O festival reunirá figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez
A Coruña acolle un ano máis a mostra internacional Viñetas desde o Atlántico, que segue adiante a pesar da renuncia o pasado mes de marzo do seu director, Miguelanxo Prado. Será do 7 ao 13 de agosto, unha semana na que a cidade herculina se converterá nunha das capitais mundiais do cómic, con exposicións, charlas, visitas, proxeccións de filmes, música, unha ampla feira, obradoiros para crianzas e adultos e o protagonismo da banda deseñada e dos seus personaxes en diversos espazos da cidade.
A 26ª edición da cita presentou este mércores un avance do seu variado programa, no que destaca a importancia das grandes pioneiras do cómic no Estado. O festival, cuxo cartel foi realizado por Manuel Cráneo, reunirá figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez. Nos vindeiros días coñecerase o programa completo da mostra.
A organización do Viñetas destaca que "nesta nova etapa" o evento "propón un novo modelo de xestión -impulsado e organizado polo Concello da Coruña en colaboración co sector- mantendo a aposta pola excelencia e abríndose a novas formas de facer e de mirar"
A organización do Viñetas destaca que "nesta nova etapa" o evento "propón un novo modelo de xestión -impulsado e organizado polo Concello da Coruña en colaboración co sector- mantendo a aposta pola excelencia e abríndose a novas formas de facer e de mirar".
Destaca, ademais, que o Viñetas "regresa á Coruña cun novo rumbo, como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas". "Tras 25 anos de historia, Viñetas continuará a ser, ademais, a punta de lanza no mes de agosto do xénero a nivel nacional, como un dos seus grandes referentes. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic", engaden.
As mulleres no sector da banda deseñada, de onte a hoxe
Na Coruña poderá verse a mostra chegada do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía Mujercitas del mundo, ¡uníos! Pioneras del cómic underground adulto, que descobre o traballo das grandes pioneiras do cómic en España, desde a Transición ata a actualidade
Un dos aspectos máis salientables da edición 2023 da mostra é a atención que dedica ás autoras no mundo da banda deseñada, especialmente ás figuras pioneiras que abriron camiño hai unhas décadas. Na Coruña poderá verse a mostra chegada do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía Mujercitas del mundo, ¡uníos! Pioneras del cómic underground adulto, que descobre o traballo das grandes pioneiras do cómic en España, desde a Transición ata a actualidade, con nomes tan significativos como os de Núria Pompeia, Rosa Lleida, Sara Presutto, Montse Clavé, Isa Feu, Mariel Soria, Marika Vila e Laura Pérez Vernetti , entre moitas outras.
Como parte da celebración do Ano Picasso, a súa casa museo na Coruña súmase á celebración de Viñetas desde o Atlántico e acollerá unha exposición de poesía gráfica de Laura Pérez Vernetti, considerada como unha das mellores historietistas españolas, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón del Cómic de Barcelona. Con ela, Viñetas ábrese a un dos xéneros máis novos do cómic actual, a poesía gráfica, coa exposición VIVE LA VIDA e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca. Por Laura Pérez Vernetti, un traballo sobresaliente e dunha sensibilidade única, coa que a artista capta o universo interior dun dos nosos máis lúcidos creadores literarios.
Unha riquísima escena local da que presumir
Destaca a atención aos autores e autoras locais, agrupadas nos colectivos Coruña Gráfica e Autobán. Neste senso, poderá visitarse a exposición BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, comisariada por Manel Cráneo
Tamén destaca a atención aos autores e autoras locais, agrupadas nos colectivos Coruña Gráfica e Autobán. Neste senso, poderá visitarse a exposición BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, comisariada por Manel Cráneo e que "abre unha nova liña de traballo para Viñetas". A través dos orixinais de 25 autores e autoras locais, a exposición busca ser unha fotografía que "pon en valor unha riquísima escena local da que podemos presumir con orgullo".
