A "vivencia colectiva da música" vén do principio dos tempos e coa forma dos festivais de música ocupa as principais datas de vacacións e ocio do ano. Analizamos con festivais galegos como o Fa Ce La Fest de Lugo, o SonRías Baixas de Bueu, o Osa do Mar de Burela e o FIV de Vilalba a anticipación na venda de abonos, convertidos en agasallos de Nadal
O Son do Camiño en Santiago de Compostela, Resurrection Fest en Viveiro, Portamérica en Portas, FIV en Vilalba, Revenidas en Vilaxoán de Arousa, Osa do Mar en Burela, SonRías Baixas en Bueu, BIGSOUND en Pontevedra, Caudal Fest e FaCeLa en Lugo. Algúns dos principais festivais de música que se van celebrar en Galicia este 2025 convertéronse polo Nadal en agasallos do Apalpador ou dos Reis Magos.
A música é unha das artes que máis nos acompaña no día a día, por iso, converteuse nun hábito social imprescindible para gran parte da poboación. No libro A Galicia do século XXI, que vén de publicar Xerais baixo a coordinación de Antón Álvarez Sousa, as sociólogas Estefanía Tarrío e Carmen Rodríguez asinan o capítulo A Galicia festivaleira: unha aproximación á festivalización musical na Galicia do século XXI, onde dan conta deste fenómeno en crecemento tanto na oferta como na afluencia de público e destacan como a música forma parte da vida social dos seres humanos desde o principio dos tempos.
“Será a través da vivencia colectiva da música (e máis concretamente a través do desfrute da música en directo, como no caso dos festivais musicais) onde se xestarán con maior probabilidade as relacións sociais ‘encarnadas’, onde prima o forte sentido da identidade. E aínda que nos casos de concertos e festivais falamos de situacións efémeras, consolídase a unión de sensibilidades musicais, que chegan a construír lazos profundos, propios da ‘consciencia colectiva’ dos grupos sociais”, detallan Tarrío e Rodríguez.
“As dimensións principais sobre as que oscila o fenómeno dos festivais son dúas. A primeira é eminentemente económica: os festivais son servizos culturais e de consumo, que na meirande parte dos casos se insiren como parte do sector da industria cultural. A segunda dimensión é, obviamente, a sociocultural. Concretamente, os festivais tentan satisfacer na súa maioría tres lóxicas relacionadas co plano cultural: a artística –centrada na necesidade de xerar impacto artístico e na procura de singularidade, así como de apertura dos horizontes estéticos–, a social e territorial –que permite a visibilización de identidades locais, á vez que se posibilita unha maior ‘democratización’ do acceso á cultura– e a industrial, onde o festival se concibe como un nodo de encontro de diferentes axentes da industria”, debullan as sociólogas no seu artigo.
"A venda anticipada vén marcada por ter que anticipar moito as datas porque cada vez hai máis eventos e xa non se concentran só en dous meses do ano", din no Fa Ce La Fest
Prodúcese un efecto de arrastre dos grandes festivais cara ao resto, que teñen que adaptarse no que poden (ou queren) e a venda de entradas e abonos é onde máis se nota. A anticipación é cada ano maior, quedando fixadas as datas ás veces xa dunha edición para a outra. Este Nadal un festival tras outro promoveron que os seus abonos eran unha opción de agasallo máis.
No Osa do Mar xa anunciaron as datas para este ano en canto remataron coa edición de 2024 como unha forma de “adiantar cartos” para todos os pagos das bandas e dos servizos que ten que contratar o festival. “A xente responde moi ben porque ademais nesta ocasión xa anunciamos bandas importantes do cartel e que pensamos que gustan. Fixemos unha oferta moi boa as primeiras vinte e catro horas e despois subimos un pouco máis ata o 7 de xaneiro, que se incrementará de novo o prezo do abono. A verdade é que está funcionando ben, penso que temos un cartel moi apetecible”, salienta Diego Campo, presidente da asociación Fanto Fantini, que organiza o Osa do Mar. De momento, as primeiras confirmacións para os días 5, 6 e 7 de setembro de 2025 son Ortiga, Pipiolas, Mujeres e Repion.
Diego Campo é crítico coa consideración cada vez máis estendida dos festivais de música como un mero acto social, deixando de lado o principal motivo de reunión, que é a música. “Está ben que a xente desfrute e planifique ir os festivais dentro do seu tempo de ocio, pero a música ten que estar no primeiro plano”, destaca.
Celestino Muinelo, presidente da asociación Facela, que organiza o Fa Ce La Fest en Lugo, explica que el mesmo cae na contradición de organizar os seus plans máis ben a última hora, non ten moi claro se hai un patrón que marque unha tendencia a planificar máis o ocio desde a pandemia, pero afirma que “a xente hoxe pensa máis en desfrutar e no ocio que en aforrar ou noutro tipo de restricións”.
“A venda anticipada vén marcada por ter que anticipar moito as datas porque cada vez hai máis eventos e xa non se concentran só en dous meses do ano”, sinalan os organizadores. No caso do Fa Ce La, quen compra as entradas con tanto tempo de adianto son “os incondicionais, a xente que xa veu algunha vez e ten claro que quere volver”. Da mesma maneira que no Osa do Mar, a venda anticipada serve, dalgunha forma, para ir financiando a edición que está por vir porque en ambos casos están detrás asociacións sen ánimo de lucro.
