Scaloni dará o pregón dunhas Festas de María Pita con Mika, Xabier Díaz e homenaxe a Mangüi

Presentación das Festas de María Pita, na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este mércores a programación das festas de María Pita que se celebran na cidade durante todo o mes de agosto. Os festexos arrincarán o vindeiro martes 1 coa lectura do pregón a cargo de Lionel Scaloni, actual adestrador da selección arxentina de fútbol campioa mundial e de América e que fora xogador durante oito temporadas do Deportivo, onde foi capitán. 

"Será un pregón moi especial, pois renderemos homenaxe a toda unha lenda do Deportivo que vén de conseguir un fito histórico co seu país", sinalou a rexedora. 

Presentación das Festas de María Pita, na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Scaloni, xogador do Deportivo oito temporadas e capitán, volverá á cidade para dar o pregón como adestrador da Arxentina campioa do mundo

Logo do pregón ás 21 horas dunha das figuras máis queridas polos afeccionados ao fútbol da Coruña, onde viviu case unha década e mantén casa, chegará un dos pratos fortes das festas: o concerto de Mika, cantante e compositor de orixe libanesa que repite na Coruña logo de ter participado no festival Noroeste con grande éxito non hai moitos anos. 

Será ás 22 horas na praza de María Pita, onde ao día seguinte cantará Víctor Manuel. O día 3 será a hora da iniciativa Locos Coruña, que reúne a Melon Diesel, Rafa Sánchez, Revolver, Seguridad Social, The Refrescos, Miguel Costas ou Guaraná. 

O 4 de agosto sairá ao escenario Amaia Romero quen actuará tamén en María Pita ás 22 horas, mentres que ao día seguinte o fará a malagueña Vanesa Martín e o 6 de agosto, El Kanka. O día 8 será quenda para o espectáculo Rock en familia, tamén ás dez da noite, e o día seguinte chegarán The Waterboys. Ademais, o 13 de agosto será a hora de Los40 Summer Live, onde varios artistas actuarán da man da cadea de radio musical. 

Mangüi, á dereita, nun concerto coa Banda Xangai © Xunta

Xabier Díaz actuará o día 15 de agosto na praza de María Pita; o 20 haberá unha homenaxe a Mangüi, baixista d'Os Diplomáticos 

As festas de María Pita contarán tamén coa actuación de Xabier Díaz e Aduferias de Salitre o 15 de agosto e de Umberto Tozzi o 16, mentres que o día 20 haberá unha homenaxe ao falecido baixista d'Os Diplomáticos de Monte Alto, Manuel Martín, Mangüi

A iniciativa Mangüi sempre en nós xuntará Os Diplomáticos, Antón Reixa, Josito Pereiro, Mercedes Peón, Paco Lodeiro e Bieito Romero. Ademais, Burning tocará nas festas do barrio do Castrillón o 17 de agosto. 

Alén disto, como é habitual, celebrarase a Batalla Naval o 14 de agosto a partir das 23:30 horas, así como o festival Noroeste, que será do 9 ao 12 do mesmo mes, aínda que nada se sabe aínda dos grupos e artistas que participarán nel. 

As festas complétanse con outras actividades, como os concertos da Banda Municipal de Música en varias rúas da cidade. Así, o parque de Santa Margarida contará con diferentes citas este mes de agosto: o Festival Independiente Rock Coruñés e o Festival de Electrónica Coruñesa, os días 18 e 19; a Romaría de Santa Margarida, do 25 ao 27; e o concerto de Rubén Blades, o 28 de agosto. 

Concerto das Tanxugueiras no Festival Noroeste da Coruña CC-BY-SA Festival Noroeste Estrella Galicia

Por outra banda, en celebraranse as festas tamén nos barrios do Birloque, Monelos, Oza - Gaiteira, Castrillón, Sagrada Familia, Eirís e Novo Mesoiro. E haberá programación familiar nos barrios cunha unha nova edición de Cascarillarte, que percorrerá diferentes espazos da cidade entre o 7 e o 31 de agosto

Ademais, Viñetas desde o Atlántico terá lugar do 7 ao 13 de agosto. O certame de banda deseñada contará con seis grandes exposicións, ademais de charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cine, música e talleres para profesionais e público infantil. O festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland. Tamén será unha edición especial porque se renderá homenaxe a Francisco Ibáñez, un dos creadores máis recoñecidos da banda deseñada española, que faleceu recentemente.

Ademais, Inés Rey indicou tamén que as grandes actuacións musicais da programación das festas, ademais do Morriña Fest e o concerto de ZAZ, contarán con puntos violeta para informar sobre violencia de xénero e atender posibles denuncias.

O programa completo das Festas de María Pita pódese consultar na seguinte ligazón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.