A aposta polo talento local está tamén presente na exposición Alberto Vázquez: do cómic á animación, que se poderá ver no Palexco. Será "unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico" deste multipremiado creador coruñés -gañador do Goya en 2023 pola súa longametraxe de animación Unicorn Wars- e a súa riquísima imaxinación, a través de orixinais das súas bandas deseñadas e detalles dos seus procesos de animación.
O Kiosko Alfonso e a 'Rúa da BD' como centro
Como novidade, Viñetas sumará este ano a música e o cinema ao seu cartel, cun concerto ilustrado e unha coidada serie de proxeccións cinematográficas
Un ano máis, o Kiosco Alfonso será o corazón expositivo de Viñetas desde o Atlántico. A esta sala municipal súmanse outras como PALEXCO, o Palacio Municipal, A Casa Museo Picasso ou Casa Cultura de Salvador de Madariaga. Todas as exposicións estenderanse no tempo máis aló da celebración da propia feira, desde o 7 de agosto até o 10 de setembro. Tamén se mantén a tradicional “Rúa da BD”, que reúne nos Xardíns de Méndez Núñez a editoras e librerías de prestixio de todo o Estado.
Como novidade, Viñetas sumará este ano a música e o cinema ao seu cartel, cun concerto ilustrado e unha coidada serie de proxeccións cinematográficas. Así mesmo, un dos obxectivos desta edición é aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas.
Homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez
Será homenaxeado o recentemente finado Francisco Ibáñez, que visitou Viñetas desde o Atlántico na súa primeira edición, hai hoxe 26 anos
Na Sala de Exposicións de Palexco poderá visitarse unha homenaxe expositiva ao recentemente finado Calpurnio, coñecido como o autor de El bueno de Cuttlas, a tira cómica que durante anos ilustrou El País Semanal. A exposición Homenaxe a Calpurnio componse de preto de 200 orixinais, ademais dun centenar de obxectos de culto, como libros, cómics, portadas de discos e secuencias das súas películas.
Tamén será homenaxeado o recentemente finado Francisco Ibáñez, historietista de referencia e autor de personaxes fundamentais da cultura popular española. Ibáñez visitou Viñetas desde o Atlántico na súa primeira edición, hai hoxe 26 anos. Foi entón, en agosto de 1998, cando A Coruña acolleu unha exposición en homenaxe á súa figura polo 40 aniversario de Mortadelo e Filemón. A edición 2023 incluirá un punto continuado de lectura das obras de Ibáñez, situado no edificio principal da feira, o Kiosco Alfonso, e tamén nas Bibliotecas Municipais da cidade.
Outras exposicións
No Palexco poderá visitarse unha homenaxe expositiva ao recentemente finado Calpurnio, coñecido como o autor de El bueno de Cuttlas
O Palacio Municipal amosará por primeira vez na Coruña o traballo dos italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como dous dos autores máis relevantes no panorama europeo da Novena Arte. A exposición Las chicas del Pillar. Poniendo rumbo a nuevas aventuras: cómo nace una historia de cómic propón un discurso expositivo continuo, artístico e didáctico, que mostra, mediante orixinais, o proceso creativo dun dos cómics máis celebrados dos creadores: Las chicas del Pillar.
O cartel: "Voltou o Xerión"
O ilustrador coruñés Manel Cráneo asina o cartel desta edición, titulado "Voltou o Xerión"
O ilustrador coruñés Manel Cráneo -fundador de Demo Editorial e impulsor de Coruña Gráfica e AGPI, entre outras iniciativas- asina un cartel que ten, como xa é tradición, á Torre de Hércules como protagonista. A súa ilustración inspírase no Xigante Xerión, que voltou á Coruña e secuestrou os elementos máis importantes do mundo da banda deseñada na Torre. O gran heroe Hércules, armado cun lapis espada e un escudo en forma de páxina de BD, disponse a derrocar ao malvado xigante e liberar os elementos narrativos do cómic.