As Tanxugueiras, no seu gran día: "queremos levar 'Terra' a Eurovisión por nós, polas que veñen e tamén polas que foron"

Actuación de Tanxugueiras na primeira semifinal do Benidorm Fest © Rocío Cibes

Chega o día decisivo para as Tanxugueiras. Este sábado pola noite, a partir das 22:15 horas, o trío de pandereteiras buscará a vitoria no Benidorm Fest e o pase á final de Eurovisión de "Terra" como canción representante do Estado Español no certame. 

O trío de cantareiras obtivo a clasificación como a segunda canción con maior puntuación na súa semifinal, pero o resultado deixou un certo sabor agridoce

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro chegaban á semifinal do pasado mércores como unhas das favoritas para obter o triunfo final no certame. "Terra" foi no último mes o tema máis escoitado en Spotify e Youtube, por diante do "Ay, Mamá" de Rigoberta Bandini e as Tanxugueiras recibiran eloxios unánimes pola súa proposta.

O trío de cantareiras obtivo a clasificación como a segunda canción con maior puntuación na súa semifinal, pero o resultado deixou un certo sabor agridoce. As Tanxugueiras foron as máis apoiadas polo público (tanto o do panel demoscópico de 350 persoas seleccionado previamente coma o das persoas que votaron a través de chamadas e mensaxes). Porén, o xurado relegounas á penúltima posición, o que deu lugar a denuncias de "tongo" nas redes sociais, unha palabra que se converteu en trending topic, xunto con "aldraxe" e outros, como ben o contou Vinte neste Vinte na Rede

As críticas estendéronse a outros aspectos da organización, como a referencia ás cancións en "linguas inventadas" que no pasado participaron en Eurovisión xusto antes da quenda de "Terra", único tema en linguas oficiais españolas distintas do castelán.

A actuación das Tanxugueiras recibiu eloxios case unánimes nas redes sociais e en Benidorm, que se converteron minutos despois en críticas ao xurado e á organización

A actuación das Tanxugueiras recibiu eloxios case unánimes nas redes sociais e en Benidorm, o propio Salvador Sobral, gañador de Eurovisión en 2017, apoiou sen dúbidas ao trío: “Vou cas galegas. Viva as galegas”. Esta valoración positiva elevou as críticas cando se coñeceron as votacións do xurado, que recibiron unha denuncia unánime nas redes, dende Ana Peleteiro a Iván Ferreiro. 

A reacción de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, en calquera caso, foi elegante, destacando que "queremos levar 'Terra' a Eurovisión por nós, polas que veñen e tamén polas que foron. Porque sen memoria perdemos a nosa identidade e o futuro”. E engadindo que "tamén queremos darlle voz ante toda Europa a todas as mulleres anónimas que nos deixaron o seu legado. Elas sen saber ler nin escribir facían arte.” 

Rigoberta Bandini e Chanel aparecen agora como as grandes rivais das Tanxugueiras na final deste sábado.

Finalmente, na puntuación completa da primeira semifinal, Tanxugueiras ficaron moi por detrás de Chanel e o seu "SloMo". Tamén foron superadas na segunda semifinal por Rigoberta Bandini, que se situou como a maior puntuación global. Bandini e Chanel aparecen agora como as grandes rivais do trío galego na final deste sábado. 

En calquera caso, queda por diante toda unha final na que os contadores se volven poñer e cero. A resolución, este sábado ás 22:15 a través de La1 de TVE, de novo con votación do público (25%), un panel demoscópico de 350 persoas (25%) e, ademais, o xurado (50%).

Apoio unánime no Concello de Santiago

Este xoves o pleno do Concello de Santiago aprobou por unanimidade unha moción de apoio a Tanxugueiras

Este xoves o pleno do Concello de Santiago aprobou por unanimidade unha moción de apoio a Tanxugueiras "tanto pola calidade musical da canción Terra, como por ser o primeiro tema cantado en lingua galega" que inclúe tamén todas as linguas cooficiais do Estado e que ten opcións de participar nun festival internacional e "levar as nosas raíces musicais por toda Europa".

A moción presentada tamén destaca a "boa acollida deste tema entre o público nacional e internacional e a crítica especializada" e se suma á "homenaxe que rende a todas as nais, as avoas, e ás mulleres que mantiveron viva a nosa tradición oral, a nosa música e a nosa cultura". Ademais esta iniciativa conxunta recoñece a súa capacidade para transmitir unha mensaxe de "empoderamento feminino e de modernidade de Galicia" así como unha "imaxe da pluralidade do que significa España".

Nova canción: "Averno", con Rayden

As Tanxugueiras non paran e este venres publicaron Averno, o seu novo sinxelo, un tema que formará parte do seu novo disco e que foi realizado en colaboración co rapeiro madrileño Rayden

As Tanxugueiras non paran e este venres publicaron Averno, o seu novo sinxelo, un tema que formará parte do seu novo disco e que foi realizado en colaboración co rapeiro madrileño Rayden, con quen participan esta semana no Benidorm Fest. 

Averno nace como unha declaración de intencións respecto a un sentimento común: a raiba. A expresión e liberación da mesma é o eixe que vertebra unha canción na que, como é habitual no repertorio das Tanxugueiras, parte da tradición para outorgar ás sonoridades urbanas un especial protagonismo; ademais de conxugar lírica de creación propia e popular. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.