Miguel Pardo

Unha ducia de futbolistas galegos que xogaron un Mundial

Os Estados Unidos, México e Canadá acollen desde esta vindeira semana unha nova edición do Mundial de fútbol. Borja Iglesias, coa selección española, é o único futbolista nado en Galicia convocado, aínda que coa selección de Irán acudirá tamén Dennis Eckert, dianteiro nado en Alemaña, de ascendencia iraniana e de nai galega, de Tui, que xogou no Celta de Vigo durante dúas tempadas. 

Aquí repasamos a historia dos futbolistas galegos no Mundial, non cinguida só a aqueles que representaron a España, senón aos moitos galegos de nacemento ou de orixe que destacaron polas seleccións dos países a onde emigraran seus familiares. Como os catro galegos campións con Uruguai na primeira Copa do Mundo, os que lideraron a Cuba na súa única participación ou Santamaría, fillo de ourensáns que destacou tamén con Uruguai e logo, xa nacionalizado, con España. 

  1. 01

    Os galegos do Uruguai campión

    Campións do mundo no primeiro mundial da historia. Catro dos once titulares cos que o Uruguai derrotou a Arxentina en 1930 (4-2) tiñan procedencia galega. Lorenzo Fernández (Redondela, 1900), coñecido como El Gallego. José Pedro Cea, nacido tamén en Redondela en 1900 (aínda que hai fontes que sitúan o seu nacemento xa en Uruguai), autor de cinco goles no Mundial. 

    Naquela selección estaban tamén outros dous xogadores nacidos xa no Uruguai, pero fillos de galegos emigrados: Álvaro Gestido Pose (Treinta y Tres, 1907), que foi xogador de Peñarol durante 16 anos, e Héctor Castro (Montevideo, 1904), El Divino Manco.

  2. 02

    Chacho, lenda do RC Deportivo

    Eduardo Gómez Valiño, Chacho (A Coruña, 1911). O primeiro grande ídolo do deportivismo, protagonista dunha frase que aínda se lembra e define o seu carácter no campo ("Ai, Chachiño, se ti quixeses") e posuidor de varios récords na selección española. 

    Xogou o Mundial de Italia en 1934 e antes anotou seis goles nunha vitoria por 13-0 ante Bulgaria, a mellor cifra dun futbolista nun só partido coa camiseta de España. En só tres encontros como internacional, anotou sete tantos, a mellor media goleadora.

  3. 03

    Juan Choréns e outros galegos, con Cuba

    Juan Choréns (A Coruña, 1916) foi o capitán da histórica selección de Cuba que disputou o Mundial de Francia de 1938. Formado na cidade herculina e xogador do Deportivo, emigrou á illa caribeña e liderou a única participación do país nunha Copa do Mundo. 

    Naquela selección cubana había máis galegos, como os vigueses José Tapia, o adestrador, e o centrocampista Pedro Bergés. Outros xogadores daquel equipo tiñan ademais ascendencia familiar galega.

  4. 04

    José Santamaría, un home récord

    José Emilio Santamaría (Montevideo, 1929) pode presumir dun fito histórico, o de ter competido en tres mundiais con dúas seleccións distintas, dous como xogador e un como adestrador. Fillo de emigrantes da Arnoia, disputou a Copa do Mundo de Suíza en 1954 co Uruguai e foi elixido no equipo ideal do torneo. 

    Logo de fichar polo Real Madrid e nacionalizarse, xogou con España a edición de Chile de 1962. Dúas décadas despois foi o adestrador da selección española no torneo de 1982 en España.     

  5. 05

    Amancio e Luís Suárez

    Probablemente, os dous mellores futbolistas da historia do fútbol galego, ambos saídos do Deportivo. Mito do Barcelona e do Inter, Luís Suárez (A Coruña, 1935) gañou o Balón de Ouro en 1960 e repetiu no podio en 1964, no segundo lugar, acompañado doutro coruñés, Amancio Amaro (1939), estrela do Real Madrid, no terceiro chanzo. A cidade é aínda a única do mundo, xunto a Ámsterdam, que tivo dous xogadores entre os tres mellores deste galardón. 

