Festivais de música, en risco de 'morrer' de éxito?

Público no Festival Sinsal San Simón deste verán © Olalla Lojo

Este verán a oferta de festivais desborda a demanda dos públicos: "Preocúpanos que isto se converta nunha festa"

“Preocúpanos moito que isto se converta nunha festa”, comentaban Luis Campos e Julio Gómez, directores do Festival Sinsal, no ecuador da edición deste ano na Illa de San Simón. “Nós entendemos o ocio desde o punto de vista cultural”, matiza Gómez. Este verán a oferta de festivais desborda a demanda dos públicos, con exemplos de desprezos a artistas sobre o escenario en propostas tan variadas como os tamaños de letra dos seus carteis. “Pero, a quen lle importa a música?”, pregúntase o organizador dun dos festivais galegos máis asentados.

A responsabilidade é tripla e recae nos programadores de festivais, no público e nos artistas. O equilibrio só é posible a tres bandas, e a boa saúde dos festivais de música depende moito disto. Achegámonos á visión da asociación Fanto Fantini, organizadora do Osa do Mar en Burela, a través do seu presidente, Diego Campo; á do organizador do Revenidas en Vilaxoán de Arousa Xoán Quintáns; e á do co-director do Sinsal Julio Gómez para analizar que supón celebrar hoxe un festival.

Os concertos a bordo, unha das actividades paralelas do Festival Revenidas na edición de 2022 en Vilaxoán de Arousa © Revenidas

“A xente vai aos festivais como un acto social e estase deixando, polo menos nalgúns casos, en segundo plano a música”, afirma Diego Campo desde o Osa do Mar. Para os creadores do Sinsal é unha preocupación constante non poder conservar as ideas que queren materializar e verse presionados polas esixencias e prioridades do público, que é para quen traballan realmente. “Non podemos esquecer que estamos ofrecendo cultura e ocio. Nós entendemos o ocio desde o punto de vista cultural e iso sempre te marca. Hai que buscar un equilibrio entre o que queres e o que podes facer. No caso dun evento pequeno como é o Sinsal San Simón, pero exposto a todos os públicos, no verán e ao aire libre, podes correr o risco de que se converta nunha festa. De momento non ten sucedido, pero coidámonos moito”, explica Julio Gómez.

"Precisamos o ocio, necesitamos esa alegría. Pero tamén debemos transmitir unha serie de valores ou ideas que ás veces non son gratas de recibir", di Julio Gómez

Ata onde é posible chegar para buscar ese equilibrio e empatía co público no que todas as partes reciban o que desexan? É unha cuestión que se debate entre as traballadoras e traballadores culturais, máis alá dos festivais de música, pero que atinxe especialmente a estes últimos, como gran manifestación do ocio, tan necesario –ou máis que nunca– co recordo do confinamento pola pandemia aínda presente. “Precisamos o ocio, necesitamos esa alegría. Pero tamén debemos transmitir unha serie de valores ou ideas que ás veces non son gratas de recibir. No caso da música, intentas buscar unha programación que traballe en todos os sentidos: propostas intimistas, conceptuais ou máis para todos os públicos. E cada edición corres riscos porque non sempre das con ese equilibrio”, debulla o co-director do Sinsal.

As críticas de artistas que actuaron este ano no Son do Camiño sobre o desprezo de determinado público durante as súas actuacións avivaron a conversa sobre os festivais cuxo cartel abrangue unha gran cantidade de estilos musicais, coa maioría de artistas de grandes selos discográficos, sen un perfil propio como evento musical. Praza.gal contactou con Esmerarte, unha das dúas empresas que organiza este gran festival ligado á celebración do Xacobeo patrocinado pola Xunta no Monte do Gozo de Santiago de Compostela, pero non logrou contar coa súa achega para esta reportaxe.

Concerto de Hatis Noit no escenario da Illa de San Antón no Festival Sinsal San Simón © Olalla Lojo

“Hai moi poucos festivais que teñan sentido, que teñan unha identidade propia. No Revenidas intentamos mantela, pero é moi difícil. Eu na vida me vin facendo un festival como o que estamos facendo agora: o Revenidas hai cinco anos valía 100.000 euros e este ano xa son 600.000. Todo subiu, pero con eses custos ou metes xente ou non dá”, razoa Xoán Quintáns sobre a inflación dos prezos, que complica a xestión de eventos de tamaño medio para que sexan rendibles economicamente.

"As persoas teñen unhas prioridades e a nosa obriga é intentar transmitir a esas persoas que os seus dereitos implican tamén obrigación", advirte Gómez

A música, protagonista?

Existe o risco de que a música deixe de importar? “Eu non podo concibir a vida sen música, nós facemos o Osa do Mar porque nos gusta a música, obviamente. Aquí o que máis importan son as bandas, a música. Traballamos moito na concepción do cartel, non miramos só uns artistas, queremos que nunha fin de semana poidas ver distintas apostas de grupos e música en galego”, salienta Diego Campo desde Burela, que acolle este festival a primeira fin de semana de setembro.

Para Julio Gómez a sensación é de “bucle”. Desde a súa perspectiva, con trinta anos de experiencia na programación musical, sempre existiu este conflito. “Non estamos tan mal, aínda que pareza que estas noticias son novas, isto é un problema que acontece desde sempre e os programadores sabémolo. É moi complicado, as persoas teñen unhas prioridades e a nosa obriga é intentar transmitir a esas persoas que os seus dereitos implican tamén obrigación. Pero o conflito da música en directo en relación a que hai persoas que están nun sitio e están falando e molestando existe desde toda a vida, tamén o de que haxa persoas que se colocan nas primeiras filas para coller sitio para un artista e non lle fan caso aos que están tocando. Agora coas redes sociais todo se amplifica máis e hai artistas que nos mostran esa falta de respecto, pero lembro atrasar concertos dúas horas na década dos noventa para que chegase o público, e o público non chegaba nunca porque a xente que aparecía nese momento non estaba interesada pola música”, debulla.

