Hai xa máis de media década que o certo baleiro que marcaba a axenda cultural e de eventos na cidade de Lugo dende as festas de diversas parroquias que marcan a fin do verán e os festexos do San Froilán, xa en outubro, quedou cuberto polo Caudal Fest. A cita impulsada polo Concello de Lugo da man de Bring the Noise e que conta tamén co apoio da Xunta foi medrando e a deste ano, subliñan, vai ser a súa edición máis grande e multitudinaria.
En vésperas do inicio dos concertos ás beiras do Miño, na contorna do Pazo de Feiras e Congresos da cidade, o consistorio e a organización do evento agardan unhas 30.000 persoas na capital lucense. "Hai tempo que se acadou o 100% de ocupación" hoteleira para estes días e "moitos asistentes están a reservar para aloxarse en municipios da contorna", destaca a alcaldes Paula Alvarellos, para ilustrar a "repercusión" do festival.
No plano estritamente musical, coas últimas entradas dispoñibles á venda, festivaleiras e festivaleiros prepáranse para un programa que incorpora un primeiro petisco este mesmo xoves. No Coliving Artístico do Carme, un novo espazo cultural municipal, actuarán de balde os lucenses Virtua Tennis. Tamén de balde será a sesión doutros vellos coñecidos do festival, os Galician Army nas Caldas do Miño (sábado, 15:00), instalación lindeira co recinto do festival e que o goberno local tamén busca promover.
Amaral, Viva Suecia, Arde Bogotá, Ginebras, Carlangas y Los Cubatas ou Lontreira, nun cartel que atrae esta fin de semana unhas 30.000 persoas á capital lucense
O programa oficial bota a andar o venres ás 17:00 con Lontreira. De aí ata a madrugada, unha decena de concertos en escenarios alternos, entre eles varios dos cabezas de cartel. Nesa xornada pasan por Lugo Amaral, Viva Suecia, Carlangas y Los Cubatas, Carlos Sadness, Varry Brava, Huecco, Karavana, Ana Lua Caiano, Xina Mora e Ramón Mirabet.
O sábado a música volve soar ás beiras do Miño dende as 17:00 con Beach Avenue. A continuación, un menú amplo con varios dos nomes clave da escena musical: Mikel Izal, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner, Ladilla Rusa, Tu Otra Bonita, Siloé, Parkineos, e Monoulious DOP, Dani Dicostas e Querido.
"Dende que no Concello apostamos, en solitario, por poñer en marcha esta cita musical no 2018, o Caudal non deixou de crecer, tanto en volume de asistentes, infraestruturas, como na calidade do seu cartel, que este ano volverá contar con algunha das bandas e artistas máis importantes", subliña Alvarellos. Canda á alcaldesa percorreron o recinto outros representantes institucionais coma o presidente da Deputación, José Tomé, ou o delegado da Xunta, Javier Arias.
Transporte público de balde cada 15 minutos
Como é habitual dende o comezo do Caudal, o recinto do festival estará conectado co centro da cidade cada cuarto de horas por autobuses urbanos gratuítos. Estes buses lanzadeira saen dende a Praza de Bretaña dende as 16:30 e ata as 3:45 da madrugada.
"Alén de ser unha alternativa de mobilidade sostible, redunda na mellora da seguridade viaria". "Trátase -subliña Alvarellos- de que as persoas asistentes non teñan que depender de vehículos particulares para
baixar ao recinto nin buscar aparcamento".