A Universidade da Coruña (UDC) vén de publicar Irene, a porteira, un cómic que rescata nun novo formato a historia de Irene González Basanta, a historia dunha muller pioneira hai un século, cando se converteu en porteira de fútbol no equipo que ela mesma fundara, o Irene FC, do que tamén era capitá.
A rapaza virou así na primeira profesional do fútbol en España, a primeira muller que xogou con homes, que lideraba un equipo de rapaces e que xuntaba centos de persoas nos seus partidos, non só na Coruña, onde vivía, senón noutras localidades de Galicia.
A UDC publica 'Irene, a porteira', cómic dedica a unha rapaza pioneira nos anos 20 do século pasado, porteira e capitá dun equipo de fútbol que levaba o seu nome: o Irene FC
Coñecida a historia, pero escasamente difundida ata hai poucos anos, a obra que asinan Xulia Pisón, debuxante, e o xornalista e escritor Óscar Losada volve poñer o foco sobre "un caso único no mundo" por ser Irene "a primeira rapaza que rompeu barreiras no fútbol".
"Non é que xogase ao fútbol, que fose venerada e seguida na Coruña e en moitas partes de Galicia... É que era a capitá e daba nome a un equipo nos anos vinte do século pasado, con todo iso supoñía e coas dificultades lóxicas que unha cousa así tiña en calquera outro sitio", lembra Losada, que hai anos elaborara xa un documental breve sobre unha lenda da que non había demasiada documentación gráfica ou escrita, pero si un legado na memoria dos que aínda a lembraban ou lembran.
Xulia Pisón e Óscar Losada abordan a través das viñetas unha historia "única no mundo"
Ademais daquel documental, o cómic que agora publica a UDC únese á obra que a finais de 2020 publicaron os xornalistas Juan Luis Rodríguez Cudeiro e Rubén Ventureira, Irene y las puertas del fútbol. Historia de una pionera (Vía Láctea). Nel, abórdase non só a aventura desta moza, senón tamén as circunstancias futbolísticas e sociais que rodearon o aflorar dunha figura deportiva e dun referente --feminista tamén-- para as mulleres, nunha época na que aínda non podían votar e onde eran recorrentes as críticas de sectores que rexeitaban a afección feminina pola actividade física.
Agora, Xulia Pisón e Óscar Losada abordan a historia a través das viñetas. "É unha obra para todos os públicos, pero o feito de que sexa un cómic ten que ver tamén cunha maior facilidade para facerlle chegar esta historia á rapazada e aos colexios", conta o guionista, que destaca a calidade dos debuxos e o detalle que neles puxo a autora. "As vestimentas, as imaxes, as paisaxes... Todo está baseado no fútbol e na sociedade daqueles anos 20 que reproducimos en base ás fotografías ou filmes que se conservan daquela época", explica.
Unha achega máis, en definitiva, para difundir a historia dunha muller pioneira e dunha circunstancia única para a época. Mentres a coetánea Nita, outra das pioneiras do fútbol feminino en España, vestíase de home para poder xogar ao fútbol en Málaga, Irene fundaba e capitaneaba equipos e era venerada por público masculino e feminino na Coruña, onde mesmo protagonizaba un cantar entre as nenas da cidade: "Mamá futbolista quiero ser / para jugar como Irene que juega muy bien. / Mamá cuando sea mayor / ganaré mucho dinero jugando al fútbol".
A sona da porteira levou a que o seu club disputase encontros na Laracha, Betanzos, Ferrol, Sada, Oleiros, Culleredo, Monforte ou Noia, todos con importante presenza de público.
Na rúa Real da Coruña, unha fotografía de Irene erguía naqueles anos 20 a admiración da cidadanía, que colaborou con achegas económicas para axudar a unha rapaza marcada polas desgrazas familiares e que acabaría falecendo de tuberculose en abril de 1928, pouco despois de cumprir 19 anos. "Gustaríanos que a historia e o cómic tivesen outro final, pero o certo é que foi dramático", lamenta Losada.