Chega a foliada 4.0 con 'AI-LALELO': "a intelixencia artificial pode axudar á música tradicional galega"

Unha das imaxes xeradas automaticamente polo ordenador para formar parte do videoclip de AI-LALELO © Cecubo Group

O vindeiro 6 de xullo a canción AI-LALELO competirá na final a terceira edición do AI Song Contest, un festival impulsado dende o ano 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO no que poden competir temas musicais compostos por intelixencia artificial. Despois de superar unha primeira peneira entre as máis de cen pezas presentadas, a creación da empresa compostelá Cecubo Group está entre as 15 finalistas, entre as que o voto popular e o dun xurado escollerán a canción gañadora. Será no Wallifornia Music & Innovation Summit de Liexa (Bélxica), na última oportunidade que este ano terá Galicia de gañar un festival eurovisivo, como lembraba estes días VINTE, tralos intentos da Tanxugueiras e de Carolina Rubirosa.

"A pregunta que se facía o concurso era se un ordenador era quen de crear un éxito eurovisivo e pareceunos moi interesante"

O camiño para chegar a AI-LALELO foi longo e complexo. Detrás desta canción hai meses de traballo e un equipo formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora da música do filme Elisa y Marcela de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; e Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València. Ademais, a canción conta coas voces de de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva Outeiro. AI-LALELO soou este venres no programa Luar da TVG, un espazo no que a canción que o 6 de xullo representará a Galicia na final do festival puido ser coñecida directamente polo público.

Para que a a IA fose quen de compoñer a letra e a música de AI-LALELO, antes tivo que aprender moitas cousas, unha aprendizaxe da que se valeu do coñecemento de contidos preexistentes, dende unha base de datos de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai á canción tradicional 'A Costureira', a partir da cal creou unha nova melodía. "A costureira no vranhe/ camisa e saia cortou/ inda se ía deitare/ cando o sol alvoreou", di nunha das súa estrofas. Pedímoslle a Joel Cava responsable creativo de Cecubo Group, que nos explique como foi este proceso e as posibilidades que se abren para a música grazas á crecente utilización da intelixencia artificial no proceso de composición.

Como naceu a idea de participar no festival?

"O que fai o festival e impulsar un diálogo entre individuo e máquina, polo que era necesario conformar un equipo multidisciplinar, que puidese traballar co ordenador nas distintas etapas do proceso creativo"

O ano pasado estiven participando na candidatura catalá, pero este ano propuxen dentro da miña empresa, Cecubo, na que traballo como director creativo, embarcarnos nesta aventura representando a Galicia no festival A pregunta que se facía o concurso era se un ordenador era quen de crear un éxito eurovisivo e pareceunos moi interesante, porque ademais este tipo de proxectos encaixan á perfección no contexto das tendencias que están agora de actualidade, que inciden na aplicación da Intelixencia Artificial ás cousas. 

Existen moitos prexuízos cara á Intelixencia Artificial, caendo moita xente no temor de que o ser humano sexa substituído polas máquinas en moitas actividades. Porén, o que fai o festival e impulsar un diálogo entre individuo e máquina, polo que era necesario conformar un equipo multidisciplinar, que puidese traballar co ordenador nas distintas etapas do proceso creativo.

Como se formou o equipo?

"Chegamos á conclusión de que se puidésemos ter esta ferramenta correctamente adestrada poderiamos garantir un seguro cultural para a transmisión oral da música tradicional galega"

Traballamos moito na confección do equipo porque queriamos que tivese unha gran calidade e que fose galego. E o problema é que en Galicia non hai moita xente que traballe na aplicación da Intelixencia Artificial a música. Conformamos un equipo moi bo e o proceso que seguiu tamén foi moi interesante. Nun comezo, tiñan un perfil moi marcado, digamos que as persoas cun perfil técnico eran moi técnicos e as persoas cun perfil artístico eran moi artísticos. Porén, despois de varios meses de traballo todos foron confluíndo: os técnicos aprenderon moito de música, e os músicos aprenderon moito das técnicas utilizadas e de informática. Ao final ese é o obxectivo do festival: que a intelixencia artificial e a innovación interaccione e sume coa tradición musical.

Que lle achega a Intelixencia Musical á creación musical e, neste caso, a unha creación que parte da tradición? 

