Hai poucos lugares no mundo tan bos para gozar do solpor coma o litoral galego, que olla cara o occidente atlántico. Podemos velo nas imaxes que circulan por redes sociais como Instagram, onde a etiqueta #solpor (palabra que só existe en galego), suma máis de 70.000 publicacións, como destacaba Vinte o pasado verán. Neste senso, o proxecto Atlantic Sunset, coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois busca promover a contemplación do solpor "como unha forma de turismo única, sustentable e integradora do Espazo Atlántico".
O proxecto Atlantic Sunset acaba de obter máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027
A iniciativa, liderada pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), acaba de obter máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 que ten como obxectivo apoiar iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas.
A iniciativa constitúe "unha nova oportunidade de desenvolvemento territorial conxunto vinculado á posta de sol" e que servirá "para poñer en valor a costa atlántica do oeste europeo como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional"
O proxecto, pioneiro na materia e asentado na experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia no ámbito da física e da xeografía, persegue “aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol”, en palabras dos seus coordinadores.
Os profesores da Universidade de Santiago destacan que a iniciativa constitúe "unha nova oportunidade de desenvolvemento territorial conxunto vinculado á posta de sol" e que servirá "para poñer en valor a costa atlántica do oeste europeo como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional"
A base do proxecto foi un estudo científico que o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Mira destacaba que a Costa da Morte -en concreto o Cabo Touriñan- é, durante dous meses ao ano, o último lugar da Europa continental no que se pon o sol
A base do proxecto foi un estudo científico que o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, realizou arredor das últimas postas de sol de Europa e que publicou na revista Cartography and Geographic Information Science. Grazas ao seu traballo, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais.
Nesa investigación, Mira destacaba que a Costa da Morte -en concreto o Cabo Touriñan- é, durante dous meses ao ano, o último lugar da Europa continental no que se pon o sol: entre o 24 de marzo e o 24 de abril e dende o 18 de agosto ao 19 de setembro. Os outros puntos do continente europeo que acadan esta posición noutros momentos do ano son o Cabo de São Vicente en Portugal (entre o 19 de outubro e o 21 de febreiro), o tamén luso Cabo da Roca (entre o 21 de febreiro e poucos días despois do equinoccio de primavera e dende uns días antes do equinoccio de outono ata o 19 de outubro), Aglapsvik, preto de Tromsø en Noruega (do 24 de abril ao 1 de maio e do 11 ao 18 de agosto) e Måsøy preto de Havøysund, tamén en Noruega (do 1 ao 11 de maio e do 1 ao 11 de agosto).
No marco de Atlantic Sunset vincularase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués
Así, no marco de Atlantic Sunset vincularase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués. “Isto só sucede en certas localizacións extremas do continente e das illas e cunha estacionalidade moi determinada, converténdoo nun espectáculo que cada ano atrae a máis e máis turistas chamados pola crecente demanda de astroturismo, co compoñente intrínseco de sustentabilidade que esta modalidade implica”, salientan.
Identificaranse algúns dos mellores lugares para gozar do intre do crepúsculo, levaranse a cabo estudos en colaboración coas comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e elaborarse un plan turístico que se comercializará entre as redes de visitantes potenciais
A investigación permitirá afondar nos máis emblemáticos solpores do Espazo Atlántico, os lugares onde o sol se pon máis tarde nun ou máis días durante o año, ademais de analizar o seu impacto no turismo, na cultura e na actividade económica. Deste xeito, identificaranse algúns dos mellores lugares para gozar do intre do crepúsculo, levaranse a cabo estudos en colaboración coas comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e elaborarse un plan turístico que se comercializará entre as redes de visitantes potenciais.
Ademais da USC e da Fundación CEER, integran o consorcio Wireless Galicia e Universidad de Sevilla, en España; Universidade do Porto, en Portugal; Université d´Angers, en Francia; e University of Galway, en Irlanda. Ademais, o proxecto está apoiado por un grupo diverso de entidades asociadas como Turismo de Galicia, CMAT (Costa da Morte), Innovation Norway (Visit Norway), INCITE-CSIC, Associação Nacional de Municípios Portugueses, Visit Cornwall, Mayo Dark Sky Park / Wild Nephin National Park, Technological University Dublin, Turismo de Porto e Norte e Cornwall Council.