Vinte anos de festa no SonRías Baixas

Algúns dos primeiros festivaleiros do SonRíasBaixas 2023 © Rocío Cibes / SonRíasBaixas

Moito mudou a escena musical en vinte anos, tanto a galega como a internacional. Unha parte relevante desa mudanza e das mesturas que dela saíron pasaron polo escenario do SonRíasBaixas, o festival que dende este xoves, 3 de agosto, celebra en Bueu o seu vixésimo aniversario cun cartel marcado polo eclecticismo que caracteriza esta cita e pola combinación de nomes consolidados con novos valores de estilos diversos.

Este pasado mércores os primeiros festivaleiros aproveitaron a apertura adiantada da zona de acampada para gozar da festa de benvida, pórtico da programación oficial que este xoves protagonizan Lendakaris Muertos, Santa Salut, Boikot, Samuraï, 30s40s50s e ETS

Acampada no SonRíasBaixas 2023 © Rocío Cibes / SonRíasBaixas

O venres, día 4, os cabezas de cartel son os rapeiros madrileños Natos y Waor, que chegan ao SonRíasBaixas co seu cuarto disco baixo o brazo. Nesta noite Bueu tamén soará a ritmos de rumba, salsa, funk, reggae, electrocumbia, soul ou jazz con grupos como La Ganga Calé,  Muyayo Rif, Tremenda Jauría ou os "temazos" que promete o concerto de Cool Nenas, o trío que forman Dani, Mariagrep e Kimberley Tell. 

O sábado, día 5, é o día co cartaz máis galego neste vixésimo aniversario do festival. Entre as estrelas da xornada están La Pegatina, que tamén fan vinte anos e presentan novo espectáculo. 

Xunto a eles, destacan bandas e artistas como LaMontagne & PicoAmperio, Grande Amore ou o regreso e Lamatumbá. Para facer festa chegan tamén ao festival moracense Ortiga e Pili Pampín. Todo, nun cartel que ten tamén un nome sorpresa que non se desvelará ata a 1 da madrugada do sábado.

Cartel do SonRíasBaixas 2023 © SonRíasBaixas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.