A Federación Galega de Festivais de música botou a andar este sábado nunha xuntanza na que participaron 15 asociacións culturais que organizan outros tantos eventos que se celebran ao longo do ano en todo o país. A federación ten o obxectivo de xuntar esforzos para optimizar os seus recursos e promocionar a música galega e a organización de concertos e festivais, con especial atención ás comarcas rurais.
O colectico acolle polo de agora as asociacións organizadoras do Castañazo de Chantada, o Revenidas de Vilaxoán, A Festa da Poesía do Condado, o Treze-Catorze de Salceda, o Vibra do Bierzo, a Festa Folc de Vilariño, o Rebumbio de Mos, o Terra Brava do Incio, o Festival Furtivo e o A Chorar a Cangas desta vila, A Rebusca e A Rebusca de outono de Manzaneda, o Festival das Brétemas de Ponteareas, o San Martiño Caníbal de Sarria, o Festival Taíña de Goián, o Castelo Rock de Muros e o Berra Val Miñor.
O número de festivais aumentará nas vindeiras semanas, xa que hai varias asociacións que por distintos motivos non puideron enviar ninguén a Compostela ou non achegaron a documentación precisa para constituír a federación pero que se han asociar na vindeira Asemblea Xeral.