O Salón do Cómic da Coruña celebrará “sen grandes fastos” a súa XV edición entre o 6 e o 12 de agosto

Viñetas desde o Atlántico, na Coruña Dominio Público Praza Pública

“Teremos Salón do Cómic da Coruña, afortunadamente”. Con estas palabras, Miguelanxo Prado confirma que neste ano de tesoiradas e recortes Viñetas desde o Atlántico celebrará a súa XV edición entre o 6 e o 12 de agosto. Non haberá espazo para celebracións pola efeméride nin para enormes excesos. “Non teremos grandes fastos. A gran celebración será conseguir facela”, explica o propio Prado sobre un evento que nos últimos meses se moveu entre algunhas dúbidas. Miguelanxo Prado non nega que houbese incerteza.

“Os datos que eu tiña eran que o alcalde Negreira na inauguración da anterior edición asegurou que este ano habería Salón do Cómic e que, ao ser a 15 edición, con máis razón. Pero logo houbo unha paréntese incerta e con todo o que ía caendo con este galopar de recortes, chegamos a pensar que podía estar máis que complicado”, sinala Prado, quen tamén recoñece “problemas de comunicación” coa Concellería de Cultura, que dirixe a popular Ana Fernández. “Seguramente houbo un problema de comunicación. A concelleira estivo agardando a que eu lle dixera algo e eu estiven agardando a que ela me dixera que ía para adiante. Por fortuna, comunicámonos antes de que fose demasiado tarde”, explica o debuxante.

“Seguramente houbo un problema de comunicación. A concelleira estivo agardando a que eu lle dixera algo e eu estiven agardando a que ela me dixera que ía para adiante. Por fortuna, comunicámonos antes de que fose demasiado tarde”

Eses “problemas de comunicación” provocaron que a organización estivese freada durante semanas. “Montar un evento coma este con 14 ou 15 exposición, con dez convidados, con actividades paralelas é moi complicado e leva moito tempo. Comezamos a organizar todo en abril en vez de facelo en xaneiro”, sinala Miguelanxo Prado. Pese as demoras e as dificultades, o Salón do Cómic celebrarase entre o 6 e o 12 de agosto, o cal significa un adianto con respecto as últimas edicións. “Adiántanse as datas. Os vendedores, e con razón, din que canto máis abaixo no calendario, menos se vende”, reflexiona o debuxante, quen confirmou a celebración do Salón do Cómic nunha entrevista sobre Trazo de xiz que Praza publicará estes días.

O Salón do Cómic celebrarase entre o 6 e o 12 de agosto, o cal significa un adianto con respecto as últimas edición

Aínda queda moito traballo para que o cartel definitivo das exposicións e dos autores convidados estea plenamente pechado. Os atrasos dificultaron o proceso, mais Miguelanxo Prado explica que “unha gran porcentaxe” do mesmo xa está definido, aínda que evita dar máis detalles ao  respecto.

 

Recortes

As tesoiras respectarán o Salón do Cómic. A austeridade e os recortes estarán presentes, pero non afectarán as partidas fundamentais que sustentan ao festival. As rebaixas centraranse, en palabras do propio Miguelanxo Prado, “niso que se chaman gastos suntuarios”. É dicir nas comidas e nas “atencións cos convidados”. As partidas dedicadas ás mostras e ás actividades centrais permanecerán intactas. “O núcleo duro manterase”, sentencia Miguelaxo Prado, que polo momento non facilita cifras exactas.

A austeridade e os recortes estarán presentes, pero non afectarán as partidas fundamentais que sustentan ao festival

Ademais, producirase unha variación na organización con respecto a edicións anteriores e que afectarán ás actividades paralelas. “A Concellería creou unha especie de subdivisión da estrutura, da que dependerán  o apartado feiral e as actividades paralelas. Isto asumirano Manel Cráneo e Alberto Vázquez”, explica o director, quen se amosa tranquilo e optimista de cara ao XV Salón do Cómic Viñetas desde o Atántico. “O resultado, se todo sae ben , será moi bo. Non será unha gran celebración. Sería unha saída de testo facer grandes fastos. A celebración é conseguir facelo sen que se note demasiado ningún tipo de merma. Francamente, se o conseguimos, xa me dou por satisfeito”, conclúe Miguelanxo Prado.

Viñetas desde o Atlántico, na Coruña Dominio Público Praza Pública
Miguelanxo Prado CC-BY Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.