A parte máis artística do equipo era máis reticente a un uso exclusivo da IA na canción. Pero ao longo do camiño decatámonos de que a IA o que viña era a facer unha tarefa complementaria e enriquecedora do proceso de composición musical e leva o resultado a outro escenario distinto, a outro nivel, con novos matices e novas sonoridades.

Chegamos á conclusión de que se puidésemos ter esta ferramenta correctamente adestrada poderiamos garantir un seguro cultural para a transmisión oral da música tradicional galega. A IA pode ser unha ferramenta que axude nese labor. 

Joel Cava, David Santos e Xandre Outeiro na rolda de prensa na que se presentou publicamente a canción © Cecubo Group

O proxecto vai ter continuidade?

"Outra das descubertas que fixemos polo camiño foi que a sonoridade da música que se facía nas aldeas comparte moitas semellanzas coa tradición musical galego-portuguesa do Alto Medievo"

É só o primeiro paso, pero estamos aínda valorando como seguir con este traballo para colaborar na recuperación da música das aldeas. Podemos adestrar unha máquina, e cando falo de 'máquina', falo de algoritmo, de código, de modelos, de sistemas... Podemos darlle contidos a esta máquina, recuperando a tradición oral das aldeas, para que ela mesma xere outros contidos dentro dese patrimonio oral.

Outra das descubertas que fixemos polo camiño foi que a sonoridade da música que se facía nas aldeas comparte moitas semellanzas coa tradición musical galego-portuguesa do Alto Medievo, algo que é defendido por moitas das persoas expertas neste tema. Esta é outra das liñas de investigación polas que podemos continuar.

Como foi o proceso que seguistes? Dende logo, isto non se trata unicamente de darlle a un botón e que un programa cree unha canción dende cero, a máquina tivo previamente que aprender moitas cousas, non si?

"Contamos cun arquivo, Volai-Vai, de onde sacamos 400 cantigas galegas. A partir de aí alimentamos a máquina para que aprendese a interpretar as coplas e aprendese tamén a compoñer coplas novas seguindo esas mesmas estruturas e temas. E, de paso, para que a máquina aprendese tamén a falar galego"

Si, por exemplo, para crear a letra, vimos que nos tiñamos que basear nun corpus en galego preexistente. A nivel dixital contamos cun arquivo, que se chama Volai-Vai, que é de onde sacamos 400 cantigas galegas. A partir de aí alimentamos a máquina para que aprendese a interpretar as coplas e aprendese tamén a compoñer coplas novas seguindo esas mesmas estruturas e temas. E, de paso, para que a máquina aprendese tamén a falar galego. Realmente, foi un diálogo entre individuo e máquina, na que nós lle ofrecíamos unha serie de ferramentas e a máquina nos foi respondendo en base a unha serie de parámetros. 

Deste xeito puidemos extraer outras 400 novas cantigas que filtramos e seleccionamos. Con todo, a letra é totalmente unha creación do ordenador, aínda que nós levamos a cabo unha pequena intervención para corrixir certas cuestións a nivel sintáctico ou ortográfico. En realidade, a letra foi un dos procesos nos que a máquina máis interviu, a parte máis artificial da canción, digamos.

E como foi o proceso coa música e coa melodía da canción?

Na melodía, o proceso foi o mesmo, a máquina creou en base a un contido preexistente, neste caso a canción 'A Costureira'. Como hai moitas versións desta cantiga, metémolas todas no ordenador e a máquina creou unha nova liña melódica a partir de todo o que escoitara. É como se metemos todas as cancións do noso cantante favorito e lle propoñemos ao ordenador que cree unha melodía nova seguindo o seu estilo. Este diálogo coa máquina para crear nova música é algo que están facendo artistas como Baiuca, que están experimentando neste eido.

Unha das imaxes xeradas automaticamente polo ordenador para formar parte do videoclip de AI-LALELO © Cecubo Group

"Como hai moitas versións desta cantiga, metémolas todas no ordenador e a máquina creou unha nova liña melódica a partir de todo o que escoitara. É como se metemos todas as cancións do noso cantante favorito e lle propoñemos ao ordenador que cree unha melodía nova seguindo o seu estilo"

Para a instrumentación, en cambio, fixemos un labor moi analóxico, en realidade, pois partimos da gravación de instrumentos musicais e apeiros de labranza de forma natural. Eses sons introducímolos dentro do ordenador e o ordenador a través de algoritmos e modelos aprendeu a tocar os instrumentos en base á liña melódica que previamente creara. Nós non tocamos os instrumentos, fíxoo a máquina a partir dos arquivos midi que tiña ao seu alcance. Iso si, posteriormente nós fomos facendo correccións, mellorando o resultado final, introducindo novos matices, xa que o festival permite e fomenta a realización deste diálogo entre individuo e máquina. Pasa por exemplo coas voces: hai catro pistas de voz, tres son 'ao natural' e a cuarta, a de Mónica de Nut é artificial.

