de Punta Nariga e Santo Hadrián, que polas súas características xeográficas constitúen dous enclaves privilexiados para a observación do ceo nocturno. A súa singularidade reside, entre outros factores, no feito de ser dos escasos lugares en Galicia dende os que se pode ver saír e poñerse o Sol sobre o mar en certas épocas do ano.

Solpor en Punta Nariga, Malpica CC-BY-SA alfonso maseda varela

O Concello pretende obter financiamento para "preservar a calidade de observación dos nosos ceos, algo fundamental no turismo astronómico"

Este luns mantiveron unha xuntanza no Concello o alcalde, Walter Pardo, a concelleira de Cultura, Leticia Varela, o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo, o fotoperiodista Basilio Bello, e o catedrático de de Física Aplicada da USC, Jorge Mira, que no ano 2014 realizou un estudo técnico que serve como piar para este proxecto.

Outro dos elementos que sustentan esta iniciativa é a baixa contaminación lumínica que presenta Malpica e, en xeral, toda a Costa da Morte. Vencellado a isto, o Concello pretende obter financiamento para "preservar a calidade de observación dos nosos ceos, algo fundamental no turismo astronómico", comentan desde o goberno local.

"Malpica, e concretamente os puntos de Santo Hadrián e Punta Nariga, teñen unha serie de condicións para facer deste lugar un enclave único en materia de astroturismo"

Desde o Goberno municipal destácase que esta é "unha oportunidade única para poñer en valor o noso territorio" e saliéntase o traballo realizado por Jorge Mira e tamén por Basilio Bello, que levou a cabo un traballo fotográfico que tamén serviu para asentar o proxecto. Pola súa banda, tanto Jorge Mira como Basilio Bello comentan que "Malpica, e concretamente os puntos de Santo Hadrián e Punta Nariga, teñen unha serie de condicións para facer deste lugar un enclave único en materia de astroturismo".

Santo Hadrián (Malpica) CC-BY-SA m dolores paderne

O Concello anuncia, así mesmo, que estudará tamén a posible certificación de Malpica como ‘Destino turístico Starlight’

O Concello anuncia, así mesmo, que estudará tamén a posible certificación de Malpica como ‘Destino turístico Starlight’. Estes destinos Starlight son lugares con condicións favorables para a observación do ceo estrelado, que cada vez atraen máis visitantes. Trátase dunha certificación outorgada pola Fundación Starlight, con sede nas Illas Canarias. En Galicia dous espazos teñen esa condición: Trevinca e as Illas Cíes; e un máis -o Concello de Muras- iniciou o proceso para acadar tamén esa distinción. 

"Búscase que ese turismo de estrelas sirva para promover o desenvolvemento local neses lugares, que pertencen sempre a espazos rurais. É un tipo de turismo que obriga a pernoctar alí, polo que deixa bastantes recursos", dicía en entrevista con Praza.gal Antonia Varela Pérez, astrofísica e directora da Fundación Starlight.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.