Unha ducia de carteis históricos do San Froilán (sen chisco de IA)
Dicía Alvaro Cunqueiro que no outono galego non hai "festa máis cabal nin días máis fermosos" que os do San Froilán, celebración que comeza este domingo en Lugo e que chegará ata o 12 de outubro. Este ano a festa incluíu unha polémica previa cando o novo Goberno municipal lucense, saído da moción de censura do pasado mes de maio, lanzou a convocatoria para escoller o cartel desta edición cun cartel realizado con Intelixencia Artificial e, ademais, con erros moi visibles, unha práctica xustificada polo edil de Cultura. A convocatoria especificaba que a imaxe gañadora non podía empregar estas ferramentas, pero foi moi criticada como unha práctica que despreza o traballo de creadores e creadoras. Repasamos aquí unha ducia de carteis históricos da festa e, por suposto, realizados sen a intervención da IA.
-
01Os comezos: do texto ao art déco
Un repaso aos carteis máis antigos das festas de San Froilán que se conservan amosa a evolución dende uns inicios nos que as imaxes estaban ausentes (á esquerda, un cartel de 1879) a creacións nas que se deixaba ver a pegada do modernismo (á dereita, o de 1906) e do art déco.
O cartel de 1906, foi encargado a Casa Ortega, de Valencia, e fora empregado un ano antes nas festas de Pamplona.
-
02Costumismo e elementos do folclore
Unha ollada aos carteis empregados durante a ditadura franquista amosa o uso recorrente nos anos 50 do pasado século de elementos folclóricos, principalmente as gaitas e os traxes rexionais, xunto coa aparición tanto da Muralla coma da Catedral da cidade.
-
03Chegan os anos 60
A chegada dos anos 60 trouxo maior variedade e creatividade aos carteis, con obras máis esquemáticas (arriba á dereita, o correspodente ao ano 1966) ou nas que se incorporaba a fotografía (1968 e 1970). En todo caso, mantíñase o uso de elementos que foron e son recorrentes na cartelaría do San Froilán, como as referencias ao gando (arriba á esquerda, 1963, obra de Antonio Moragón), ao polbo e as gaitas (1968) ou a presenza da Muralla.
-
04San Froilán en democracia
Despois do cartel dedicado ao Bimilenario da cidade de Lugo, celebrado en 1976, a chegada da democracia levou á escolla de fermosos carteis no anos 1977 e 1978. O de 1977 foi unha encarga realizada a Isaac Díaz Pardo.
-
05Anos 80: 'Premio Nacional de Deseño Gráfico San Froilán'
A partir do ano 1983 comeza a convocarse o 'Premio Nacional de Deseño Gráfico San Froilán', a través do que se escolle o cartel para cada edición das festas.
-
06Variedade de referentes: de Pelúdez ás atraccións da feira
Os carteis dos anos 90 traen unha variedade de estilos e de referentes, coa presenza neles do inevitable Pelúdez, as atraccións da feira, o polbo e unha énfase no carácter social e masivo das festas
-
07E veña polbo!
Se hai un elemento case que inevitable nos carteis do San Froilán, especialmente nos escollidos nos primeiros anos deste século é o polbo, convertido nun dos grandes símbolos das festas e que o identifica dentro e fóra de Lugo.
-
08...Pero tamén pandeiretas
Outro elemento que gañou peso nos últimos anos nas representacións do San Froilán foron as pandeiretas e as pandeireteiras, en ocasións en afortunada mestura coas táboas do polbo.
-
09As festas da cidade
Outra cousa que case nunca falta nos carteis do San Froilán é a propia cidade de Lugo, representada a través dos seus monumentos máis recoñecibles.
-
10Tamén carteis do San Froilán miúdo
Dende o ano 2023 tamén se escolle un cartel do San Froilán miúdo nun concurso no que poden participar nenos e nenas ata os 15 anos.
-
11A efémera escolla dun profesional da ilustración
O pasado ano a escolla do cartel para a edición 2025 das festas de San Froilán marcou un (efémero) punto de inflexión. Seguindo as recomendacións das entidades profesionais coma a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, optouse por encargar directamente o cartel a un profesional lucense da ilustración e do deseño, buscando un maior recoñecemento para esta actividade. O escollido foi Iván Mouronte.
-
12Carteis do San Froilán 2026
Este ano, en cambio, o goberno municipal saído da moción de censura do mes de maio desbotou a encarga profesional e recuperou o concurso amateur, no que foi escollida a proposta de Alfredo León Mañu. O concurso do San Froilán miúdo a gañadora -por segundo ano consecutivo- foi Irene Huéscar Villapún, de 11 anos de idade.