Faleceu Darío Xohán Cabana, un dos grandes escritores da literatura galega contemporánea. Dedicado á poesía case de maneira exclusiva nos seus inicios, foi a partir de finais dos anos 80 cando cultivou tamén a narrativa, publicando novelas e libros de relatos, tanto para o público xeral como para o infantil-xuvenil, producindo algunhas das obras máis relevantes e lidas das letras galegas.
A RAG expresa o seu "fondo pesar" polo pasamento "dunha das grandes voces das letras galegas contemporáneas"
Estudante de Bacharelato en Lugo, o escritor e tradutor -nado en Roás (Cospeito) en 1952 e falecido a pasada noite con 69 anos- tivo en Manuel María o seu gran mestre e guieiro e ao poeta da Terra Cha foi a un dos que dedicou o seu discurso de ingreso en 2006 na Real Academia Galega (RAG), onde ocupou a súa cadeira.
A RAG expresou xa o seu "fondo pesar" polo "pasamento dunha das grandes voces das letras galegas contemporáneas". Publicou máis de corenta títulos, entre os que destacan obras como Galván en Saor, un dos libros máis vendidos e un dos grandes éxitos da literatura galega das últimas décadas xunto con poemarios como Patria do mar ou Canta de cerca a morte, así como as traducións ao galego dos grandes clásicos de literatura italiana, Dante e Petrarca.
Fillo de labregos republicanos e militante da esquerda nacionalista na clandestinidade desde moi novo, no ano 1970 publicou o seu primeiro libro de poemas, Home e terra, na colección Val de Lemos de Ediciós Xistral, dirixida por Manuel María. Ese mesmo ano autoeditou Verbas a un irmao e tres máis tarde vería a luz Romanceiro da Terra Chá, prologado polo seu mestre. O seu nome sería incluído por María Victoria Moreno na antoloxía Os novísimos da poesía galega.
O terceiro libro de Darío Xohán Cabana foi publicado na colección Pico Sagro da Editorial Castrelos, dirixida por outro dos seus mestres, Xosé María Álvarez Blázquez, para quen traballou no selo editorial vigués entre 1971 e 1975.
Precisamente, a edición de libros sería tamén a súa última ocupación laboral como coordinador de publicacións do Concello de Lugo ata a súa xubilación, logo de ser tamén vendedor ambulante de libros por Galicia adiante na súa mocidade.
Coa súa obra Patria do mar acadaría, en 1983 o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, que volveu recoller en 1986 con Amor e tempo liso. Os premios Cidade de Ourense, Cidade de Lugo ou o Martín Codax son outros dos galardóns que recibiu como poeta por títulos como A fraga amurallada, VIII fragmentos, Vidas senlleiras, Canta de cerca a morte (1994). No ano 2006 publicou Cabalgada na brétema, a súa última obra de poesía editada.
Recibiu o Premio Xerais por 'Galván en Saor' e posteriormente pol'O cervo na torre'
Dende finais dos anos 80 cultivou con éxito a narrativa, pola que recibiu tamén distintos galardóns. Con Galván en Saor gañou o Premio Xerais, galardón que volveu recibir por O cervo na torre, título ao que seguirían Morte de rei (1996) ou Mitos e memorias (2003). O avión de Cangas, finalista do Premio Merlín en 1991, O milagre das estrelas ou O castrón de ouro, Premio Barco de Vapor en 1993, foron algunhas das súas obras infantís-xuvenís máis destacadas.
Prolífico tradutor, recibiu o Premio Lois Tobío de tradución da Asociación Galega de Editores, que recoñeceu o labor dun escritor grazas a quen se poden ler en galego varios dos clásicos da literatura italiana medieval. Ademais, cultivou tamén o ensaio e o xénero divulgativo.
O 22 de abril de 2006 leu o seu discurso ingreso, titulado De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, ao que deu resposta o propio Xosé Luís Méndez Ferrín, a quen considera, xunto ao propio Manuel María e Xosé María Álvarez Blázquez, o seu terceiro gran mestre.