A organización tamén recoñece o título de anfitrión do equipo PAMP!, participante o ano pasado con 'AI-LALELO', que terá a oportunidade de volver representar a Galicia, clasificada directamente á final
O pasado ano 'AI-LALELO', o tema creado polo equipo PAMP! liderado pola empresa compostelá CECUBO Group obtivo o segundo posto no AI Song Contest, o festival de Eurovisión das cancións compostas por intelixencia artificial. Neste ano 2023 Galicia volverá ser protagonista deste certame, que terá lugar na cidade da Coruña o vindeiro 4 de novembro.
A cidade herculina consolida deste xeito a súa posición destacada no campo da intelixencia artificial, despois de conseguir o pasado ano ser designada como sede da Axencia estatal de Intelixencia Artificial (AESIA). A organización tamén recoñece o título de anfitrión do equipo PAMP!, que terá a oportunidade de volver representar a Galicia, clasificada directamente á final.
"A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixencia artificial, aproveitando a acollida da futura AESIA", apunta Joel Cava
Joel Cava, produtor executivo da cita, destaca que con este certame "A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixencia artificial, aproveitando a acollida da futura AESIA". Cava salienta que se trata dunha "oportunidade única para amosar e celebrar a diversidade dos xeitos de traballar a intelixencia artificial na música no eido internacional, coas artistas no centro do proceso de composición".
Rebecca Legger: "Isto non vai de pulsar un botón e xerar un canción. Todo o contrario. Promovemos un diálogo co-creativo, no que IA é unha ferramenta colaborativa e complementaria, de gran valor, pero que en ningún caso substitúe ás persoas"
Dende a súa creación en 2020, AI Song Contest está na vangarda da IA e a música, fomentando a innovación e promovendo o diálogo entre artistas, científicos e o público. A cuarta edición do IA Song Contest, que acollerá proxectos procedentes de todo o planeta, leva por lema "Walking With AI" (O Camiño da IA).
Rebecca Legger, da Fundacion AISC, destaca que o certame pon o foco "na co-creación entre artista e algoritmo". "Isto non vai de pulsar un botón e xerar un canción. Todo o contrario. Promovemos un diálogo co-creativo, no que IA é unha ferramenta colaborativa e complementaria, de gran valor, pero que en ningún caso substitúe ás persoas", sinalou Leger na presentación.
A cerimonia de inauguración terá lugar o venres 3 de novembro no CSA da Cidade das TIC, que acollerá o congreso AI & Creation Day durante a mañá e tarde do sábado, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial
A cerimonia de inauguración terá lugar o venres 3 de novembro no CSA da Cidade das TIC, o mesmo recinto que acollerá o congreso AI & Creation Day durante a mañá e tarde do sábado, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual.
Expertos na materia tamén achegarán luz sobre as estratexias creativas empregadas polos equipos finalistas, proporcionando información sobre os procesos innovadores que hai detrás das súas composicións xeradas por IA. Ademais, o público presencial e en liña terán a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á lingua galega.
A gran final do certame será un programa de televisión en directo pensado para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega "estará moi presente"
Despois da xornada divulgativa, os asistentes gozarán da final en Studio Follow, espazo situado na Grela, cun programa de televisión en directo pensado para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega "estará moi presente". Unha vez coñecidos os gañadores terá lugar unha festa no mesmo lugar. A primeira serie de entradas porase á venda a partir deste venres 7 de xullo ás 12 horas a través da plataforma Ticket Hoy.
Dende esta semana e ata o 4 de setembro, está aberto o prazo de inscrición de propostas. Convídase a artistas, afeccionados da intelixencia artificial e outros perfís vencellados á innovación cultural de todo o mundo a presentar a súa composición co-creada con IA. Deste xeito, os organizadores agardan recibir composicións musicais de todos os xéneros, desenvoltas por equipos compostos por músicos, técnicos e enxeñeiros con axuda da intelixencia artificial.
O público e un xurado de profesionais da IA e da industria musical xulgarán non só a calidade das cancións, tamén a calidade e a innovación na interacción entre artistas e algoritmos
O público e un xurado de profesionais da IA e da industria musical xulgarán non só a calidade das cancións, tamén a calidade e a innovación na interacción entre artistas e algoritmos. A competición deste ano tamén fai fincapé na responsabilidade dos creadores e a transparencia no uso da intelixencia artificial, polo que premiará os grupos que poidan demostrar principios éticos sólidos con respecto aos datos de adestramento e participación dos artistas.
A edición 2023 está patrocinada pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia e Clúster TIC Galicia. Tamén conta co apoio de Afundación, Cidade das TIC, Amsterdam Music Lab, Infinite Album, DIHGIGAL, Balidea, Data Spartan e AGASOL. Ten o soporte do CITIUS, CITIC, Consello da Cultura Galega, AIHUB CSIC, Goldsmiths University of London, OdiseIA e Microsoft.