O Ágora da Coruña acolle este xoves un festival no que a orquestra bravú realizará un percorrido pola historia da música popular galega que servirá como homenaxe ao baixista falecido hai uns meses
O pasado 14 de xaneiro finou Mangüi Martín García, baixista coruñes de Os Diplomáticos de Monte Alto ou da Banda Xangai, que durante décadas tocou con centos de grupos. O seu pasamento foi recibido con consternación en toda a escena musical da cidade e na multitude de persoas que o viran actuar coas súas múltiples formacións.
Mangüi estudou no IES Agra da Coruña e foi alí, ademais, onde iniciou a súa relación coa música. Agora, o alumnado deste centro, en colaboración coa Banda Xangai da que o baixista formou parte, están a organizar un espectáculo que servirá, a un tempo, de homenaxe a Mangüi e tamén de percorrido pola historia da música popular galega.
Mangüi estudou no IES Agra da Coruña e foi alí, ademais, onde iniciou a súa relación coa música
Este xoves 20 de abril ás 19.30 horas o auditorio do Centro Ágora acolle, con entrada de balde, unha nova edición do Festival Con voz de Primavera, do programa Agra no Ágora 2023, no que colabora o Concello da Coruña. Dentro deste festival terá lugar o concerto da orquestra bravú Xangai Mangüi, sempre en nós! e o espectáculo Somos un pobo de artistas do alumnado do IES Agra do Orzán. Nesta ocasión a Banda Xangai dedicará o seu repertorio á historia da música popular galega, porque "somos un pobo (e un instituto) de artistas", destacan dende o centro.
"Somos un pobo (e un instituto) de artistas", destacan dende o centro
A Banda Xangai mestura a tradición orquestral coa distorsión do rock & roll. Nela xúntanse nomes importantes da música galega, de bandas seminais do movemento bravú, xurdido a principios dos anos 90, e posteriores como Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Papaqueixos, Gharbanzo Neghro, Dios Ke Te Crew, As Garotas de Ribeira, A Magnifique Bande dos Home SenMedo (Martiño Mato e Olivier Cano), entre outros.
"Libre e independente, o noso Mangüi adicou toda a súa vida a repartir cousas bonitas polo mundo", destacaron Os Diplomáticos de Monte Alto pouco despois do seu pasamento
O concerto converterase, a bo seguro, nun acto de lembranza e cariño ao músico falecido. "Libre e independente, o noso Mangüi adicou toda a súa vida a repartir cousas bonitas polo mundo. Era un músico excepcional, único. O músico total. O mesmo armaba festa para quince que para quince mil", escribiron Os Diplomáticos de Monte Alto nun artigo en La Opinión horas despois de coñecer o falecemento do que fora o seu baixista.
As homenaxes, neses días, estendéronse polo mundo da música na cidade e moito máis aló. O propio Manu Chao, que tamén compartira escenario con Mangüi en numerosas ocasións, dedicoulle esta interpretación de "Carreteiro" a xeito de despedida: "Sube carreteiro, sube que o carro vai voando/Sube carreteiro, sube que o mundo está afogando/Eu chorar chorei o domingo a tarde/Que veña lorenzo que diga a verdade".