Unha ducia de lugares de Galicia onde ver os mellores solpores do mundo
Os mellores solpores do mundo vense en Galicia, iso é así. A xeografía galega, cun litoral que mira cara ao oeste atlántico, ofrece inigualables imaxes cando se deita o sol. O proxecto Atlantic Sunset, coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois busca promover a contemplación do solpor "como unha forma de turismo única, sustentable e integradora do Espazo Atlántico". Repasamos aquí unha ducia de lugares nos que gozar deste espectáculo.
-
01
Santuario da Virxe da Barca
O Santuario da Virxe da Barca, en Muxía, é a primeira parada desta viaxe. Atópase, ademais, moi preto do Cabo Touriñan, que é, durante dous meses ao ano, o último lugar da Europa continental no que se pon o sol: entre o 24 de marzo e o 24 de abril e dende o 18 de agosto ao 19 de setembro.
Imaxe: Fran Castiñeira (CC BY-NC-ND)
-
02
Cabo Fisterra
A fin da Terra. E, para moitos e moitas, a fin do camiño. Por iso é tradición baixar ao pé do faro do Cabo Fisterra para ver desaparecer o sol.
Imaxe: Alberto García (CC-BY-SA)
-
03
Castro de Baroña
Tamén é máxico o Castro de Baroña, outra localización ideal para ver caer o sol no horizonte atlántico
Imaxe: Noel Feáns (CC-BY)
-
04
Illa de Arousa
A Illa de Arousa ten múltiples recunchos para ver rematar o día sobre o mar. Por exemplo, o Faro de Punta Cabalo.
Imaxe: Adolfo Abalo (CC BY)
-
05
Ría de Pontevedra
Calquera das rías galegas -sobre todo as que se abren cara ao oeste- ofrece estampas fermosísimas nestas tardiñas de verán. Tamén a de Pontevedra, dende Poio ou Marín, pero tamén dende o alto da propia capital provincial.
Imaxe: Luís Pereiro (CC BY-NC-ND)
-
06
Costa da Vela
Entre os solpores máis fermosos de Galicia están os que se poden contemplar dende a Costa da Vela, en Cangas. Dende Cabo Home ou dende o Facho de Donón, sempre coas Illas Cíes no horizonte
Imaxe: Javier Torres Pereira (CC-BY-SA)
-
07
Ponte de Rande
Hai que elixir o lugar, pero é posible ver caer o sol pola Ponte de Rande dende o fondo da Ría de Vigo. Un solpor de postal.
Imaxe: Luís Pereiro (CC BY-NC-ND)
-
08
Monte do Boi (Baiona)
Máis ao sur, en Baiona, pódese ver desaparecer o sol detrás do Monte do Boi, por exemplo dende o final da Praia América
Imaxe: José Miguel Giráldez (CC-BY-NC)
-
09
Monte de Santa Trega
Moi preto, na Guarda, pódese subir ao Monte de Santa Trega para ver o solpor dende o alto, ao tempo que se contempla a desembocadura do Río Miño e a raia entre Galicia e Portugal. Nesta foto, de feito, o monte é visto dende Caminha.
Imaxe: Carlos Cortés López (CC-BY-SA)
-
10
Praia do Orzán
Tamén na cidade da Coruña hai fermosos solpores, por exemplo os que se ven dende a praia do Orzán ou dende o Monte de San Pedro cara ao oeste. Tamén dende Mera ou o Seixo Branco, dende onde se pode ver a Torre de Hércules.
Imaxe: José Castro Ruso (CC-BY-SA)
-
11
Praia de Doniños (Ferrol)
Ferrol ten algunhas das mellores praias da Penísula, todas elas ademais abertas cara ao oeste. Lugares perfectos dos que gozar dun fermoso solpor, coma o areal de Doniños.
Imaxe: A Pasada
-
12
Monte Louro
O perfil do Monte Louro é totalmente recoñecible dende unha longa extensión da Costa, dende o Barbanza ata Fisterra. Se se observa dende o leste, caendo o sol sobre el, obtéñense fotografías dunha beleza incrible, como esta.
Imaxe: Noel Feáns (CC-BY)
-
13
O bambán do solpor, Nogueira de Ramuín
Iso si, non é necesario chegar ata a costa atlántica para gozar dos mellores solpores do mundo. Iso sábeno ben na Ribeira Sacra, onde existen moitas localizacións para ver caer o sol, coma o Miradoiro de Cabo do Mundo, no Saviñao. Ou o Bambán do Solpor, instalado en Nogueira de Ramuín, no Miradoiro da Campaza