O Concello de Lugo lanzou este luns na súa páxina web unha consulta pública para que toda a cidadanía maior de 15 anos decida entre catro opcións para dar nome ao novo auditorio, que se inaugurará o 20 de decembro cun concerto gratuíto de Ainhoa Arteta
Lugo terá o vindeiro 20 de decembro novo auditorio, situado no barrio de Magoi. En realidade o edificio foi xa inaugurado en 2016 por Núñez Feijóo, pero a Xunta mantívoo sen uso (cun gasto mensual de 6.000 euros) e non foi entregado ao Concello ata o ano 2020, con graves problemas de humidades e filtracións de auga que obrigaron ao Goberno local lucense a gastar un millón de euros en reparacións para resolver as deficiencias. Unha longa historia, comezada como proxecto e promesa electoral aínda con Manuel Fraga na Presidencia da Xunta, que está por fin chegando ao seu remate.
Ao edificio só lle falta o nome e para bautizalo o Concello de Lugo lanzou este luns na súa páxina web unha consulta pública para que toda a cidadanía maior de 15 anos decida entre catro opcións: Darío Xohán Cabana, Fuxan os Ventos, Maruja Mallo e Maruja Villanueva. A votación, que debe ser acompañada do número de DNI ou tarxeta de residencia e da data de nacemento, permanecerá aberta ata o 15 de decembro e o resultado final anunciarase nos días previos á inauguración do auditorio.
O edificio foi xa inaugurado por Núñez Feijóo en 2016, pero non foi entregado ao Concello ata o 2020. Nese momento, ademais, presentaba graves eivas de humidades e filtracións que obrigaron a un novo investimento dun millón de euros para resolver as deficiencias
Dende este luns 2 de decembro tamén se poden recoller as entradas gratuítas para os eventos que servirán para dar á benvida ao novo equipamento cultural da cidade lucense: os concertos de Ainhoa Arteta do 20 e o 22 de decembro, ás 20 horas e as 19 horas respectivamente, e o da Orquestra Terra Nova, que se celebrará o sábado 21 a partir das 19 horas. Entregaranse un máximo de catro entradas por persoa, ata esgotar as localidades dispoñibles. Poderán recollese de luns a venres no Edificio de Novas Tecnoloxías, de 10 a 14 horas, e na Conserxería da Casa do concello, de 16 a 20 horas.
O Concello quere que que a posta en marcha do auditorio estea caracterizada polo "consenso social" e comece "dende a unidade, respectando o sentir maioritario das e dos lucenses"
Na propia web das votacións destácase que o obxectivo da consulta é que a posta en marcha do auditorio, "un fito para o municipio e un revulsivo para a dinamización cultural da capital e da provincia" estea caracterizada polo "consenso social" e comece "dende a unidade, respectando o sentir maioritario das e dos lucenses".
Nos últimos tempo foron varias as propostas para darlle nome ao novo auditorio. Xa no ano 2021 a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, apuntou o nome de Fuxan os Ventos, que segue a ser o defendido polo BNG e varios colectivos culturais da cidade, destacando que ían facer 50 anos da súa formación en 1972 e salientando o seu "compromiso social" e coa lingua e cultura galegas. Esta é a ducia que lle dedicamos no 50 aniversario da agrupación.
O BNG aposta por darlle o nome de Fuxan os Ventos, que hai dous anos celebraron o seu 50 aniversario, destacando o seu o seu "compromiso social" e coa lingua e cultura galegas
Dende o lado socialista do Goberno local apóstase en cambio polo poeta coispeitego Darío Xohán Cabana, finado no ano 2021 e que traballou ademais como funcionario municipal en Lugo. Este venres a alcaldesa Paula Alvarellos ratificou o seu apoio á súa candidatura, sinalando que "unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas, excelente poeta e escritor, comprometido traballador público e mellor compañeiro (...) un home magnífico, sería tamén un nome magnífico para un edificio como o Auditorio de Lugo, chamado a ser emblema e altofalante da Cultura con maiúsculas, desa Cultura a que el sempre representou e dignificou".
A alcaldesa, Paula Alvarellos, defende o nome de Darío Xohán Cabana, "unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas, excelente poeta e escritor, comprometido traballador público e mellor compañeiro"
Pola súa banda, o Foro Feminista de Lugo propuxo os nomes da artista viveirense Maruja Mallo e da actriz carballedesa Maruxa Villanueva nunha reclamación de maior visibilidade das mulleres na nomenclatura dos espazos e equipamentos públicos, que na actualidade non chegan ao 10% na cidade. Para o Foro Feminista, dar ao auditorio o nome de Maruxa Villanueva sería un acto de "xustiza". "Entendemos que o seu percorrido vital ben merece ser rescatado do esquecemento pola súa relación coas artes interpretativas e musicais, coa cultura galega e coa memoria histórica. No caso da nosa cidade é tamén unha cuestión de xustiza paritaria", sinalou hai uns meses a entidade.
O Foro Feminista de Lugo propuxo os nomes da artista viveirense Maruja Mallo e da actriz carballedesa Maruxa Villanueva nunha reclamación de maior visibilidade das mulleres na nomenclatura dos espazos e equipamentos públicos
Emigrada a Bos Aires con vinte anos, triunfou na capital arxentina como cantante e actriz e entrou en relación estreita cos representantes do exilio republicano e galeguista. Formou a Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva, coa que estreou Os vellos non deben de namorarse. Despois dun primeiro intento de regresar a Galicia e dedicarse ao teatro, bloqueado pola censura, retornou definitivamente en 1962. En 1971 comezou a atender a Casa de Rosalía, en Padrón, e exerceu de guía para todas as visitas ata a súa morte en 1998. O pasado ano reviviu como avatar para guiar os percorridos virtuais pola Casa-Museo.
"O seu percorrido vital ben merece ser rescatado do esquecemento pola súa relación coas artes interpretativas e musicais, coa cultura galega e coa memoria histórica. No caso da nosa cidade é tamén unha cuestión de xustiza paritaria", sinala o Foro Feminista sobre a proposta de Maruxa Villanueva
Pola súa banda, Maruja Mallo acadou sona internacional como artista das vangardas e pintora surrealista. Marchou a Madrid moi nova como bolseira da Deputación de Lugo e alí compartiu creación con Picasso, Joan Miró, Lorca, Buñuel e María Zambrano e outros nomes da Xeración do 27. A Guerra Civil e o seu compromiso republicano obrigouna a exiliarse a América, cruzando a fronteira en Tui despois de pasar seis meses agochada nunha vivenda en Vigo. Viviu en Arxentina e despois en Nova York antes de regresar definitivamente a España en 1965. La verbena, Sorpresa del trigo, Canto de las espigas, Cabeza de Mujer ou Máscara tres-veinte figuran entre as súas obras máis coñecidas.