A Coruña arde en festas: do Noroeste ao Viñetas na fin de semana máis trouleira

Concerto de Rayden no porto da Coruña, este mércores © Festival Noroeste

Eesta fin de semana será un dos epicentros das celebracións, coa coincidencia dos últimos días do Viñetas e do Noroeste, entre outras moitas actividades, aínda co latexo da Feira do Libro que se pecha este xoves

Agosto é o mes da troula na Coruña. As festas de María Pita, a feira do libro, o festival Noroeste, o Viñetas, a batalla naval, o Cascarillarte, a Semana Clásica, o Certame de Habaneras, o Festival de Folclore, a Romaría de Santa Margarida, festas nos barrios... E esta fin de semana que comeza este venres será un dos epicentros das celebracións, coa coincidencia dos últimos días do Viñetas e do Noroeste, entre outras moitas actividades, aínda co latexo da Feira do Libro que se pecha este xoves.

Haberá ofertas para todas as idades e para todos os gustos, con moita música, pero tamén charlas, artes escénicas e exposicións. Cómpre salientar especialmente o Festival Noroeste, que suma máis de 60 concertos en nove espazos da cidade (praia de Riazor, parque de Santa Margarida, Porto, praza de Azcárraga, Campo da Leña, Castelo de Santo Antón, Fundación Luís Seoane, prazas Cormelana e Sellier e Teatro Colón) e que comezou este mércores. Rematará na noite do sábado.

Concerto de La M.O.D.A. no porto da Coruña, este mércores © Festival Noroeste

Pongo, Ana Tijoux, Mala Rodríguez, Arde Bogotá, Bala ou Lee Fields actúan este xoves

Este xoves os pratos fortes son as actuacións de Pongo (22h) e Ana Tijoux (00h) en Santa Margarida: de Jimena Amarillo (21h), Mala Rodríguez (22.30h) e Arde Bogotá (00.30h) no porto; de Bala (23.30h) no Campo da Leña; e de Lee Fields (22.30h) na praza de Azcárraga. Venres e sábado destacan os concertos da praia de Riazor: 2ManyDj’s e Parov Stelar o primeiro día e Lori Meyers e Primal Scream o segundo.

Unha semana de cómic

Venres e sábado destacan os concertos da praia de Riazor: 2ManyDj’s e Parov Stelar o primeiro día e Lori Meyers e Primal Scream o segundo

Esta fin de semana remata tamén o Viñetas (aínda que varias das súas exposicións se poderán ver durante máis tempo). Este xoves o festival contará coas sinaturas de dous dos grandes talentos galegos do cómic internacional: Emma Ríos e David Rubín, que visitarán a Rúa da BD para asinar exemplares das súas obras. Ademais. entre as propostas expositivas desta 26ª edición do Viñetas, na Sala de Exposicións de PALEXCO o público poderá visitar Homenaxe a Calpurnio, unha mostra comisariada por Álvaro Pons e Asier Mensuro que supón a primeira homenaxe pública ao grande ilustrador recentemente falecido.

Concerto de Fatoumata Diawara na Coruña, este mércores © Festival Noroeste

Este xoves o Viñetas contará coas sinaturas de dous dos grandes talentos galegos do cómic internacional: Emma Ríos e David Rubín

Este venres o Teatro Colón acollerá as proxeccións dos filmes xaponeses The First Slam Dunk, o esperado e apaixonante relato sobre o mundo do básquet en clave anime do director Takehiko Inoue e a película de culto Akira 4K. reeditada no ano do seu 35 aniversario. Pola súa banda, a Sala de Exposicións de PALEXCO propón unha oportunidade única para mergullarse no traballo do ilustrador e animador coruñés Alberto Vázquez, autor, entre outros traballos, das premiadas longametraxes Psiconautas e Unicorn Wars, coa mostra Alberto Vázquez: do cómic á animación

O venres asinarán César Sebastián, Ánxel Carramal, Inés Vázquez, María Brenn, Óscar Losada e Xulia Pisón, Santy Gutiérrez e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias. E o sábado farano Martín Romero, Paula Cheshire, Manel Cráneo e Brais Fierro, Alberto Varela e Santy Gutiérrez. Este día, ademais, o Kiosko Alfonso acollerá unha mesa redonda sobre a situación actual da banda deseñada.

Imaxe dunha das actividades da edición 2023 do Viñetas © Viñetas desde o Atlántico

Este venres e sábado celébranse ademais as actividades centrais da edición 2023 do Autobán, o festival coruñés de cómic autoeditado

Este venres e sábado celébranse ademais as actividades centrais da edición 2023 do Autobán, o festival coruñés de cómic autoeditado, que chega á súa 16ª entrega. Máis de 70 artistas de toda a Península Ibérica (case o dobre que na edición anterior) porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con obradoiros, presentacións, edicións exclusivas, mostras e o célebre Combate de Debuxantes, o venres pola noite na Sala Filomatic. O sábado a Praza de San Andrés acolle o mercado de autoedición e moitas outras actividades.

Outras actividades

Esta semana desenvólvese ademais o Festival Internacional de Folclore da Coruña

Este mércores comezou o Festival Internacional de Folclore da Coruña, que chega á súa edición número 36. Nos Xardíns de Méndez Núñez, a partir das 20.30 horas, actuarán este xoves, venres, sábado e domingo agrupacións de Kenia, Colombia, Serbia e Taiwan. O domingo, ademais, a actuación virá precedida dun desfile dende o Cantón Grande, que pasará pola rúa Real, Praza de María Pita e Xardíns de Méndez Núñez. O luns o mesmo escenario acollerá o Certame de Habaneras da cidade, que neste caso chega á edición número 38.

Imaxe dunha das exposicións da edición 2023 do Viñetas © Viñetas desde o Atlántico

O luns pola noite (23.30), chegando xa ao ecuador do mes e na véspera do festivo do martes, terá lugar nas praias de Riazor e Orzán a clásica Batalla Naval

Continúa, así mesmo, o festival Cascarillarte de artes escénicas, que este venres ten como escenario o barrio de Elviña, onde estará María da Pontragha co seu espectáculo “Contar co vento”.

Ademais, este domingo ás 22 horas a Praza de María Pita acolle o concerto Los40 Summer Live, con Zzoilo, Leo Rizzi, Marlon, Hilario, Paula Cendejas, Polo Nández, Álvaro de Luna, Nickzzy, Miki Núñez, Charlie USG e Paula Koops. O luns pola noite (23.30), chegando xa ao ecuador do mes e na véspera do festivo do martes, terá lugar nas praias de Riazor e Orzán a clásica Batalla Naval.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.