Marcos Pérez Pena

Unha ducia de rutas na 'Guía de Galicia', o libro de viaxes que Otero Pedrayo publicou hai cen anos

Nese ano de conmemoración oteriana non só se celebra o 50 cabodano do intelectual ourensán, senón tamén o centenario da publicación da súa Guía de Galicia, unha das súas obras máis populares que, de feito, foi un éxito de vendas ao longo das súas moitas edicións e que acompañou a varias xeracións de viaxeiros que con este libro coñeceron Galicia, percorrendo as súas vilas e cidades seguindo os itinerarios e descricións realizadas polo autor.

  1. 01

    1926: 100 anos da 'Guía de Galicia'

    En 1926 Ramón Otero Pedrayo deu ao prelo en Madrid, en Espasa Calpe, a Guía de Galicia, un libro inspirado polo ambicioso desexo de ser o amigo e camarada do viaxeiro que chegue a Galicia co espírito aberto ás belezas naturais e artísticas, ás realidades presentes e pasadas", como comezaba o prólogo da primeira edición.

    A obra abríase cun repaso pola xeografía, a historia, a economía, a paisaxe, a arte e a literatura de Galicia, para dar paso nunha segunda parte a unha selección de itinerarios "seguindo os ferrocarrís e estradas" que abranguía a meirande parte do país.

    Neste ano 2026, no que se conmemora o 50 cabodano do intelectual ourensán, tamén se celebra o centenario da publicación desta obra fundamental na súa traxectoria e que durante varias xeracións serviu a moitas persoas como guía de viaxe para descubrir Galicia, en todos os sentidos.

  2. 02

    As posteriores edicións dun éxito de vendas

    A Guía de Galicia foi un éxito. Esgotada a primeira edición de 1926, houbo que agardar a 1945 para contar cunha segunda, corrixida, editada pola libraría e editorial Sucesores de Galí, de Santiago. En 1954 Galaxia, que nacera catro anos antes, publicou unha terceira edición que se converteu no primeiro éxito de vendas da editorial. Otero Pedrayo renunciou en favor de Galaxia á liquidación de dereitos que lle correspondía pola obra. En 1965 publicouse unha cuarta edición e en 1980 unha quinta.

    Na imaxe, as portadas da terceira e da segunda edición, que se poden atopar na Casa-Museo de Manuel María, pois pertenceron ao autor chairego.

  3. 03

    Ramón Otero Pedrayo, un viaxeiro

    Antes de comezar a debullar o libro, cómpre lembrar a condición de viaxeiro e camiñante de Ramón Otero Pedrayo. Tanto el, coma os restantes integrantes da Xeración Nós, consideraban fundamental coñecer de primeira man o territorio galego, percorrendo os seus camiños e visitando as súas aldeas e vilas. E levaron á práctica este obxectivo en andainas como a peregrinación que en xullo de 1926 realizaron entre Ourense e Compostela.

    En anos seguintes Otero Pedrayo repetiría estas andainas no Carballiño, no Ribeiro ou camiñando dende Ourense ata Santo André de Teixido, un percorrido que deu pé ao libro de viaxes Pelerinaxes I (1929). Tamén as xeiras realizadas polos integrantes do Seminario de Estudos Galegos (un total de oito) servían para coñecer as distintas comarcas galegas sobre o terreo.

  4. 04

    Monforte de Lemos

    Otero propón iniciar a viaxe entrando a Galicia en tren dende o Bierzo e chegando a Monforte de Lemos, dende onde suxire varios itinerarios en dirección a Lugo (por Bóveda), a Ourense (por Ferreira de Pantón) e a Chantada (por Toiriz, Escairón e Marrube).

    "El más bello tempo de la comarca es San Esteban de Ribas de Miño en el impresionante paisaje de las riberas encostadas labradas en sucalcos de ricos viñedos", escribe o autor na segunda edición da obra.

    Na imaxe, a estación de tren de Monforte a finais do século XIX.

  5. 05

    Lugo

    A primeira parada con devagar que realiza a Guía ten como escenario a cidade de Lugo, onde a narración enlaza o pasado da cidade co presente máis modernizado: "fuera, en las Rondas, bullía la vida campesina. Dentro de murallas, el barrio de la Rúa Nova y la calle del Miño eran lo popular. La calle de la Reina es la calle tipo del Progreso siglo XIX. Después, en nuestros días Lugo se ha modernizado en general inteligentemente".

    Na imaxe, viaduto de Chanca e vista xeral da cidade de Lugo a finais do século XIX.