"Para a instrumentación fixemos un labor moi analóxico, en realidade, pois partimos da gravación de instrumentos musicais e apeiros de labranza de forma natural. Pero nós non tocamos os instrumentos, fíxoo a máquina a partir dos arquivos midi que tiña ao seu alcance"

Como se fai artificial a voz de Mónica de Nut?

O que fixemos foi un proceso que se chama transferencia tímbrica que consiste en transmitirlle ao ordenador o timbre, a maneira de cantar de Mónica, de maneira que o ordenador aprende a cantar como o faría Mónica, en base á liña melódica que tiñamos previamente. O resto de voces foron 'naturais' porque pensamos que era máis agradable para o oído.

E o mesmo coas imaxes do videoclip, non si? Désteslle ao ordenador acceso a unha serie de contidos existentes e a partir de aí creou un contido novo...

No vídeo queriamos contar unha historia que relata a letra. E a historia é moi clara: é a historia dunha muller do século XIX que ten que sobrevivir, unha costureira que ten que compatibilizar o seu oficio e os labores domésticos e do campo para sacar adiante a súa familia. É o que queriamos que reflectise o vídeo: o traballo constante das mulleres do rural e a súa vida, na que tamén había tempo para a celebración. 

Unha das imaxes xeradas automaticamente polo ordenador para formar parte do videoclip de AI-LALELO © Cecubo Group

Partimos dunha base real de imaxes, procedentes de cadros que están dispoñibles nos museos galegos e tamén en bases de datos na rede. Metemos eses contidos na máquina, que reinterpretou esta escolma de recursos en base a uns parámetros que lle demos. Dixémoslle 'queremos que crees unha imaxe da mesma maneira que o faría este pintor ou pintora'. Deste xeito, a máquina comezou a 'debuxar' imitando os trazos que farían autores e autoras determinadas.

"O que queremos é facer unha foliada 4.0 e o que imos reflectir enriba do escenario é esa suma da tradición coa innovación que achega a intelixencia artificial"

E como vai ser a actuación en Luar deste venres [a entrevista foi realizada con anterioridade]? 

O que queremos é facer unha foliada 4.0 e o que imos reflectir enriba do escenario é esa suma da tradición coa innovación que achega a intelixencia artificial. Queremos transmitirllo ao espectador nun espectáculo no que terán unha gran presenza os visuais que creamos. Imos estar todos os integrantes do equipo, nove persoas, e Mónica, Eva e Camille van cantar, xunto con Xandre, que é a voz masculina. Esperemos que a xente conecte con esta foliada 4.0, demostrando que se pode xuntar tradición e innovación.

Isto non significa a fin das pandeireteiras, non si? Imos substituír as Tanxugueiras por ordenadores?

"Ese é o noso obxectivo, que o proxecto sirva para estar no mundo como o que somos, de reivindicármonos nun contexto marcado pola homoxeneización cultural. Non podemos prescindir da intelixencia artificial, xa que esta pode ser útil para protexer a nosa identidade"

Ao contrario, isto non vai de substituír a ninguén. Nós o que fixemos foi servirnos dunha nova tecnoloxía que é punteira e na que Galicia está traballando a un gran nivel. Nós queremos contribuír a iso. As pandeireteiras van seguir aí e a parte tecnolóxica vén reforzar e complementar o que xa hai e a axudar a manter esa tradición. A canción vai diso, de que tan só nós podemos manter viva a nosa identidade, como fixeron durante séculos tantas mulleres que durante séculos conseguiron manter viva a tradición. Este proxecto é unha homenaxe a elas. 

Ese é o noso obxectivo, que o proxecto sirva para estar no mundo como o que somos, de reivindicármonos nun contexto marcado pola homoxeneización cultural no que a cultura anglosaxoa é predominante e no que o inglés é a lingua franca. Non podemos prescindir da intelixencia artificial, xa que esta pode ser útil para protexer a nosa identidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.