O Caudal Fest suma a Zahara, Vega e Músculo! para a fin de semana "amigable" que pecha o verán

Un intre do Caudal Fest 2024, na contorna do Pazo de Feiras de Lugo, á beira do Miño © Caudal Fest

O festival lucense, que se celebra o vindeiro setembro, detalla a distribución por días dun cartel con bandas como Love of Lesbian, Carolina Durante, The Rapants, Elyella ou Alcalá Norte

Hai máis de media década que desapareceu o relativo baleiro musical ou festivo que marcaba a cidade de Lugo dende que as principais festas estivais de parroquias e barrios remataban, pero aínda ficaba lonxe outubro co seu San Froilán. O Caudal Fest, concibido como "a última gran festa do verán" está xa instalado na fin do setembro lucense como un festival que xa é masivo, mais que tamén pretende seguir sendo "amigable".

O Concello de Lugo, principal patrocinador público do evento, e mais a promotora Bring The Noise, organizadora do Caudal Fest, revelaron este 22 de abril os nomes das bandas e artistas que completarán o cartel da cita deste 2025, fixada para os días 19 e 20 de setembro. Fixérono na compaña de Turismo de Galicia e Estrella Galicia nunha presentación que implicou tamén desvelar a programación por días unha semana antes de que saian á venda as entradas para cada xornada.

Concerto no Caudal Fest 2024 © Caudal Fest

A principal novidade das novas incorporacións ao Caudal Fest 2025 é a de Zahara, inmersa na presentación do seu Lento ternura nun regreso aos escenarios "cunha proposta renovada que combina o íntimo e o electrónico, con letras que convidan á reflexión e unha posta en escena poderosa e coidada". "A súa presenza no Caudal Fest promete ser un dos momentos máis emocionantes da fin de semana", afirman dende a organización.

Miguel Fernández, alcalde de Lugo: "É un motor de crecemento e un espazo onde a mocidade e as familias poden gozar de propostas de calidade nunha contorna segura e amigable"

O cartel do festival lucense incorpora tamén a Vega. A consolidada cantautora chegará á beira do Miño co seu álbum Ignis que, sinalan dende o Caudal, a "reafirma como unha artista en constante evolución". Tamén estará no Caudal Fest a fusión de pop, R&B e electrónica de Yarea, unha aposta pola conexión coa xente máis moza.

As novas incorporacións teñen tamén dous selos galegos: Músculo!, que seguen a xirar coa electrónica do seu Ulla, e mais Kike Varela, "un dos nomes emerxentes da escena alternativa galega, destaca pola súa capacidade para combinar a canción de autor coa electrónica máis actual. Canda eles incorpórase tamén Lisdexia, fusión de electrónica, spoken word e punk que trae consigo "discurso xeracional e performances intensas".

Miguel Fernández, alcalde de Lugo, flanqueado por Xosé Merelles (Turismo de Galicia) e Esteban Girón (Bring the Noise), na presentación das novas incorporacións do cartel do festival, este 22 de abril © Concello de Lugo

Estas novidades súmanse a unha programación que, como xa fora anunciado, ten como cabezas de cartel a Love of Lesbian, Dani Fernández ou Carolina Durante e que xa confirmara  bandas e artistas como The Rapants, Elyella ou Alcalá Norte. Sinala o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que un ano máis o Caudal Fest "non só é unha celebración musical, senón tamén un motor de crecemento e dinamización" para a cidade, con arredor de 40.000 asistentes na edición de 2024. "É un espazo onde a cultura é concibida para todos os gustos e todas as idades, onde a mocidade e as familias poidan gozar de propostas de calidade nunha contorna segura e amigable", agrega.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.