Unha ducia de obras de Andrés Fernández-Albalat no centenario do seu nacemento
Durante este ano 2024 que está a piques de rematar conmemorouse con diferentes actos o centenario do nacemento de Andrés Fernández-Albalat Lois, recoñecido como a figura máis representativa da modernidade na arquitectura galega da segunda metade do século XX. Dende comezos dos anos 60 e ata finais dos 90 deixou por todo país -sobre todo na cidade da Coruña e a súa comarca- unha gran cantidade de obras que definen a imaxe destes lugares que nas que "soñou Galicia dende o humanismo e o compromiso coa identidade do país, coa súa memoria histórica e coa tradición, sen renunciar á procura de novas formas de expresión arquitectónicas”, como destacou recentemente o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
-
01
Fábrica de Begano - Coca-Cola (1962)
Andrés Fernández-Albalat Lois naceu na Coruña en 1924. Despois de doutorarse na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, comezou a traballar en proxectos na súa cidade natal. Unha das primeiras foi a planta de produción de Coca-Cola, iniciada en 1959 e asinada con Antonio Tenreiro Brochón. Coa construción deste edificio, Galicia incorporouse á arquitectura do Movemento Moderno, unha vía que quedara interrumpida coa Guerra Civil
O seu fillo Andrés sinala a fábrica que aínda se pode ver na entrada da Coruña como unha das obras máis destacadas de Fernández-Albalat: “No seu momento foi unha novidade importante, co vidro deixando ver todas as tripas do proceso de produción dende a entrada da cidade. Agora recoñécese pouco do que había, pero segue véndose o corpo principal e mais o das oficinas da dereita"
-
02
SEAT (1964)
Da mesma época é o concesionario de Seat, situado moi preto da obra anterior, na avenida da Vedra. E, igualmente, constitúe un fito que marca a reincorporación de Galicia á arquitectura moderna. Nesta obra, finalizada en 1964, Fernández-Albalat inspirouse na arquitectura de volumes acristalados dos anos 50 nos Estados Unidos e nas obras de Mies van der Rohe, un dos directores da Bauhaus e gran referente para o arquitecto galego neses primeiros ano.
-
03
Edificio Citröen (1966)
Outra das obras pioneiras de Fernández-Albalat neses primeiros anos e que supuxo unha ruptura radical coa arquitectura que se estaba a realizar en Galicia nese tempo foi o Edificio Citröen, construído na esquina da Rolda de Outeiro e a Avenida de Oza. O proxecto foi encargado en 1959, pero non se construíu ata o ano 1966.
Nesta obra, o racionalismo moderno cos materiais prefabricados mesturábase cos riscos do expresionismo alemán e as formas creadas ao curvar a fachada. Toda unha declaración de intencións que hoxe permanece como unha alfaia do patrimonio en constante perigo de ser destruída debido á súa falta de protección.
Fernández-Albalat consolidábase así como o responsable -xunto con Xosé Bar Boo- da introdución da modernidade na arquitectura galega. Uns anos máis tardes estes camiños abertos serían ensanchados por unha nova xeración de arquitectos: Manuel Gallego Jorreto, César Portela, Javier Suances, Andrés Reboredo, Pascuala Campos, Carlos Meijide, Rafael Baltar...
-
04
Igrexa de San Martiño de Meirás, Sada (1966)
Fernández-Albalat fixo practicamente de todo: edificios residenciais, de oficinasm fábricas, estadios de fútbol, psicinas, facultades universitarias..., e tamén igrexas. Entre as súas obras máis destacadas está o Convento dos Padres Pasionistas en Santa Xema, preto da Ponte Pasaxe (1965), a remodelación e restauración do santuario de Pastoriza (Arteixo), as restauracións das igrexas de San Xurxo e de San Domingos, ambas na Coruña. E a construción da Igrexa de San Martiño de Meirás, Sada (1966), unha iniciativa impulsada en parte pola estadía durante o verán do ditador e a súa familia no Pazo de Meirás, situado a poucos metros.
-
05
Vivendas para pescadores en Fontán, Sada (1967)
Máis interesante resulta o proxecto das vivendas subvencionadas de mariñeiros na parroquia de Fontán, tamén en Sada, en 1967. Situadas preto do porto da vila, Fernández-Albalat concibiu o conxunto de vivendas "como unha aldea mariñeira compacta", alternándose nunha maia ortogonal "cheos e baleiros nunha sorte de axadrezado habitacional", funcionando o patios como "micro prazas de barrio".
O arquitecto tomou como referencia as mat-buildings que se estaban a construír nos Países Baixos. A forte pendente da parcela foi aproveitada para superpoñer por fileiras as vivendas, obtendo así unha correcta ventilación e iluminación de cada unha.
-
06
Fábrica de Sargadelos en Cervo (1968)
A modernidade e calidade das primeiras obras de Fernández-Albalat levou a Isaac Díaz Pardo a encargarlle o deseño arquitectónico para algún dos seus proxectos máis ambiciosos nos anos seguintes, comezando pola Fábrica de Sargadelos en Cervo, construída en 1968.
