No bloque central e oriental e mesmo máis alá, o verán pronúnciase vrao. Ese foi o termo elixido hai xa case unha década no nacemento do festival concibido para achegar á vila de Foz algunhas das bandas e artistas máis actuais da escena musical galega con sons que van da electrónica ao rock pasando polo pop ou as cumbias, tan propias do verán, do vrao.
Tras media década de ausencia, o VRAO rexurdiu no verán focego de 2022 coa colaboración do Concello. Neste 2023 tamén o impulsa da man da Deputación e mais coa asociación de comerciantes da localidade para culminar as festas de San Lourenzo cunha manchea de "sons independentes", o vindeiro sábado 12 dende o mediodía.
El Hombre Vil, Alex Nite e Ningún DJ porán as primeiras músicas en tres locais hostaleiros de Foz ao mediodía, se ben a cerna do VRAO estará na praza Conde de Fontao dende as nove da noite. Primeiro, con Sabela King e The Heartbreakers (21h) e a continuación, con Malandrómeda (23h15).
Boyanka Kostova, Grande Amore e Malandrómeda encabezan este 12 de agosto o cartel do festival mariñao, que aspira a consolidar a súa segunda xeira mantendo a "identidade de sempre": "pequeno formato, aberto e galego"
Carlangas (23h45), Boyanka Kostova (1h:00) e Grande Amore (2h:00) completan o cartel dun festival que, explican dende a organización, quere preservar a súa "identidade de sempre": "pequeno formato, aberto e galego". Dende o seu inicio, explicou na presentación o seu promotor, Antonio Paz, procura dar voz a "algunhas das mellores propostas do panorama musical galego".
Porque ese, enfatiza o alcalde de Foz, Fran Cajoto, é un "dos principais obxectivos" do festival: "apoiar a cultura galega, apoiar os músicos locais". Boa mostra disto, exemplifica o rexedor, é o caso de Grande Amore, que "repite" no VRAO nun momento no que "está rachando todas as previsións e subindo como a escuma".
A intención da organización é que esta segunda xeira do VRAO sexa a que sirva para que o festival "veña para quedar" e o goberno da Deputación avanza, a través da deputada Marisol Morandeira, a súa intención de colaborar para facelo. "Facémolo porque é un festival que enriquece a oferta cultural da nosa provincia, cunha proposta moi atractiva que potencia o talento galego" e ademais implica "retorno económico para Foz".