“Trazo de xiz foi un libro desequilibrante. Hoxe entraría na normalidade do cómic, pero daquela furaba en cuestións que estaban en cueiros”

Miguelanxo Prado CC-BY Alberto Ramos

Miguelanxo Prado vén de publicar con El Patito Editorial a versión en galego de Trazo de xiz, un dos seus libros máis aplaudidos e premiados. Publicado en castelán en 1994 por Norma, Trazo de xiz tivo que agardar case dúas décadas para chegar as librerías en galego, idioma no que se escribiu orixinalmente. Ademais, Prado xa prepara o seu próximo libro: Ardalén, unha historia sobre a memoria individual e familiar que chegará as librarías en galego a finais de ano tamén con El Patito Editorial

Trazo de Xiz publicouse por vez primeira en 1994 en castelán. Agora, 18 anos despois, chega a tradución en galego...

Realmente, non é unha tradución. É a versión orixinal. E ti mira! Tardouse tanto! Todos os meus libros saen en castelán.

Resulta frustrante que saian antes en castelán aínda que sexan concibidos, como é neste caso, en galego?

É frustrante cando pasa con todos os libros. Acabas por aceptalo. Dis: “Vén de serie”. Ao principio proe e non o entendes. Sobre todo cando ves que todos os teus libros chegan a ser editados internacionalmente. Cando ves que os teus libros saen en países de gran mercado como Francia ou Estados Unidos, velo normal. Pero cando entran en mercados máis reducidos como Finlandia ou Turquía, si que non o comprendes. Pensa en Finlandia. É un país de catro millóns de persoas e parte desa poboación é lapoa, e non se integra neste tipo de cultura e ten o seu propio universo. Entón estamos a falar dun mercado de tres millóns de persoas, pouco máis dos galegos que hai. Como é posible que aos seus editores si lles compense publicar os libros e aos galegos non? Pois ao final debeu ser por unha cuestión de inercia.

"A edición en Galicia viu sempre o cómic como algo pintoresco, difícil de encaixar nos seus esquemas comerciais"

A edición en Galicia viu sempre o cómic como algo pintoresco, difícil de encaixar nos seus esquemas comerciais. A única que fixera a proba fora Xerais cunha colección compartida con Anaya. Pero logo chegou xa o colmo! Comezaba a haber editoriais de cómic que publican cómic en galego, había xa un mercado de banda deseñada en Galicia e os meus libros seguían sen estar editados. Non o entendía. E despois Gemma Sesar [directora de El Patito editorial] dime que eles pensaban que debía ser case imposible editar os meus libros en galego por mor dalgún tipo de condición que eu puña ou os meus axentes esixían. Tal condición non existiu nunca. E dábano por suposto! Iso cambiou e El Patito agora ten a intención de publicar toda a miña obra en galego.

Publicar Trazo de xiz en galego resultaba impensable en 1994?

En realidade, o que é difícil de entender é que durante unha morea de anos ninguén vise que había un nicho de mercado, que había un oco clarísimo. Certo é que Galicia ten serios problemas co soporte libro, sexa cómic ou sexa do que sexa, por unha cuestión lectora. Galicia está nos últimos postos de lectura do estado e España, nos últimos de Europa. Iso xa nos sitúa claramente no furgón de cola.  E os lectores de banda deseñada son unha minoría dentro dos lectores. Pero todo facía pensar que 1.000 ou 1.500 lectores si que había -e hainos sobradamente- e que se podían manter autores e proxectos. O raro foi que se tardara tanto en normalizar todo.

"O que é difícil de entender é que durante unha morea de anos ninguén vise que había un nicho de mercado, que había un oco clarísimo"

Ademais, cambiaron moitos as cousas dende aquela. Cando saíu este libro, a nivel estatal e internacional, había unha serie de propostas deste tipo, como a de Trazo de xiz, que eran mínimas. Incorporámonos, nos oitenta, unha serie de creadores que entraron a desenvolver o cómic de autor. Eramos persoas que medraramos lendo os cómics de superheroes e de aventuras, pero tiñamos a idea de que estabamos ante unha linguaxe moi nova, con menos de cen anos. Estaba todo por facer. Había que rebentar a rixidez estética que había no cómic e a rixidez temática. O código era de aventuras ou humorísticos. Todos os clásicos entraban nunha desas categorías ou podía mesturar esas dúas. Pero só iso. Había moito que facer e moitos cambios que levar a cabo.

Nese sentido, houbo unha ruptura e unha revalorización, sobre todo para o gran público, coa aparición dese termo de novela gráfica?