Na obra destaca o deseño circular da fábrica, na que o itinerario de produción conformábase en forma de anel. No seu interior, ademais, creouse unha praza, un espazo central ao que de lle deu distintos usos para reunións e celebracións
-
07
Museo Carlos Maside, en O Castro, Sada (1970)
Andrés Fernández-Albalat sumouse, ao pouco de ser creado por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, ao proxecto do Laboratorio de Formas
No marco da actividade do Laboratorio de Formas Fernández-Albalat leva a cabo o deseño dun edificio no Castro, en Sada, para acoller o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, que se inaugurou en 1970 nunhas instalacións provisionais na fábrica do Castro. En 1982 a colección trasladouse por completo ao novo edificio, deseñado por Fernández-Albalat
-
08
Rehabilitación da Casa-Museo de Rosalía (1971)
Fernández-Albalat converteuse neses anos no arquitecto de referencia do galeguismo e, por exemplo, levou a cabo en 1971 a rehabilitación integral da Casa da Matanza (Padrón), fogar de Rosalía de Castro e sede da súa fundación. O seu fillo Andrés destaca que “foi un proxecto que lle fixo moita ilusión, que fixo con todo o amor do mundo. Baleirouse todo o edificio e fíxose algo moi mimético co que había antes, respectando todo”.
Ademais, un ano máis tarde Albalat rehabilitou a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán na rúa Tabernas da Coruña como sede da RAG.
Andrés Fernández-Albalat ingresou na RAG no ano 1999 e entre 2001 e 2009 foi membro da comisión executiva presidida polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández
-
09
Sede de 'La Sociedad' de Sada (1975)
Unha das obras máis singulares que realiza neses anos, e non tan coñecidas, é a Sede de 'La Sociedad' de Sada (1975), un edificio construído á beira do mar e que acolleu durante varias décadas unha grande actividade social. Nos últimos anos mantense en permanente risco de derrubo, ao ocupar terreos de dominio público de Costas.
Fernández-Albalat desenvolveu a parte máis destacada do seu traballo na Coruña e na súa comarca. No ano 1968 presentou á Deputación da Coruña un proxecto para a organización urbana entre as cidades da Coruña e de Ferrol, a Cidade das Rías, que se proxectaba que podería chegar aos 600.000 habitantes, e que incluía unha ponte entre Sada e Perbes e outra entre Ber e Redes.
-
10
Vivenda unifamiliar en Montecelo, Bergondo (1976)
Fernández-Albalat deseñou tamén algunhas vivendas unifamiliares, como este fermoso chalet en Montecelo, Bergondo, construído en 1976 e concibido "como un alpendre acristalado, xa que a natureza é preciosa, no que entra a paisaxe pola fronte, os lados e tamén pola cuberta".
Sobre Fernández-Albalat afirmou recentemente César Portela: “se, por deformación profesional, tivese que asimilalo con algún estilo arquitectónico, faríao sen dúbida co mellor barroco galego, porque Andrés establece relacións insospeitadas. A súa arquitectura recórdame sempre ao barroco da torre do reloxo da catedral de Santiago ou á fachada co convento de Santa Clara, á capela da Virxe dos Ollos Grandes de Lugo, á música de Bach, aos textos de Alejo Carpentier ou ás películas de Visconti”.
-
11
Facultade de Matemáticas e Bioloxía da USC (1978)
Fernández-Albalat é responsable tamén de varias das facultades que vemos nos campus universitarios galegos, por exemplo as Facultades de Matemáticas e Bioloxía da Universidade de Santiago (1978) ou as Facultades de Ciencias da Educación e Socioloxía da Universidade da Coruña (1996)
-
12
Edificio Viacambre (1979)
Fernández-Albalat dá forma á cidade da Coruña que coñecemos na actualidade. É difícil dar un paseo polas súas rúas e non atopar algún edificio deseñado polo arquitecto, entre eles algúns dos máis icónicos e significativos, como o Edificio Ocaso (1967), que domina a Praza de Pontevedra e que construíu orixinalmente como sede da Jefatura Provincial del Movimiento ou as anovadas galerías que definen parte da fachada da Mariña, entre elas as do Edificio Viacambre (1979) -na imaxe- ou as do edificio do Casino no Obelisco (1969).
-
13
Cooperativa de vivendas O Noso Lar, na Coruña (1979)
Destacan tamén os edificios da cooperativa de vivendas O Noso Lar, na Praza Luís Seoane (1979) -na imaxe- ou os edificios do Conservatorio de Música (1985), da Escola Oficial de Idiomas (1980) ou do Centro de Cálculo e Servizos de Caixa Galicia (1983)
-
14
Instituto Galego da Información (1981)
O derradeiro dos proxectos realizados por Fernández-Albalat dentro do Laboratorio de Formas impulsado por Isaac Díaz Pardo foi o Instituto Galego da Información (1981), que se ergue nos arredores de Santiago, concibido para acoller a redacción do xornal Galicia, pero que incluía moitas outras instalacións, como un fermoso auditorio con capacidade para 600 persoas.
-
15
Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro (1993)
Entre as súas últimas obras destacan a piscina cuberta de Santa Isabel, en Santiago (1982) e o Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro (1993) tamén en Compostela. Tamén a rehabilitación do Castelo de Monterrei en 1988-1996, "unha arquitectura cun plus de deseño que poida integrarse en contextos históricos sen ter que renunciar á súa condición de moderna".
O 29 de decembro de 2019 Fernández-Albalat morría na Coruña despois dunha vida dedicada a imaxinar e crear espazos. Como el mesmo expresou no seu discurso de ingreso na RAG, en 1999, "a casa é máis ca uns metros cúbicos de materiais e trebellos postos sobre uns metros cadrados da paisaxe.