Este ano os avances dos artistas se repartirán en tres quendas para ir anunciándoos co paso dos meses, na primeira xa teñen confirmados a The Undertones, Christina Rosenvinge, VVV [Trippin’You], Margaritas Podridas, Marcelo Criminal, Stompin’Riffraffs, Black Ends, Pladür e Jade 4, que estarán en Lugo os días 8, 9 e 10 de maio.
"Facer pública a información o antes posible forma parte das facilidades que queremos darlle o noso público", sinalan desde o SonRías Baixas
“No SonRías Baixas, despois de máis de vinte edicións, houbo situacións de presentar o cartel coa anticipación deste ano e outros que o fixemos a principios de ano. Moitas situación inflúen nesta decisión, o que si temos claro é que facer pública a información o antes posible forma parte das facilidades que queremos darlle o noso público, por iso nos decantamos este ano por publicar practicamente a totalidade da programación en decembro”, apunta Berta Domínguez, de PlayPlan, organizadora deste festival en Bueu.
Artistas como Sen Senra, Baiuca, Cariño, Carolina Durante, Alizzz, Nena Daconte, Delaporte ou Niña Polaca estarán no SonRías, que ten en conta a incerteza que produce mercar unha entrada a varios meses vista “por saber se vas poder asistir aínda que queiras”. Así que optan por ofrecer voluntariamente un seguro de non asistencia para que os festivaleiros que así o consideren poidan ter esta cobertura que contempla moitas casuísticas no caso de non poder asistir ao festival os días 1, 2 e 3 de agosto.
“Este ano practicamente todos os festivais que se auto-chaman grandes, que son máis ben os festivais con gran axuda pública, apostan polas mesmas bandas, son un copia-pega”, critica Muinelo desde o Fa Ce La. “Entendo que é por falta de orixinalidade ou por ir ao seguro... Pero creo que xa empeza a notarse que iso comeza a caer polo seu propio peso: por moito que che guste unha banda non vas vela a dez festivais diferentes en Galicia durante dous meses. Creo que, coma sempre, caerán primeiro os festivais que non son tan grandes e logo, pouco a pouco, chegará o efecto dominó. Cando deixe de haber tantos cartos públicos a cousa vaise poñer mal”, agrega.
"Ao redor do 50% dos abonos se liquidan nas primeiras semanas de venda", sinalan desde o FIV
“Nós tiramos cara a outro lado, por gustos persoais pero sobre todo por concienciación e porque temos moi claro que a nosa aposta é musical, xa non digo cultural, e non tanto como a especie de parque de atraccións que parece que é o que se quere vender agora”, incide Celestino Muinelo.
Para o Festival Independente de Vilalba, o FIV, a competencia das datas ten menos peso polas datas escollidas, que nesta 18ª edición serán os días 25 e 26 de abril. No seu cartel non falta a Banda de Música de Vilalba e este ano tamén conta con grupos como Shinova, León Benavente, The Rapants ou Galician Army. “Ao redor do 50% dos abonos se liquidan nas primeiras semanas de venda”, celebran desde a organización, que aposta por ampliar as campañas de comunicación “para manter un contacto directo co público de forma constante” e que considera que a pandemia da COVID si puido acelerar este proceso da venda de abonos, “que xa se viña observando en anos previos”.
Desde Bueu, Berta Domínguez apunta que “non só inflúen outros festivais senón que tamén teñen un peso específico as xiras dos artistas cando anuncian as datas propias ou incluso a programación de festas, especialmente nas cidades do noso entorno como Pontevedra e Vigo, polo que claramente inflúen na decisión e hai que estar moi atentos ao mercado, aos calendarios e sobre todo estar moi abertos a valorar e tomar decisións constantemente dun xeito áxil e o máis meditado posible”.
"Xa se están anunciando concertos e xiras para o ano 2026, en parte para ir marcando todas as datas e evitar a competencia", critican desde o Fa Ce La Fest
“A competencia fai moito, os grandes macroeventos anuncian con moita moita antelación. De feito, xa se están anunciando concertos e xiras para o ano 2026, en parte para ir marcando todas as datas e evitar a competencia”, di o organizador do Fa Ce La Fest, que conta como existen graves problemas de competencia desleal no sector. Por iso, xa que non poden competir con eses outros eventos, polo menos anuncian as súas datas coa máxima antelación.
Berta Domínguez tamén pode falar este ano dunha nova experiencia na organización de festivais de música: “No caso dun festival como BIGSOUND, debido ao seu gran aforo e de que se trate dun festival que se celebrará por primeira vez en Pontevedra, resultounos imprescindible comunicar canto antes a súa celebración e as datas do mesmo. Aínda que está dirixido a un público con gustos musicais concretos e non é un cartel de ámbito xeralista, máis ben dun tipo de música definido, toda antelación coa que publicamos a programación sempre é benvida polo público”. Esta primeira edición terá lugar do 11 ao 12 de xullo e contará con Amaia, Rels B, Nicky Jam, Tanxugueiras, La Zowi, Ptazeta, Julieta, María Escarmiento, DePol e Marc Seguí, entre outros.
“A elección dos festivais de música como o BIGSOUND como unha alternativa non só de ocio senón como destino turístico é unha tendencia claramente a alza. Polo tanto, canto máis tempo teña o público de fóra de Galicia a información para escoller Galicia como destino e non outra localización é moi importante, de feito, neste momento xa temos confirmada a asistencia de público dende practicamente todas as grandes cidades da península”, argumenta Domínguez, de PlayPlan.