Miguelanxo Prado abandona a dirección do Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña, que comanda dende a súa creación hai 25 anos. Faino con críticas á "conxelación" do orzamento do evento, que leva anos fixado ao redor dos 120.000 euros, unha situación que -denuncia- dificula o traballo de organización do Salón, debido ao encarecemento crecente dos custos derivados dos billetes de avión ou aloxamento dos e das participantes.
Despois de 25 anos á fronte do Salón do Cómic da Coruña, denuncia que "coas regras de xogo que nos poñen enriba da mesa, Viñetas non é posible"
O debuxante, que anunciou a súa decisión este mércores e que este xoves explicou en rolda de prensa os motivos da súa renuncia, sinala que os primeiros problemas comezaron a aparecer no momento da entrada do PP no Goberno local da Coruña, no ano 2011, con Carlos Negreira como alcalde. "Aí apareceron as primeiras bandeiras vermellas", sinalou. Xa no verán de 2012 Miguelanxo Prado denunciaba en conversa con Praza.gal o "galopar de recortes" e os “problemas de comunicación” coa Concellería de Cultura, que daquel dirixía a popular Ana Fernández. “Non teremos grandes fastos. A gran celebración será conseguir facela”, concluía nun momento no que mesmo se puxo en dúbida a continuidade do Viñetas.
O debuxante sinala que os primeiros problemas comezaron a aparecer no momento da entrada do PP no Goberno local da Coruña, no ano 2011. Con todo, Miguelanxo Prado estende as críticas aos dous gobernos municipais que seguiron
Con todo, Miguelanxo Prado estende as críticas aos dous gobernos municipais que seguiron ao do PP, o da Marea Atlántica dende 2015 e o actual do PSdeG-PSOE e fala dun "clima de desconfianza" e dun "diálogo de xordos" que, ao seu xuízo, impediron que o Viñetas recuperase o funcionamento dos seus dez ou doce primeiros anos de existencia. “O éxito do modelo de Viñetas, un referente nacional e internacional, é obxectivamente incuestionable, máis aló de opinións persoais e de posibles gustos e preferencias alternativas”, destacou, engadindo que “Viñetas foi peza fundamental e catalizador da eclosión de autoras e autores de cómic que agromaron en Galicia e que hoxe alcanzan fama internacional".
"Non estou canso, non me falta ilusión e non creo que o modelo estea esgotado. Sigo crendo na viabilidade, o interese e a eficacia do modelo que desenvolvemos ao longo destes 25 anos. Este é un problema estrutural, non persoal", asegurou
"Non estou canso, non me falta ilusión e non creo que o modelo estea esgotado. Sigo crendo na viabilidade, o interese e a eficacia do modelo que desenvolvemos ao longo destes 25 anos. Este é un problema estrutural, non persoal", asegurou en rolda de prensa, na que tamén rexeitou que a súa renuncia se deba a "un calentón". Miguelanxo Prado afirma que "nos últimos anos, montar Viñetas era un auténtico suplicio" e conclúe que "coas regras de xogo que nos poñen enriba da mesa, Viñetas non é posible", destacando que as limitacións orzamentarias e outras de carácter burocrático dificultan darlle aos creadores e creadoras "un trato digno".
“Os cambios impostos que se sucederon nestes últimos anos só afectaron ao bo funcionamento do festival, sen que supuxesen ningún aforro real orzamentario para o Concello da Coruña”, di
O debuxante denuncia en concreto "a interpretación restritiva da lexislación que nos últimos 15 anos se leva facendo, enchendo de atrancos o deseño de cada edición e facendo inviable o mantemento de Viñetas tal e como foi concibido”. “Participei e participo, como autor, en moitos festivais e mesmo teño colegas que dirixen eventos parecidos aos que non se lles impoñen esas restricións. Deduzo, xa que logo, que é posible facelo doutra maneira dentro da legalidade, coa cal concordo plenamente, pois sempre me manifestei defensor do control dos cartos públicos”, di
Explica, neste senso, que “os cambios impostos que se sucederon nestes últimos anos só afectaron ao bo funcionamento do festival, sen que supuxesen ningún aforro real orzamentario para o Concello da Coruña”. E destaca, ademais, que os 120.000 euros de orzamento servían para pagar "todo un mes" de actividades cos cartos que en ocasións se gastan en contratar un par de concertos.
Durante os anos de goberno do PP púxose enriba da mesa a privatización da xestión do Salón do Cómic, unha solución que Prado rexeita por completo: "o que diferenciaba Viñetas era a súa calidade cultural. Este modelo xamais o pode dar cunha estructura mercantil"
Durante os anos de goberno do PP na cidade púxose enriba da mesa a posibilidade da privatización da xestión do Salón do Cómic, unha solución que Miguelanxo Prado rexeita por completo: "o que diferenciaba Viñetas era a súa calidade cultural. Este modelo xamais o pode dar cunha estructura mercantil", engadindo que "Viñetas é un evento cultural, non un festival lúdico festivo". Destacou, ademais, “o tratamento exquisito da obra orixinal cedida, algo que nos proporcionou unha reputación inmellorable entre os creadores, ata o punto de cedernos orixinais que non foron expostos en ningún outro lugar do mundo”.
O debuxante di que tomou esta decisión xa o pasado verán, pero que agardou para anuncialo publicamente a que a última edición celebrada, que conmemorou o 25 aniversario da cita, estivese "pechada", con "todo pagado" e as obras devoltas aos seus autores. O pasado 23 de marzo, engadiu, presentou a súa renuncia
Asegura que a súa renuncia quere ser "un último acto de servizo co público" e di que continuará traballando para que a cidade siga a ser un referente internacional na banda deseñada
Asegura que a súa renuncia quere ser "un último acto de servizo co público" e di que continuará traballando para que a cidade siga a ser un referente internacional na banda deseñada. Na rolda lembrou algunhas vellas demandas, como que A Coruña conte cun museo dedicado ao cómic ou que as actividades do Viñetas se estendan durante todo o ano, chegando aos centros de ensino. "É unha decisión moi triste, sobre todo porque non alcanzo a comprender por que se debe prescindir dun patrimonio como o noso festival, tan difícil de alcanzar e de soster", concluíu.