Os días 17 e 18 de novembro de 1918 celebrouse en Lugo un acto fundamental na historia de Galicia: a I Asemblea das Irmandades da Fala, que ó final das súas deliberacións emitiu o chamado Manifesto de Lugo, documento programático que o historiador Justo Beramendi chamou con toda a razón “acta de nacemento do nacionalismo galego”.
Tradicionalmente veuse dicindo que o manifesto foi redactado e asinado no Hotel Méndez Núñez, onde o Concello de Lugo puxo unha placa conmemorativa en 1988, polo LXX aniversario.
Ora ben, hai uns anos Xulio Pardo de Neyra divulgou en Praza Pública un artigo no que afirmaba rotundamente que todos estes feitos se produciran no teatro Lugo Salón, fulminando palabras moi ásperas contra os que acusaba de falsificación da historia, ou sexa contra os nacionalistas e as nacionalistas, enuncio e cito literalmente, que «basean as súas vidas públicas e actuacións na falla máis supina de coñecementos», cando non «nas mentiras e falsidades máis flagrantes».
A importancia do manifesto está no manifesto mesmo, e nin sequera a circunstancia de que se redactase en Lugo parece esencial, para canto máis o lugar exacto dentro da cidade. Pero xa que un suposto erro nunha cuestión erudita menor se presenta case coma un crime de Estado, deunos gana de examinar todas as fontes xornalísticas para sabermos se era verdade o que dogmatizaba o profesor Pardo de Neyra. Velaquí as resumidísimas conclusións.
Os actos empezaron o día 17 ás 4 da tarde no Lugo Salón, que era xunta a porta do Bispo Aguirre. Ás 5 interrompeuse a asemblea para celebrar un mitin aberto ó público. Unha vez rematado o mitin, que polas crónicas que lemos non debeu ser breve, as deliberacións da asemblea propiamente dita continuaron ata a unha e media da madrugada, mais aínda así non deron acabado o labor, cousa natural tendo en conta as grandes contradicións teóricas e políticas que había naquel primeiro congreso nacionalista.
Efectivamente, La Idea Moderna do martes 19 di que os traballos da asemblea seguiron ó longo do luns 18, e ata nos fai sabedores de cales representacións das irmandades locais marcharan de Lugo xa o 18 pola noite e cales collerían o tren na mesma mañá do 19. E logo o redactor vai e continúa: «El aplaudido coro ‘Cántigas e Aturuxos’ obsequió por la noche a los asambleístas cantando varios números de su repertorio en el salón del Méndez Núñez». A maior abondamento, a datación do manifesto, tamén publicado por La Idea Moderna o mércores 20, reza literalmente así: «Na cibdá de Lugo, a noite do dazaoito de Samartiño do 1918».
Ata Pardo de Neyra se debería decatar de que algo non cadra coa súa categórica exclusión do hotel Méndez Núñez. Os asembleístas propiamente ditos, segundo Beramendi, eran uns sesenta, e polo tanto non lles facía falla un local coma o Lugo Salón, no que cabían 800 persoas. Como seguramente gran parte deles se albergarían e comerían no Méndez, non cómpre sermos moi intelixentes para sospeitar que as deliberacións de todo o día 18 se tiveran nalgunha sala do hotel e non xa no teatro-cine, que por certo deixara de programar de seu en febreiro daquel ano.
Mais se Pardo de Neyra lese todos os xornais locais daqueles días nin sequera lle faría falla pensar, pois El Progreso do martes 19 di taxativamente na primeira páxina: «Ayer. 18 de noviembre. Segunda sesión de la asamblea de la ‘Irmandade da Fala’ en una habitación del Hotel Méndez Núñez». Que non era un cuarto de durmir, xaora, pois no castelán da época ‘habitación’ aínda se usaba amplamente no sentido xeral de estancia ou sala.
Polo tanto, un enunciado correcto e localmente ben circunstanciado dos feitos podería ser algo así como «A I Asemblea das Irmandades da Fala foi tida no Lugo Salón e no Hotel Méndez Núñez o 17 e o 18 de novembro. As súas conclusións programáticas, coñecidas como Manifesto de Lugo, serían redactadas e asinadas no Méndez Núñez na noite do dezaoito de novembro».
As informacións xornalísticas nas que se fundamenta este artigo están en El Progreso, La Idea Moderna, El Regional, La Voz de la Verdad, El Norte de Galicia, El Ideal Gallego, El Orzán e Gaceta de Galicia. Sobre o Lugo Salón fala Fernando Arribas en O cinematógrafo nas festas de San Froilán de Lugo.