    Suárez xogou o Mundial de 1962 en Chile xunto a outro galego, Severino Reija. No de 1964 repetirían os dous canda outros tres paisanos: Amancio, Marcelino e Ufarte

  6. 06

    Ufarte, ídolo do Flamengo e do Atlético

    José Armando Ufarte Ventoso (Pontevedra, 1941) comezou a desputar no fútbol na cidade do Lérez pero emigrou con súa nai ao Brasil con 14 anos. Alí foi fichado polo Flamengo, un dos clubs máis grandes de América, onde gañou títulos e recoñecemento tras pasar tamén polo Corinthians. Á súa volta a España, estivo unha década no Atlético de Madrid, onde gañou dúas Ligas e tres Copas. Xogou coa selección española o Mundial de Inglaterra de 1966. 

    "A miña casa sempre será o Flamengo; débolle todo porque foi alí onde o aprendín todo", contaba a Praza.gal nunha entrevista. 

  7. 07

    Miguel Ángel

    Miguel Ángel (Ourense, 1947) deu os seus primeiros pasos no fútbol na súa cidade natal ata que foi fichado moi novo polo Real Madrid, onde botou dúas décadas. Porteiro destacado dos anos 70 e principios dos 80, foi convocado para o Mundial de Arxentina en 1978, onde disputou tres partidos e completou actuacións aínda lembradas hoxe. Tamén foi citado para a Copa do Mundo de España, en 1982, aínda que non xogou ningún minuto. 

    Co Real Madrid gañou sete Ligas, cinco Copas do Rei e dúas Copas da UEFA. 

  8. 08

    O suízo Ricardo Cabanas

    Ricardo Cabanas (Zúrich, 1979) é fillo de emigrantes galegos de Carral. Nado e criado en Suíza, destacou no Grasshopers da súa cidade natal ata fichar polo Colonia alemán da Bundesliga. Disputou o Mundial de Alemaña co combinado helvético e xogou tamén con Galicia no histórico regreso da selección en Santiago en 2005. 

    O bar Cabanas, coñecido local próximo ao estadio de Riazor na Coruña, é propiedade de parentes seus e lucía ata hai pouco camisetas e retratos do futbolista. 

  9. 09

    Salgado e unha saga de laterais

    Míchel Salgado (As Neves, 1975) destacou na canteira do Celta e debutou co primeiro equipo ata que foi fichado polo Real Madrid, onde botou dez anos e gañou numerosos títulos, incluídas dúas Copas de Europa e varias Ligas. 

    Xogou o Mundial de Alemaña en 2006 e uniuse á saga de laterais galegos que disputaron algunha vez unha Copa do Mundo, xunto a Tomás Reñones (1986) ou Xurxo Otero (1994). 

  10. 10

    Lucas Vázquez

    Lucas Vázquez (Curtis, 1991) xoga actualmente no Bayer Leverkusen de Alemaña logo dunha extensa e exitosa carreira no Real Madrid, ao que chegou desde a súa canteira logo de pasar polo Ural da Coruña. Con pasado tamén no Espanyol de Barcelona, foi internacional por España en nove ocasións, disputando a Eurocopa de 2016 e o Mundial de 2018 en Rusia. 

    Conquistou 23 títulos co Real Madrid e é un dos únicos vinte futbolistas que gañaron en cinco ocasións a Liga de Campións. 

  11. 11

    Iago Aspas

    Iago Aspas (Moaña, 1987) é, posiblemente, o xogador máis importante da historia do Celta. Formado na canteira do club, debutou hai case dúas décadas co primeiro equipo e a que vén será a súa última temporada no club vigués, logo dun breve paso tamén polo Liverpool e o Sevilla. 

    Máximo goleador español da Liga en numerosas ocasións, disputou o Mundial de Rusia en 2018 e foi internacional vinte veces. 

  12. 12

    Borja Iglesias, o último

    Borja Iglesias (Compostela, 1993). Formado nas canteiras do Santiago, do Villarreal e do Valencia, pasou ao filial do Celta, do que é aínda o seu máximo goleador histórico. Figura destacada do Betis, co que gañou unha Copa do Rei, regresou ao Celta onde leva varias tempadas ao máximo nivel, que lle valeron para ser o único galego convocado para o vindeiro Mundial de México, Canadá e os Estados Unidos. 

    Internacional en seis ocasións, a defensa de numerosas causas sociais e o seu carisma convérteo nun futbolista referencia para moitos, mesmo de equipos rivais.