  6. 06

    Mondoñedo

    Dende Lugo, Otero Pedrayo vai debullando varios itinerarios curtos pola provincia lucense a través das estradas que unen a capital con Sarria, Vilafranca do Bierzo, Fonsagrada, Ribadeo (por Meira), Sobrado, A Coruña, Santiago, Ourense e a Mariña, a través de Mondoñedo,

    En Mondoñedo detense especialmente para destacar asúa condición de sede episcopal, subliñando que "Mondoñedo es pequeño y silente. No se franquea en pompa de rúas asoportaladas ni en vastos espacios de plazas. Las calles estrechas corren a la plaza de la Catedral, se transforman en carreteras y caminos sin lujos de fachadas labradas"

    Na imaxe, o Barrio dos Muíños, en Mondoñedo.

  7. 07

    A Coruña

    Na Coruña Otero Pedrayo describe unha cidade en pleno proceso de crecemento e modernización, cunha activa vida económica. Debulla os seus monumentos e paisaxes e as súas "magníficas construcciones que, poco a poco, van eliminando las antiguas, pequeñas y expresivas del vivir de otros tiempos".

    Tamén destaca a forte presenza mariña: "En La Coruña, las mañanas y las noches suelen lucir excepcional claridad atlántica. El viento la envuelve con frecuencia, el largo y amado viento oceánico que alza los clamores del Orzán. En ninguna ciudad del Norte son tan bellas, rítmicas, poderosas y variadas las ondas y sus juegos". 

    Na imaxe, o centro da Coruña nos anos 20 do pasado século.

  8. 08

    Ourense

    O autor detense tamén devagar no Ourense que tan ben coñece, describindo os seus monumentos e o seu centro histórico e tamén propoñendo roteiros polos seus barrios e arredores. Otero Pedrayo escribe: "Orense posee mañanas alegres por la afluencia de viajeros y rumor de mercados; tardes lentas, medidas por los toques de la catedral; noches húmedas, invernales y de suave encanto; noches de primavera exaltadas por la cantata de incomparables ruiseñores".

  9. 09

    Ribadavia

    Dende Ourense, Otero percorre a provincia en variados roteiros que nos levan á Limia, A Allariz ou ao Ribeiro. En Ribadavia o autor destaca que "como Betanzos, Cambados ou Laxe" a vila "ofrece admirables contrastes y paisajes urbanos, en confusión aparente de plazoletas, fachadas religiosas, ábsides, calles encostadas, en rigor expresivas de la historia y relieve del solar encerrado por los muros en que cabalgan muchas casas y pendiente al río de rápidas aguas".

    Na imaxe, unha vista aérea do casco histórico de Ribadavia en 1970

  10. 10

    Mondariz

    Dende Ourense, e no camiño en dirección a Vigo, Otero Pedrayo describe o balneario de Mondariz, impulsado por Enrique Peinador, destacando que "Mondariz es igualmente conocido por campesinos y ciudadanos, su fama extensa y arraigada en América. Como los padecimientos que se curan en Mondariz no suelen imprimir las huellas de la enfermedad en los rostros, la estancia es agradable, saturada del optimismo y la sana rusticidad de los valles gallegos".

  11. 11

    Vigo

    Na súa Guía, Otero Pedrayo percorre a Galicia rural e a vilega, pero tamén as puxantes cidades, que nese momento se atopan nun momento de rápido crecemento. Como Vigo, "de enérxica e activa vida", escribe. "El centro principal del movimiento de la ciudad es la plaza encostada de animada perspectiva y paisaje urbano, llena de luz y alegría, de la Puerta del Sol, contacto y nudo de las tres grandes vías rectoras de la vida viguesa con la ciudad antigua y el puerto".

    Na imaxe, unha fotografía antiga do Berbés.

  12. 12

    Pontevedra

    En Pontevedra, antes de percorrer con detalle as localidades do Morrazo ou do Salnés, Otero describe unha cidade da que destaca a Basílica de Santa María a Maior ("o máis suxestivo logro arquitectónico da cidade") e a arquitectura urbana "do xenuino Pontevedra", da que di que é "variada, sugerente, atractiva; alternan casas estilo pazo aldeano, casitas burguesas sobre portales con balcones adornados de bolas, con moradas humildes muhas sobre pórticos adintelados".

    Na imaxe, unha vista xeral de Pontevedra entre 1910 e 1915

  13. 13

    Santiago de Compostela

    Santiago é a localidade á que Otero Pedrayo dedica máis páxinas. No propio prólogo da obra destaca que "na descrición de cidades ocupa Santiago de Compostela o lugar eminente que lle corresponde" e no comezo do apartado dedicado á capital do país, o autor cualifícaa como "a metrópoli espiritual e artística de Galicia". 

    "Compostela, en sus variaciones de aspectos y motivos, acoge gentilmente al viajero peregrino y sabe guiarle en las horas del día o en las profundas y recogidas de la noche, de sorpresa en sorpresa según el espíritu y las preferencias del visitantes", escribe Otero.

    Na imaxe, unha fotografía da Ría do Vilar en 1917