Actuación de Grande Amore na pasada edición do festival Osa do Mar de Burela © @nosphotoxove

"Non miramos só uns artistas, queremos que nunha fin de semana poidas ver distintas apostas de grupos e música en galego", salienta Diego Campo

“Cando vas a un evento, se non che gusta unha banda, que non ten por que, tes que respectala igualmente. A música é moi subxectiva e cada un ten o seu gusto, pero hai máis xente nese concerto e ten que poder gozar da música desa banda. Hai certos comportamentos que só denotan unha falta de educación. Nos festivais os protagonistas son a música e o público e non se pode perder o respecto porque pon en risco a continuidade dos festivais”, agrega Diego Campo.

“Temos que ter coidado e expoñer aos públicos que están nun determinado tipo de evento cultural, no que hai unha programación. E esa programación é o eixo central e o que lle dá sentido a ese evento, non o podemos esquecer”, asevera Julio Gómez. Con todo, non atribúe ao público a responsabilidade total. “O público está aí por algo, ti como programador ofreces un tipo de actividade que o público demandou. Como es quen de equilibrar que determinado público estea alí porque ten un interese en algo concreto e que permaneza alí en relación ao conxunto da oferta que ti lle propós? Iso é o traballo do programador. Entre outras cousas, por iso existen os festivais con escenarios alternativos para diversificar o criterio dos públicos. Ao mellor o que non pode facer un programador cun só escenario é mesturar distintos tipos de público porque estás precipitando certos comportamentos que sabes que se van a dar”, observa o co-director do Sinsal, que nesta edición experimentou co primeiro concerto con cadeiras en San Simón, buscando recuperar o espazo da Illa de San Antón para propostas que piden maior atención.

"Dun tempo a esta parte parece que na política teñen claro que a música dá votos, porque sempre queren ter un festival de música", di un programador

As entradas non abondan

Cunha oferta de “fotocopias” de carteis ao longo do país, a maioría dos festivais en Galicia son de pequeno ou mediano formato e son proxectos deficitarios. É dicir, que non sobrevivirían sen axudas públicas. Son moitas as cuestións burocráticas que enfrontan, pois acostuman celebrarse en espazos públicos ao aire libre, e gran parte das preocupacións recae na seguridade.

“A imaxe que se transmite é de éxito, pero non sei se hai un público educado para pagar por unha entrada porque ata hai dous días todo era de balde”, sinala un promotor de festivais, que observa unha “competencia desleal” de algunhas Administracións públicas que “compiten” coa oferta das iniciativas privadas. “Dun tempo a esta parte parece que na política teñen claro que a música dá votos, porque sempre queren ter un festival de música. Non vexo que aposten polo teatro ou por outras disciplinas artísticas. Será algo que vén herdado polas verbenas...”, engade esta mesma fonte.

Concerto de La Pegatina na 20ª edición do festival SonRías Baixas en Bueu © Rocío Cibes

"Calquera festival en Galicia ten a Xunta como maior apoio", sinala Xoán Quintáns

“Hoxe en día facer algo sen apoios é moi difícil. Calquera festival en Galicia ten a Xunta como maior apoio”, asegura Xoán Quintáns, que organiza o Revenidas do 7 ao 10 de setembro en Vilaxoán. “Coa venda de entradas, a data de hoxe [por este martes] non poderiamos facer o festival”, advirte Diego Campo, que confía na repunta habitual nos últimos días antes da celebración do Osa do Mar, un dos poucos que prepara a súa programación coidando de que haxa o mesmo número de artistas mulleres que homes. Todos os festivais acceden a axudas públicas con criterios públicos, que no caso do Sinsal tamén son fundamentais ao tratarse dun formato máis limitado polo feito de ter como escenario natural a Illa de San Simón, que fai acoutar a menos de mil persoas a súa capacidade diaria.

"Un mundo novo"

Porén, para os artistas os festivais son unha moi boa maneira de atopar novos públicos, cando conseguen un programador que aposte por bandas menos coñecidas ou emerxentes. E tamén son unha fonte de ingresos máis fiable, pois van cobrar e asinar un contrato previo á actuación, non como sucede nas xiras –para as bandas máis humildes– que se converten nun gasto ante calquera contratempo, xa que non todas as salas de concertos funcionan da mesma maneira. “Os festivais garanten uns ingresos para os artistas pequenos”, defende Julio Gómez. A cuestión é que porcentaxe chega aos carteis destes eventos, que en moitos casos abusan da repetición de artistas.

"Con que unha persoa descubra un mundo novo xa é suficiente", asegurou Julio Gómez 

O espírito dos festivais manterase en grande medida se organizadores, programadores, artistas e públicos escóitanse entre si. Non é un diálogo sinxelo, hai moitos intereses de por medio. Mais tamén está o máis importante, a cultura. A cultura da música en directo que hai que preservar todo o ano e que no verán ten a posibilidade de expandirse ao aire libre e saír das salas en busca de novas experiencias. “Experiencia é unha palabra que empregamos todos porque tamén hai unha vinculación dos festivais co turismo, que ten unha parte boa; pero no caso do Revenidas hai moito turismo pero é interior, aínda que o ano pasado vendemos entradas en todas as provincias do Estado”, aclara Xoán Quintáns. “Con que unha persoa descubra un mundo novo xa é suficiente”, asegurou Julio Gómez durante a celebración do Sinsal en San Simón sobre a razón de ser dos festivais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.