Galicia compite no 'Eurovision das linguas minorizadas' da man de Carolina Rubirosa

Carolina Rubirosa ©

O Liet International, que se celebra este venres en Dinamarca é alcumado en ocasións como "o Eurovisión das linguas minorizadas"

Este sábado a cidade italiana de Turín acolle a final do Festival de Eurovisión, que como é sabido non conta con artistas galegas, despois de que -de forma polémica- a opción das Tanxugueiras non fora a escollida para representar o Estado Español, malia seren as favoritas do público. Porén, esta semana tamén se celebra outro festival da canción no que Galicia si está reprensentada. Trátase do Liet International, alcumado en ocasións como "o Eurovisión das linguas minorizadas".

O Liet International, denominado anteriormente Liet-Lávlut, celébrase este venres na cidade dinamarquesa de Tønder, coa participación de 13 cancións en representanción de 13 linguas, entre elas a galega. Galicia compite da man da cantautora Carolina Rubirosa, que interpretará o seu tema "O teu camiñar". 

A canción foi escollida o pasado mes de febreiro e o seu videoclip vén sendo empregado como tema promocional oficial do Camiño Inglés a Compostela

A canción foi escollida o pasado mes de febreiro e o seu videoclip vén sendo empregado como tema promocional oficial do Camiño Inglés a Compostela. Na peza audiovisual, ademais, participa a irmá de John Lennon, que o pasado ano realizou este camiño, nunha iniciativa do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e co patrocinio do Xacobeo 21. 

A cantante do Grove pero residente na Coruña representou a Galicia no Liet International xa no ano 2020, unha edición que non se puido celebrar de forma presencial por mor da pandemia. Na actualidade Rubirosa está a preparar a publicación dun álbum de versións musicais de poemas, despois de ter editado numerosos sinlges e un EP, Alén do Mar (2022).

É a oitava vez que Galicia participa no festival. Ata agora as cancións en galego nunca obtiveron a vitoria pero estiveron preto de facelo con Narf (que ficou en segunda posición) e Uxía (que obtivo o terceiro posto)

O Liet comezou a celebrarse no ano 2002 co obxectivo de aumentar o interese polas linguas minorizadas de Europa, especialmente entre a mocidade. Dende entón leváronse a cabo 13 edicións nas que partiparon 57 linguas de todo o continente. Galicia participou por primeira vez no ano 2003 (Anubía) e repetiu no 2004 (Uxía), 2006 (Narf), 2008 (Boy Elliott & The Plastic Bags), 2010 (Mafia Galega), 2018 (Familia Caamagno) e 2020 (Carolina Rubirosa). As cancións en galego nunca obtiveron a vitoria pero estiveron preto de facelo con Narf (que ficou en segunda posición) e Uxía (que obtivo o terceiro posto).

Carolina Rubirosa ©

Nesta edición participan 13 cancións noutras tantas linguas

Nesta edición, ademais do galego as outras linguas participantes son o jutlandés meridional (falado no sur de Dinamarca e no norte de Alemaña), o saami setentrional (falado no norte de Finlandia, Suecia e Noruega), o corso, a lingua baixo alemá (falada no norte de Alemaña e no leste dos Países Baixos), a lingua frisoa setentrional (falada no norte de Alemaña), o dinamarqués falado na rexión alemana de Schleswig, o hebreo, o sardo, o surtirolés (falado no norte de Italia), o catalán, a lingua frisoa (falada nos Países Baixos) e o córnico (falado en Cornualles, no Reino Unido).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.