Lugo estrea o seu novo auditorio oito anos despois de que Feijóo o dese por inaugurado

Inauguración do Auditorio de Lugo este venres © Deputación de Lugo

O descubrimento dunha placa por membros de Fuxan os Ventos, que dan nome ao recinto, e un concerto de Ainhoa Arteta abren o agardado recinto cultural lucense e pechan unha espera de case tres décadas

En abril de 2016 o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizou a convocada como visita inaugural ao novo auditorio de Lugo. En ano dobremente electoral, Feijóo daba por rematada unha obra iniciada en 2011 con 2014 como prazo de fin, que non estaba tal e que en rigor non o estivo ata agora cando, catro anos despois de recibilo, o Concello lucense vén de poder inauguralo cun concerto da soprano vasca Ainhoa Arteta.

O descubrimento dunha placa en compaña de membros de Fuxan os Ventos, histórico grupo lucense que por votación popular dá nome ao recinto, abriu este 20 de decembro de 2024 un programa de actos que é posible elevar á categoría de fito na historia política, cultural e social da cidade. Non en van, non conclúe só un período de máis de oito anos dende a suposta primeira inauguración, senón que se pechan arredor de tres décadas de promesas ao respecto.

Interior do novo auditorio de Lugo durante a inauguración © Deputación de Lugo

Foi durante nos anos 90 do século pasado cando colleu forza a reclamación de que, como noutras cidades, a Xunta dotase a Lugo cun novo auditorio que complementase ou ata chegase a substituír o Gustavo Freire, aberto nos 80 sobre vellas instalacións do matadoiro de Frigsa. Mesmo chegou a existir un proxecto, asinado en 2004, para instalalo no antigo cuartel de San Fernando, pero acabou sendo cambiado de localización, á avenida de Magoi, para non prexudicar a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

Ata seis conselleiros diferentes, un deles o propio Feijóo, estiveron implicados nun proxecto que mentres a Xunta tivo rematado, pero sen equipar e pechado, supuxo un gasto mensual de 6.000 euros, e ao que o Concello tivo que achegar case un millón para reparar eivas tras recibilo en 2020

Ata 6 conselleiros diferentes, un deles o propio Feijóo (2003-2005) estiveron implicados na construción que cando foi supostamente inaugurado non tiña equipamento. Malia aos acordos da etapa do Goberno de coalición PSdeG-BNG, segundo os cales a Xunta construiría integramente o edificio para despois transferilo ao Concello, o gabinete de Feijóo non accedeu a equipalo ata que o goberno municipal, que o PP non ostenta dende 1999, accedeu a rebaixarlle unha cantidade equivalente de impostos municipais, uns 3 millóns de euros.

Mentres durou o tirapuxa o auditorio estivo rematado, sen equipar, e pechado. Pero cun custo duns 6.000 euros ao mes en mantemento e seguridade. Esa factura correspondeu á Xunta, pero aínda faltarían outras maiores que correrían a cargo do concello: "problemas estruturais e deficiencias construtivas" engadidas aos efectos do prolongado peche supuxeron destinar case un millón de euros para reparar eivas diversas, dende filtracións de augas e humidades ata corrixir saídas de fume ou urbanizar o exterior.

Acto de inauguración do auditorio de Lugo, en abril de 2016 © Conchi Paz

Tras todo este periplo político e económico, as butacas do auditorio Fuxan os Ventos enchéronse de público este venres por primeira vez tras unha distribución de entradas de balde por parte do Concello. O acto estivo encabezado pola alcaldesa, a socialista Paula Alvarellos, e outras autoridades entre as que se atopaba o conselleiro de Cultura, José López Campos, peor non o presidente Rueda. Volverano facer este sábado, cun concerto da Orquestra Terra Nova "co talento local como protagonista" e outra volta o domingo, cun segundo recital de Arteta.

Nos últimos días, nunha visita para comprobar o estado das instalacións, a alcaldesa de Lugo evidenciou a súa ansia polo "gran día de estrea" dunha instalación que, lembraba nos últimos meses, "a Xunta entregou con graves defectos estruturais e vicios ocultos, tamén coas garantías caducadas". Tras os actos inaugurais, o goberno local prevé que o novo auditorio vaia acollendo paulatinamente programación dependente da Concellería de Cultura, que dirixe Maite Ferreiro (BNG).

Feijóo e outras autoridades, durante o acto presentado como inauguración do auditorio en abril de 2016 © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.