Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentos dos 50 anos de historia de Fuxan os Ventos

Fuxan os Ventos están a celebrar o seu 50 aniversario. O grupo naceu en 1972 e nos anos seguintes acadou unha inmensa popularidade que os levou a tocar en todos os recantos do país, deixando un pouso imborrable na historia da música popular galega. O vindeiro 5 de outubro recibirán o galardón honorífico dos Premios Martín Códax.

  1. 01

    As orixes: Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo

    O grupo formouse en 1972 no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo, a cuxo coro corresponde esta foto.

  2. 02

    Nacen Fuxan os Ventos

    En outubro dese ano participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema "Fuxan os ventos", que pasou a dar nome á formación a partir dese momento

  3. 03

    Máis festivais e concertos

    Nos meses seguintes o grupo participa en varios festivais e entontros musicais: Lugo, Ourense, Pontedeume, Ferrol, Madrid... Na imaxe, actuando no Pavillón dos Deportes de Lugo en 1973.

  4. 04

    Galicia canta ó Neno

    Neses anos o grupo tamén actúa en numerosos teleclubes da provincia de Lugo con "Galicia canta ó Neno", unha montaxe coa que escenifican o xeito de vivir as festas do Nadal en Galicia. Na imaxe, en Folgoso do Courel en 1974.

  5. 05

    Festival Folk Galego (1975)

    En marzo de 1975 participan no Festival Folk Galego (1975), organizado no pavillón do Obradoiro en Compostela polas asociacions O Galo e O Eixo e ao que asistiron unhas cinco mil persoas. O concerto deu inicio ao Movemento Popular da Canción Galega.

  6. 06

    Primeiros discos

    En 1976 editan o seu primeiro álbum, chamado Fuxan os Ventos, ao que seguirán nos dous anos seguintes outros tres: O tequeletequele, Galicia canta ó neno e Sementeira, os catro publicados con Philips-Fonogram. O quinto, Quen a soubera cantar, foi editado xa con Ruada, nun intento de apoiar o primeiro selo discográfico galego

  7. 07

    Aumento da popularidade

    Neses anos o grupo é cada vez máis popular. Actúan en grandes recintos e festivais, dende o Teatro Colón da Coruña ao Festival de Ortigueira, pero tamén en pequenas festas rurais por toda Galicia. Chegan a facer un cento de actuacións por ano.

  8. 08

    Actuacións no estranxeiro

    Fuxan os Ventos ofrecen tamén moitos concertos no resto do Estado e no estranxeiro, principalmente para as comunidades de galegos emigrados en Catalunya, Euskadi, Suíza, Francia ou Bélxica. Tamén participan en dúas edicións do Festival de Lorient (na imaxe, en 1978)

  9. 09

    Con Suso Vaamonde

    Tamén son habituais as súas colaboracións con con Suso Vaamonde, a quen acompañan en concertos e gravacións de discos (na imaxe, en 1977)

  10. 10

    Mini e Mero forman A Quenlla

    En 1983 Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero) deixan o grupo para formar A Quenlla. Porén, Fuxan os Ventos continúan a súa actividade e en 1984 publican o disco Noutrora

  11. 11

    Concertos, homenaxes e unha pausa

    Fuxan os Ventos continúan a ofrecer concertos por toda Galicia e a participar en festivais e homenaxes, coma o que en 1985 se lle tributou a Zeca Afonso en Vigo.

    Con todo, a actividade do grupo vai esmorecendo nos último anos da década e en 1989 ofrecen o seu derradeiro concerto desta primeira etapa.

  12. 12

    Reaparición

    Fuxan os Ventos non desapareceron nestes anos. De feito, publican dous discos: Sempre e máis despois (1999) e Na memoria dos tempos (2002) e ofrecen algunha actuación illada, por exemplo participando na Festa Labrega de Láncara, organizada polo SLG para conmemorar a supresión da "cota empresarial agraria" e no 25 aniversario da Asociación Auxilia.

    Pero foi no ano 2007, no Festival de Pardiñas, onde a formación regresou aos escenarios de verdade, cunha pequena actuación que foi preludio da segunda etapa da súa traxectoria.

  13. 13

    Terra de Soños

    En 2008 inician a xira Terra de Soños e un ano máis tarde editan o álbum do mesmo nome. Nos anos seguintes a formación publicou outras cancións novas, en homenaxe a Manuel María e a María Victoria Moreno nos seus respectivos Días das Letras.

  14. 14

    Fuxan os Ventos, hoxe

    Na actualidade, o grupo continúa activo e este mes de outubro recibirá varias homenaxes, como por exemplo o Premio Hnorífico dos Martín Códax e mais unha exposición que percorrerá os seus 50 anos de traxectoria e que acollerá o Vello Cárcere de Lugo