Unha ducia de exemplos galegos de brutalismo, de celebración na Coruña
A Coruña está a celebrar a sétima edición da Semana da Arquitectura, que este ano está dedicada ao brutalismo e ao legado que esta corrente deixou especialmente na paisaxe urbana da cidade, pero tamén noutros lugares de Galicia. Repasamos algúns dos edificios creados -especialmente nos anos 60 e 70 do pasado século- seguindo as características dun estilo valente e orixinal, marcado polo protagonismo do formigón visto e pola expresividade das estruturas e materiais.
-
01Torre Hercón (A Coruña)
A Coruña reúne un gran número de exemplos de arquitectura brutalista, un estilo en auxe nun tempo no que a cidade viviu un proceso de crecemento. Dende o pasado día 5 o Concello da Coruña, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC-UDC) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) están levando a cabo na Semana de Arquitectura unha programación de exposicións, conferencias, visitas guiadas, rutas e obradoiros para coñecer máis de preto este legado arquitectónico.
Na imaxe, a Torre Hercón (tamén coñecido como Torre Costa Rica), o edificio máis alto de Galicia cos seus 119 metros, construído entre 1973 e 1975 con deseño de José Antonio Franco Taboada. Moi próximo a el atópase outro edificio brutalista, a Torre Trébol de Carlos Meijide Calvo, o segundo edificio máis alto da cidade e de Galicia, con 90 metros.
-
02Unidade veciñal nº 3, no Barrio das Flores (A Coruña)
O brutalismo coruñés non só construíu en vertical. A Unidade veciñal nº 3, no Barrio das Flores, deseñado por José Antonio Corrales Gutiérrez en 1965 é unha mostra de inmoble residencial que aproveita as condicións da contorna, a orientación e a luz e que aproveita o espazo existente, interrelacionando as vivendas a través de niveis e corredores e dotándoas de espazos comunitarios.
-
03Igrexa de San Xosé (A Coruña)
Foron moitas as igrexas que se construíron nos anos 60 e 70 aproveitando as posibilidades estruturais do formigón. A igrexa de San Xosé, en Monte Alto, proxectada e construída por Jacobo Rodríguez-Losada Trulock en 1968, aposta pola modernidade dando lugar a un templo que destaca pola súa monumentalidade e liñas sinxelas.
-
04Escola Técnica Superior de Arquitectura (A Coruña)
Ademais de edificios residenciais, o brutalismo deixou na Coruña fermosos exemplos entre as facultades que agora forman parte da UDC. Entre elas destaca a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), proxectado por Rodolfo Ucha Donate, Juan Castañón e Xosé María Laguna. Tamén colexios, como o de Zalaeta (de José María Olaiz García, 1978)
-
05Edificio en Policarpo Sanz (Vigo)
Tamén Vigo ofrece na actualidade numerosos exemplos de edificios brutalistas en Vigo construídos nesas décadas de expansión da cidade. Destacan, nomeadamente, os deseños de Alberto Baltar Tojo -na imaxe, na rúa Policarpo Sanz-, de Basilio Bas, de José Antonio Corrales ou de Xosé Bar Boo-
-
06Igrexa parroquial do Cristo da Vitoria (Vigo)
Ou, igualmente, a Igrexa parroquial do Cristo da Vitoria, construída no barrio de Coia na segunda metada da década dos 70 por Francisco Coello.
-
07'As Rosas' de Caranza (Ferrol)
Se hai algún barrio que destaque pola súa arquitectura brutalista, é o de Caranza, en Ferrol, con grandes bloques de vivendas coma o conxunto de as Rosas, (Unidade 2 do Polígono de Caranza), proxectadas en 1969 por Antonio Vallejo Acevedo.
-
08Edificio Viacambre (Ourense)
O Edificio Viacambre, na Rúa do Paseo, foi construído en 1979 cun deseño do ourensán Juan Rodríguez de la Cruz
-
09Universidade Laboral (Ourense)
En Ourense destaca tamén o edificio da Universidade Laboral, un deseño de 1974 de Julio Cano Lasso
-
10Vivendas para militares (Pontevedra)
O pasado 5 de outubro, coincidindo co Día Mundial da Arquitectura, o COAG levou a cabo un acto no bloque de vivendas para militares en Pontevedra, obra de 1965 de Xosé Bar Bóo. No acto O evento colocouse a placa de inclusión do complexo no Rexistro do Docomomo Ibérico.
-
11Igrexa de Fisac en Santa Cruz (Oleiros)
Miguel Fisac é un dos grandes nomes da arquitectura española na historia. Entre 1967 e 1969 deseñou unha igrexa en Santa Cruz (Oleiros). Aparentemente pequena por fóra e monumental no seu interior, segue a ser un dos templos máis vangardistas construídos en Galicia.
-
12Sargadelos (Cervo)
A modernidade e calidade das primeiras obras de Fernández-Albalat levou a Isaac Díaz Pardo a encargarlle o deseño arquitectónico para algún dos seus proxectos máis ambiciosos nos anos seguintes, comezando pola Fábrica de Sargadelos en Cervo, construída en 1968.
Na obra destaca o deseño circular da fábrica, na que o itinerario de produción conformábase en forma de anel. No seu interior, ademais, creouse unha praza, un espazo central ao que de lle deu distintos usos para reunións e celebracións.
Unha ducia de obras de Andrés Fernández-Albalat no centenario do seu nacemento
-
13Residencia Monte da Condesa (Santiago)
Tamén en Santiago atopamos variados exemplos de brutalismo, especialmente no seu campus universitario; por exemplo a Residencia Monte da Condesa ou as facultades de Matemáticas e Bioloxía da Universidade de Santiago, deseñadas en 1978 por Andrés Fernández-Albalat
-
14Igrexa de San Fernando (Santiago)
Tamén é obra de Andrés Fernández-Albalat Lois a Igrexa de San Fernando, construída no nacente Ensanche compostelán nos anos 60 como un espazo aberto, seguindo os principios do Concilio Vaticano II.