A romaría familiar do Revenidas Miúdo volve co mellor da música infantil galega

Primeira edición do Revenidas Miúdo © Revenidas

O Revenidas Miudo celebra a súa segunda edición no Monte do Gozo, en Compostela, o vindeiro domingo 28 de xullo, con entrada de balde. E o festival vén de anunciar as primeiras confirmacións para a cita

Chega un momento ta vida no que comezas a ir a máis concertos infantís que a concertos para adultos. Sábeno ben moitas nais e pais, que acaban por cantaruxar sen querelo as mesmas cancións que adoran os seus fillos e fillas. E é que a música para crianzas feita en Galicia hai xa moitos anos que goza de moi boa saúde, cunha gran calidade e variedade e propostas asentadas e outras que van aparecendo. Os propios festivais para adultos veñen incorporando algúns destes artistas e bandas, convidando a que a familia ao completo goce da cita.

Noutras ocasións, os festivais son deseñados especificamente para os nenos e nenas, como é o caso do Revenidas Miúdo, versión do Revenidas para a cativada. A primeira edición, celebrada o pasado ano, foi todo o un éxito e o festival repite fórmula.

Cartel da segunda edición do Revenidas Miudo © Revenidas

Actuarán Uxía Lambona e A Banda Molona, A Gramola Gominola, o Concerto PunkInfantil de Brais das Hortas e Perter Punk e Pakolas e Laura Romero

Será outra vez no Monte do Gozo, en Compostela, o vindeiro domingo 28 de xullo, con entrada de balde. E o festival vén de anunciar as primeiras confirmacións para a cita, na que actuarán Uxía Lambona e A Banda Molona, que repiten respecto á primeira edición; A Gramola Gominola, co seu espectáculo As que máis molan da Gramola; o Concerto PunkInfantil, de Brais das Hortas e Perter Punk;  e Pakolas e Laura Romero, que presentarán Cores, Contos e Rock coa Ramona pequeña.

Ademais, ralizaranse diversos obradoiros, haberá unha zona xogos populares, espazos lúdicos e outras moitas sorpresas. O Revenidas Miúdo contará tamén este ano con un mercado creativo

Ademais destas actuacións e das pendentes de anunciar, coas que se pechará o cartel, ao longo da xornada, no recinto do festival realizaranse diversos obradoiros, haberá unha zona xogos populares, espazos lúdicos e outras moitas sorpresas. O Revenidas Miúdo contará tamén este ano con un mercado creativo. As persoas ou colectivos que desexen formar parte deste mercado poden solicitar a súa inscrición.

O Revenidas Miúdo naceu o ano pasado cun espírito de romaría diúrna de carácter familiar e foi todo un éxito, xa que congregou a máis de 3.000 asistentes. O evento celébrase en colaboración coa Xunta de Galicia-Turismo de Galicia e Deleite.

Primeira edición do Revenidas Miúdo © Revenidas

As artistas

Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, tinguíndoos de ska, reggae, klezmer ou tango. Desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro, pasando por outros moitos temas tradicionais e algún propio. O conxunto conforma un espectáculo moi dinámico, no que nenos e nenas e todo tipo de públicos acaban sendo parte do seu des-concerto cheo de bailes, xogos, coreografías e sorpresas.

A Gramola Gominola é unha banda de auténtico rock&roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zënzar), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores) e Rodrigo Muñoz (S4N7, Nebra). Teñen editados tres libros-cedés, publicados por Editorial Galaxia. No Revenidas Miúdo presentarán o seu novo espectáculo, As que máis molan da Gramola, no que poderemos gozar da selección das mellores cancións rockeiras da súa carreira.

Concerto PunkInfantil: Dous grandes da música galega para xente miúda, como son Brais das Hortas e Peter Punk reunidos nunha proposta a medio camiño entre un espectáculo teatral e un musical. Nel, dous músicos que chegan por equivocación a un mesmo escenario coa intención de ofrecer un concerto. O primeiro, un concerto infantil. O segundo, un concerto punk. Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo, progresivamente, nun espazo común.

Pakolas e Laura Romero presentarán Cores, Contos e Rock coa Ramona pequeña, un espectáculo onde a interacción entre nenas e nenos , a súa música acompañada de relatos e historias, e os debuxos en vivo de Laura Romero son o principal atractivo para o público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.