Ramón Gómez de la Serna aseguraba que Maruja Mallo era unha "artista das catorce almas". A pintora de Viveiro non rexeitou esa definición, pero alargouna. Non eran catorce, senón vinte as almas da gran vangardista galega. A pintora universal que compartiu época e creacións con Picasso, para ela "o gran delator" do século XX, con Joan Miró, un "heroe" do traballo artístico, ou con Lorca, Buñuel e María Zambrano e outros nomes da Xeración do 27 con que compartiu "eclosión" creadora a comezar polos anos nos que se achegou a Madrid como bolseira da Deputación de Lugo. Esta institución, precisamente, recíbea de novo e, dalgún xeito, salda unha débeda con ela no seu museo cunha ampla exposición.
Na mostra Maruja Mallo, vinte almas, inaugurada este 8 de xuño, as persoas que a visiten non atoparán só pinturas da autora, a muller libre homenaxeada no Día das Artes Galegas deste ano. No museo da lucense Praza da Soidade o traballo de Maruja Mallo desprégase por 25 pinturas acompañadas por outros 30, obras de artistas que marcaron a súa vida e as súas creacións: Picasso, Miró, Benjamín Palencia, Alberto Sánchez, Eugenio Granell ou Luís Seoane.
Os artistas coetáneos da autora son, así, o esquelete da exposición. Mujer Castellana, de Alberto Sánchez, un retrato de André Breton obra de Vlady Serge, Las dos hermanas, de José Caballero, ou Téte de Faune, de Picasso, son algúns dos cadros presentes na mostra.
A Deputación e o Museo lucenses, Afundación, a Fundación Luís Seoane ou a Fundación Granell van da man nunha mostra na que a pintura está salferida por outros documentos. Ilustracións, cartas, catálogos de exposicións, litografías en homenaxe á Revista de Occidente ou o negativo orixinal dunha fotografía de Mallo con Pablo Neruda no Chile de mediados dos anos 40 do século pasado, etapa na que, durante os anos máis escuros da ditadura franquista, a pintora foi recibida en Sudamérica con grandes honras. Nos salóns do museo proxéctase, ademais, a histórica entrevista de Joaquín Soler Serrano á artista no xa mítico programa A fondo de TVE, emitida en 1980.
Obras de Picasso, Granell, Miró ou Seoane acompañan os 25 cadros de Maruja Mallo presentes na exposición, aberta ata o 3 de setembro no Museo Provincial de Lugo
Os proxectos de catro artistas contemporáneos nados en Viveiro, como Mallo, completan unha mostra na que ocupan un papel central os sete cadros da pintora lucense que custodia a propia Rede Museística da provincia de Lugo. Cinco deles son daquela primeira xeira de como bolseira, etapa na que pintou a que tornou nunha das súas iconas no que atinxe á relación con Lugo e Galicia, Guía postal de Lugo, encargado pola Deputación en 1929. A xuízo do actual presidente da institución, Darío Campos, a "débeda saldada" con Maruja Mallo é motivo de "celebración" e tamén de reivindicación daqueles mulleres "sen sombreiro", as intelectuais que foron "exemplo de valentía e liberdade" en anos de "represións.
A montaxe sobre Maruja Mallo permanecerá na sala de exposicións do Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 3 de setembro e pode ser visitada de balde. O horario de visitas é de 9 da mañá a 9 da noite, de luns a venres, os sábados de 10:30 a dúas da tarde e de 16:30 a 20:00, e os domingos de 11 da mañá a dúas da tarde.