Marcos Pérez Pena

Unha ducia de festivais musicais para este verán en Galicia

O verán é tempo de praia, de viaxes, de terrazas... e de música. Chegou o tempo dos festivais, que en Galicia se estenden por toda a xeografía -dende os areais ata a Ribeira Sacra- e con variedade de estilos e formatos, dende os escenarios máis grandes ata os máis íntimos. Velaquí unha ducia de citas musicais para as vindeiras semanas.

  1. 01

    Atlantic Pride

    Levamos apenas dúas semanas de verán, pero son xa moitos os festivais celebrados en Galicia, algúns tan destacados coma o Son do Camiño ou o Resurrection Fest. O pasado domingo botou a andar o Atlantic Pride da Coruña, sete días de celebración do Orgullo do Norte coa música de La La Love You, Joe Crepúsculo, Amistades Peligrosas, Nancys Rubias, Mueveloreina, Hydn, Hidrogenesse, Fillas de Cassandra, Soraya, Locomía e, este sábado 8 de xullo, de Vicco co seu 'Nochentera', unha das cancións máis bailadas nos últimos meses.

  2. 02

    Festival Celta de Ortigueira

    Tamén trae unha semana completa de música o Festival Celta de Ortigueira, que bota a andar este domingo e que terá os seus pratos fortes a vindeira fin de semana. Artistas de primeiro nivel internacionais e galegos, entre os que destacan Xisco Feijóo, Anxo Lorenzo, Xurxo Fernandes ou Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que serán unha das actuacións que pechen o festival o domingo 16.

  3. 03

    Portamérica

    Do 13 ao 15 de xullo a azucreira de Portas acolle unha nova edición do Portamérica, que volve xuntar gastronomía e música con nomes tan destacados como Deluxe, Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Jorge Drexler, Bad Gyal, Molotov, Loquillo, Bad Gyal, Grande Amore, Ortiga ou Carlangas.

  4. 04

    Carrilanas de Esteiro

    Esa mesma fin de semana Esteiro, en Muros, celebra o seu tradicional descenso de carrilanas, que se acompaña dun festival que reúne algúns das bandas e artistas do momento en Galicia. O Festival das Carrilanas terá lugar entre o 14 e o 16 de xullo con Tanxugueiras, Baiuca, Grande Amore, Fillas de Cassandra ou Boyanka Kostova.

  5. 05

    Castelo Rock

    A música non para en Muros e entre o 21 e o 22 de xullo celébrase alí o Castelo Rock, no que actúan Ilegales, El Drogas, Dakidarría, O’funk’illo ou The Rapants, que xogan na casa.

  6. 06

    Terraceo

    A maior parte dos festivais concentran moitos concertos nunha mesma localización nun curto período de tempo. Pero hai algúns que duran todo o verán e que durante semanas van achegando unha coidada selección de actuacións a unha cidade. É o caso do estupendo Terraceo vigués, que un ano máis ofrece unha gran calidade musical na terraza do Auditorio Mar de Vigo.

    O festival botou a andar o pasado mes de maio e chegará ata setembro, con nomes de primeiro nivel como !!!, Arde Bogotá, Curtis Harding, Julieta Venegas, María José Llergo, Boyanka Kostova ou Hard GZ. O 25 de xullo será a quenda do rock do deserto dos tuaregs Tinariwen.

  7. 07

    Atardeceres no Gaiás

    Outro deses festivais estendidos no tempo é o que conforman os concertos dos Atardeceres no Gaiás, que dende esta semana e ata o 31 de agosto traerán 18 actuacións á capital de Galicia, todos os xoves e venres ao solpor. Poderemos ver a Biznaga, Catuxa Salom, Bejo, Parquesvr, Júlia Colom ou Natalia Lacunza. Unha das citas que pechará o verán será o paso pola Cidade da Cultura dos coruñeses Moura, unha proposta en ascenso e cada vez máis recoñecida na escena.

  8. 08

    Ribeira Sacra

    Se falamos das localizacións dos festivais, é difícil igualar a beleza do espazo no que se celebra o festival Ribeira Sacra ente o 28 e o 30 de xullo. As adegas Regina Viarum acollen os concertos principais, pero hai tamén actuacións nas Adegas de Vilachá e no miradoiro de Santiorxo. No cartel destacan dEUS, Morgan, Jane Weaver, La Costa Brava, Jimena Amarillo ou Catuxa Salom

  9. 09

    Son Rías Baixas

    A provincia de Pontevedra é escenario dun gran número de festivais, entre os sobrancea o Son Rías Baixas, que se celebra en Bueu entre o 3 e o 5 de agosto. Na programación destaca a presenza de Boikot, Lendakaris Muertos, Natos y Waor, Queralt Lahoz, Tremenda Jauría, La Pegatina, Grande Amore, Ortiga ou Lamantumbá.

  10. 10

    Río Verbena Fest

    O ano pasado botou a andar en Pontevedra o Río Verbena Fest cun enorme éxito que asegurou a continuidade da cita. Nesta ocasión o Recinto Feiral acollerá os días 25 e 26 de agosto as actuacións de Vetusta Morla (que tamén estarán no Caudal Fest de Lugo o 15 de setembro), SFDK, Xoel López ou Dellafuente.

  11. 11

    Revolta do Umia

    A sexta edición do festival Revolta do Umia, en Cuntis, reunirá os nesa mesma fin de semana do 25 e 26 de agosto (a derradeira do mes) unha coidada selección de bandas galegas, como Ortiga, Dani, Eladio y los Seres Queridos, Fillas de Cassandra, Igloo ou Copa Turbo.

  12. 12

    Revenidas

    O Revenidas adoita ser unha das citas que despide o verán e non é unha despedida calquera, senón que supón dicir adeus en todo o alto. Entre o 7 e o 10 de setembro pasarán por Vilaxoán de Arousa. Rodrigo Cuevas, Ana Tijoux, Sara Hebe, Tremenda Jauría, Zoo, Los Chikos del Maíz, Ska-P, Dakidarría (que celebran o seu vixésimo aniversario), Zoo... Moito e bo onde escoller.

  13. 13

    Noites do Porto

    E, xa a cabalo entre o verán e o outono, entre o 19 e o 24 de setembro, as Noites do Porto suman na Coruña unha nova edición coa presenza xa confirmada de Rodrigo Cuevas, Triángulo de Amor Bizarro, La Plazuela, Sen Senra e Deluxe, que regresan á súa cidade 15 anos despois da sisolución da banda liderada por Xoel López.