A verdade é que non hai ningún publicista detrás dese termo, pero foi basicamente unha manobra moi acaída de publicidade. Realmente non cambia nada ese termo. O que estamos vendendo como o gran achado do século XXI no cómic, xa o facía Will Eisner nos setenta. Ao final el é o pai de todo o que fixemos despois. A idea basicamente era usar o cómic do mesmo xeito que un novelista empregaba a narrativa ou o cineasta o cine. Cando saíu Trazo de xiz, os editores tiñan problemas para situalo, para decidir publicalo. Xa era o meu quinto libro, xa me coñecían, pero aínda así lles custaba situalo.

Hoxe en día, entraría dentro da normalidade, pero naquel momento furaba en cousas que daquela estaban en cueiros. Un libro como Trazo de xiz a comezos dos noventa era algo desequilibrante. O camiño foi fulgurante, para sorpresa propia e dos editores. Funcionou moi ben en todas as linguas, levou premios a varrer e moitas boas críticas. Iso demostraba que os lectores estaban preparados, que había lectores e que co cómic se podía facer calquera cousa.

"Cando saíu Trazo de xiz, os editores tiñan problemas para situalo, para decidir publicalo"

Por que cre que funcionou e funciona tan ben este Trazo de xiz, unha historia de illamento e de incomunicación cuxo máxima expresión é ese illote perdido cun faro que non funciona ao que chegan os perdidos e xente que buscan sen saber que buscan?

Por un lado, eu creo que a novidade de que calquera lector que o collese tiña a sensación de que era un libro feito para adultos, diso non había dúbida dende a primeira páxina. Despois tamén inflúe que era un libro que non se lle caía das mans ás mulleres. Ese era un problema que tiña o cómic que, no mellor dos casos, era moi sexista. Que sei eu! Pensemos, por exemplo, en Astérix. Todos os protagonistas son masculinos e as  mulleres que saen son mulleres de rompe e rasga. Iso é un exemplo livián, pero que amosa que se complicaba moito o achegamento da lectora ao cómic.

Aquí eses estereotipos acaban rotos con personaxes como Ana e Sara.

Claro. Saltan totalmente polos aires. De feito é difícil decidir se o protagonista é Raúl ou vén sendo realmente Ana. Polo menos Ana é a que máis atención recibe. Ao final, aínda que ten unha parte truculenta con violacións e mortes, a historia está nun plano menos evidente no que se falan de sentimentos. Iso era novo para os lectores. E non quero facer un paralelismo nin nada semellante, pero algo semellante pasaba en Watchmen no mundo dos superheroes. De súpeto, era un libro de superheroes escrito por alguén que quería meter algo máis que porradas e golpes. Ademais, este Trazo de xiz tamén se podía empregar para que os lectores máis fieis do cómic o usasen de agasallo ao xeito de entrada á banda deseñada para a xente que non lía cómic. “Le isto e a ver se che gusta ou non o cómic”, podían dicir con este libro.

"Trazo de xiz tamén se podía empregar para que os lectores máis fieis do cómic o usasen de agasallo ao xeito de entrada á banda deseñada para a xente que non lía cómic"

Se falamos de cómic en Galicia, podemos dicir que vimos da mellor década da súa historia, que vivimos o seu mellor momento?

Por suposto. Eu durante unha chea de anos canseime de repetir e repetir que se podía falar dunha rede galega, pero que eramos realmente cinco guerrilleiros. Todo iso foi mudando cun grupo que houbo en Ourense: Fronte Comixario, foi o primeiro que artellou esa idea dun discurso colectivo e común. Houbera outros antes e houbo outros despois, pero eles foron o mascarón de proa dese movemento de base. E logo chegaron os dous míticos: BD Banda e Polakia. De alí estiveron saíndo constantemente xente moi consolidada.

"Se produces para unha poboación de dous millóns de habitantes, dos que le un 8%, é absurdo falar disto como unha industria"

Iso de “cinco guerrilleiros” lémbrame ao que dixo nunha ocasión Gemma Sesar: “Non hai industria do cómic, seguimos a ser catro francotiradores”

Claro, é que hai unha cuestión perigosísima que se foi aceptando: empregar o termo de industrias culturais. Se falas de industria, falas dunha produción seriada de bens e entras nunha concepción de produción de esquema industrial. Claro que hai industria no cómic se falamos de manga e superheroes ou de Astérix ou Tintín. Detrás deles hai unha estrutura comercial e industrial. Pero se produces para unha poboación de dous millóns de habitantes, dos que le un 8%, é absurdo falar disto como unha industria. Non somos unha industria, de feito en España só hai dúas editoras que funcionan con concepción industrial: Panini e Planeta.

Esas non son as contas que temos que facer e non creo que debamos pensar nun xeito de produción industrial. Penso que en realidade o cómic é unha actividade que permite perfectamente a supervivencia de pequenos editores, que son os que sacan dignamente os seus produtos e que poden ir canalizando obras e autores con maior coidado. O ecosistema non industrial supón o 90% do mercado realmente.

Trazo de xiz © El Patito Editorial

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.