Catro días de ilusión no Lugo Máxico

Fragmento do cartel de Lugo Máxico 2024 © Lugo Máxico

O Mago Antón dirixe o festival que desprega a maxia pola cidade da Muralla do 10 ao 15 de setembro: do hospital ás prazas pasando polo auditorio Gustavo Freire e un emblemático restaurante punto de encontro de magas e magos

Lugo volve ser sinónimo de maxia. Dende este 10 de setembro e ata o día 15, case unha vintena de actividades despregan a ilusión por diferentes recunchos da cidade da Muralla nunha nova edición do consolidado Lugo Máxico.

Co Mago Antón á fronte da dirección do festival, Lugo Máxico bota a andar no serán deste martes, día 10 (20h, Vello Cárcere) coa conferencia As estancias do asombro, con Paco González. Será a primeira das sesións divulgativas, que continúan o sábado 14 (12h, Hotel Mercure) cunha conferencia para magos e magas profesionais con Joaquín Matas e o domingo 15 (11h, Vello Cárcere co obradoiro Quero ser maga, impartido por Sara Rodríguez.

O Mago Antón, presentando a programación do Lugo Máxico 2024 xunto a Maite Ferreiro, edil de Cultura © Concello de Lugo

O mago Paco González tamén é o responsable da exposición O gabinete de curiosidades no Vello Cárcere nunha edición do Lugo Máxico que, como é habitual, sae á rúa, se achega aos colexios e tamén ao Hospital Lucus Augusti (venres 13, 13h). Omago Kayto leva o seu espectáculo Alokayto á Praza Maior (día 11, 19h, e día 12, 13h), á praza Agro do Rolo (día 12, 20h) e á praza do Castiñeiro (día 13, 18h). Intríngulis, de Adrián Conde, encherá de maxia A Mosqueira o día 12 ás 19h.

Xunto con estes espectáculos de rúa, veciñanza e visitantes tamén poderán gozar da maxia en formato gala en ata cinco ocasións. A primeira oportunidade é para escolares, no auditorio Gustavo Freire o día 13 ás 12 a mañá co mago Ricardo Frazer. O mesmo día, ás 20h30, Joaquín Matas ofrece a súa Intimagia no mesmo auditorio.

O día 14 (20h30), Xulio Merino presenta a gala Waldemar cos magos David Méndez, Román García, Marcos Waldemar, Luís Boyano e Bruni Tarnecci. E o día 15 (19h), a gran gala Lugo Máxico xunta a Xulio Merino, Joaquín Matas, Ramó&Alegría, Joshua Kenneth e Gonzalo Albiñana.

Alén do Gustavo Freire, o Lugo Máxico tamén fai parada no que, posiblemente, é o gran templo da máxia na capital lucense, o Mesón do Forno (rúa Río Ser). O 13 de setembro (22h30) o emblemático local acolle unha gala conducida por Marcos Waldemar con Xulio Merino, Román García, Joaquín Matas e Bruno Tarnecci.

Todas as actividades do Lugo Máxico 2024 son de balde agás as galas no Gustavo Freire, que custan 3 euros. Poranse á venda no portal de entradas do Concello lucense.

Cartel do Lugo Máxico 2024 © Lugo Máxico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.