As tres compoñentes de Tanxugueiras foron chegando a Benidorm de unha en unha, por mor dos positivos de COVID que lles foron detectados na última semana a Aida Tarrío e Olaia Maneiro, pero que non lles impedirán actuar este mércores
Tanxugueiras comeza este mércores a súa andaina no Benidorm Fest, a competición que lle pode dar o pase ao Festival de Eurovisión do vindeiro mes de maio en Turín, converténdose así na primeira canción nunha lingua do Estado distinta do castelán que representa a España. O trío de pandeireteiras actuarán na primeira semifinal, na que catro cancións serán escollidas para a gran final do sábado, cunha posta en escena “sinxela, elegante e emotiva” na que todos os detalles foron coidados ao máximo.
As tres compoñentes de Tanxugueiras foron chegando a Benidorm de unha en unha, por mor dos positivos de COVID que lles foron detectados na última semana a Aida Tarrío e Olaia Maneiro, pero que non lles impedirán actuar este mércores. A Sabela Maneiro, que xa se atopaba na localidade levantina xunto co resto do equipo, uníuselle este luns Aida Tarrío e este martes Olaia Maneiro.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro estarán acompañadas no escenario por un grupo de artistas -a maioría de Galicia- baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña, Resaca, Bailar Agora) e a coordinación xeral e dirección de produción de PlayPlan Cultural. Iturralde explica que “o espectáculo conxuga o tradicional co contemporáneo en todos os seus elementos, especialmente apoiada polo vídeo e vestiario”.
“O espectáculo conxuga o tradicional co contemporáneo en todos os seus elementos, especialmente apoiada polo vídeo e vestiario”
No equipo de "Terra" aparecen a profesora de danza Silvia Iria Miramontes, o coreógrafo e bailarín Fran Sieira e o músico e produtor Iago Pico (responsable de Pouland Studios e co-autor, con Tanxugueiras, de Terra), que se ocupará da percusión electrónica. O vestiario é obra do deseñador ourensán Jorge de Álvarez (finalista nos Premios Nacionais á Moda no 2021), mentres que a maquillaxe será unha proposta de Miguel Bling. O espectáculo completarase con audiovisuais da artista visual e creativa galega Marta Verde (profesora no Berklee Collage of Music de Valencia).
A canción das Tanxugueiras foi a máis escoitada nas últimas semanas, sumando as reproducións de "Terra" en Spotify (1.485.000) e Youtube (2.540.000), algo máis de catro millóns de escoitas dende o 21 de decembro
A canción das Tanxugueiras foi a máis escoitada nas últimas semanas, sumando as reproducións de "Terra" en Spotify (1.485.000) e Youtube (2.540.000), algo máis de catro millóns de escoitas dende o 21 de decembro. Supera por pouco a 'Ay mamá', de Rigoberta Bandini, que suma algo menos de catro millóns de reproducións. A máis distancia aparecen 'Calle de la llorería' (Rayden), por debaixo dos dous millóns e 'Culpa' (Javiera Mena), xa por debaixo do millón de escoitas.
A expectación xerada por Tanxugueiras en Galicia, no resto do Estado e mesmo entre os grupos de fans eurovisivos en todo o continente é evidente. Ao éxito acadado por "Terra" nas plataformas musicais uníuselles nas últimas horas unha faixa publicitaria despregada no centro de Madrid facendo unha chiscadela ás dificultades de pronunciación do nome do trío (elixida palabra do ano) demostrada por moitas persoas de fóra de Galicia nas últimas semanas e que mesmo se fixo viral a través dalgúns vídeos.
Cando son as semifinais e a final e como é o formato do festival?
Tanto as semifinais de mércores e xoves coma a final do sábado comezarán ás 22:40 e serán retransmitidas en directo por La1
Despois da retirada de Luna Ki por non poder empregar o autotune na súa canción, quedan 13 artistas en competición, que terán que pasar por dúas semifinais, a primeira este mércores e a segunda o xoves. Na primeira, a das Tanxugueiras, actuarán, nesta orde: Varry Brava - "Raffaella", Azúcar Moreno - "Postureo", Blanca Paloma - "Secreto de agua", Unique - "Mejores", Tanxugueiras - "Terra" e Chanel - "SloMo". Na segunda participan Xeinn - "Eco", Marta Sango - "Sigues en mi mente", Javiera Mena - "Culpa", Gonzalo Hermida - "Quién lo diría", Rigoberta Bandini - "Ay mamá", Rayden - "Calle de la llorería" e Sara Deop - "Make you say".
As dúas galas, que acollerá o Pazo de Deportes de Benidorm, comezarán ás 22:40 horas e serán retransmitidas en directo por TVE1, cunha duración de 70 minutos. A gran final, que se celebrará o sábado 29 ás 22:40, tamén se verá a través de La1 e terá unha duración de 90 minutos. Tanto as semifinais coma a final serán presentadas por Alaska, Màxim Huerta e Inés Hernand.
Como se vota?
O 50% dos votos corresponde a un xurado profesional, un 25% a un 'xurado demoscópico' de 350 persoas e o outro 25% ás chamadas e mensaxes da audiencia
En cada unha das semifinais serán escollidas catro cancións, que pasarán á final. Tanto nas semifinais coma na final o formato de votación será mixto. O 50% dos votos dependerán dun xurado profesional integrado polas españolas Estefanía García, Miryam Benedited e Natalia Calderón, polo islandés Felix Bergsson e o austríaco Marvin Dietmann.
O 50% restante corresponde ao voto do público, composto a medias polas votacións realizadas a través do teléfono ou de SMS durante a gala (terá un valor do 25%, polo tanto) e polas dun "xurado demoscópico", unha mostra de 350 persoas seleccionadas mediante criterios demográficos co obxectivo de representar ao conxunto da sociedade española.