O PP defende o concurso non profesional para o cartel do San Froilán e o uso da IA

Ilustración que acompaña o concurso para a realización do cartel de San Froilán © Concello de Lugo

O pasado ano a Concellaría de Cultura de Lugo, dirixida aínda naquela altura pola nacionalista Maite Ferreiro, acordou coa Asociación Galega de Ilustradores a profesionalización da encarga do cartel das festas de San Froilán, decidindo que a imaxe sería contratada directamente a un ilustrador ou ilustradora lucense

O pasado ano a Concellaría de Cultura de Lugo, dirixida aínda naquela altura pola nacionalista Maite Ferreiro, acordou coa Asociación Galega de Ilustradores a profesionalización da encarga do cartel das festas de San Froilán, decidindo que a imaxe sería contratada directamente a un ilustrador ou ilustradora lucense, en lugar de realizar un concurso amateur, como se viñera facendo en anos anteriores.

Porén, a chegada do PP ao Goberno municipal da man dunha concelleira tránsfuga levou a un cambio de plans, recuperando os conservadores a antiga fórmula de concurso de afeccionados para o deseño do cartel. Iso si, en tempos nos que a utilización da Intelixencia Artificial está a desprazar aos creadores e creadoras humanas, nas bases da convocatoria estableceuse que “queda prohibido o uso de tecnoloxías de intelixencia artificial para a elaboración dos deseños".

Paradoxalmente, o novo Goberno municipal decidiu anunciar a convocatoria do concurso cunha ilustración realizada con Intelixencia Artificial. Acompañando ao título de 120 anos de cartelería das festas. 272 anos de historia, o cartel pretendía incluír unha escolma dalgunha destas ilustracións históricas. Porén, o resultado final inclúe notables distorsións en relación ás imaxes orixinais.

Ilustración que acompaña o concurso para a realización do cartel de San Froilán © Concello de Lugo

A chegada do PP ao Goberno municipal recuperou a antiga fórmula de concurso de afeccionados para o deseño do cartel. A convocatoria lanzouse cunha ilustración realizada con IA que incluía numerosos erros e distorsións

O primeiro en denuncialo foi o ilustrador Iván Mouronte, autor do cartel do San Froilán do pasado ano 2025. A través das redes sociais Mouronte debullou os numerosos erros incluídos nas imaxes creadas pola IA, "desvirtuando e falseando carteis históricos, cunha falta de rigor e respeto absoluta" e, sobre todo, critica o prexuízo que o uso a IA causa ao sector cultural. "Dende as administracións públicas, e moi especialmente dende as de cultura, débese velar polo sector cultural, protexelo e fomentalo. O uso de imaxes xeradas por IA (máquinas de plaxiar) vai directamente en contra do cultural", denuncia.

Mouronte critica, ademais, a propia fórmula do concurso amateur recuperada polo PP, sinalando que "a volta a un concurso de obra rematada fomenta o traballo especulativo e para nada apoia ó sector cultural da cidade nin garante a calidade das propostas presentadas para a imaxe das festas máis importantes de Lugo".

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, reclama “poñer en valor o traballo dos profesionais da ilustración", un "paso necesario para acabar coa precarización deste sector, que se está a ver agravada polo uso da intelixencia artificial”

O BNG lucense uniuse de inmediato ás críticas, denunciando tanto o uso da IA coma o procedemento de concurso para a encarga do cartel, que bota por terra a aposta pola profesionalización encetada o pasado ano. A concelleira nacionalista Maite Ferreiro afirmou que "o uso de intelixencia artificial para este fin supón un agravio ás e aos artistas, o que demostra un novo desleixo do Partido Popular á cultura". Ademáis, o BNG destaca a contradición do Concello, que usa a intelixencia artificial para xerar o cartel promocional dun concurso "no que correctamente se prohibe o uso desta tecnoloxía".

Ademais, o Bloque solicita que se "retire o concurso para o cartaz das festas do San Froilán", engadindo que "o Concello ten que seguir na liña iniciada polo BNG: traballar na profesionalización das festas máis importantes de Lugo, facendo que unha lucense profesional da ilustración elabore o cartaz das festas".

Comparación entre as imaxes orixinais e as da IA realizada por Iván Mouronte en Instagram © Iván Mouronte

O concelleiro de Cultura do goberno popular, Javier Vázquez Prado, defende os concursos amateur fronte á profesionalización: "democratizar tamén é isto: permitir que calquera persoa poida presentar a súa proposta"

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, afirmou este luns que o concurso para escoller o cartaz do San Froilán “está totalmente devaluado pola imaxe publicada polo goberno elaborada con intelixencia artificial” e reclamou ao Goberno local que adopte medidas para “poñer en valor as festas e o traballo profesional que existe detrás da súa comunicación gráfica”.

“O Goberno municipal ten que poñer en valor as festas, non reducir o seu cartaz a unha operación de trámite”, afirmou Arroxo. O portavoz do BNG sinalou que “poñer en valor o traballo dos profesionais da ilustración é un paso necesario para acabar coa precarización deste sector, que se está a ver agravada polo uso da intelixencia artificial”.

Vázquez Prado deféndese sinalando que “a IA é xa unha realidade presente na sociedade e tamén nas ferramentas de comunicación. Negalo sería hipócrita”

Fronte ás críticas, o concelleiro de Cultura do goberno popular, Javier Vázquez Prado, defendeu tanto a fórmula do concurso coma a utilización da IA realizada polo seu departamento. O edil sinalou que a ilustración non "pretendía ser unha proposta creativa" e que "foi simplemente un recurso de comunicación elaborado por un traballador municipal para anunciar a convocatoria”. Vázquez Prado destaca, ademais, que “a IA é xa unha realidade presente na sociedade e tamén nas ferramentas de comunicación. Negalo sería hipócrita” e lembra que en todo caso as bases do concurso establecen expresamente que non se poderá utilizar intelixencia artificial nas propostas que se presenten.

En canto á convocatoria do concurso, o concelleiro popular salientou que "democratizar tamén é isto: permitir que calquera persoa poida presentar a súa proposta" e sinalou que "isto non impide, cuestiona nin desvaloriza o traballo dos deseñadores e creadores profesionais”.

Instalacións da Escola Ramón Falcón, en Lugo © EASD Lugo

A Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, que en anos anteriores era a encargada de escoller representantes para os xurados de concursos artísticos coma este, anunciou a súa negativa a participar no proceso

En todo caso, a polémica continúa aberta. A Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, que en anos anteriores era a encargada de escoller representantes para os xurados de concursos artísticos coma este, anunciou a súa negativa a participar no proceso, sinalando que "en disconformidade co proceso levado a cabo para a elección do deseño do cartel das festas patronais de San Froilán 2026, non formará parte do xurado responsable da selección deste". 

Cómpre destacar, ademais, que o director da Escola Ramón Falcón é Ramón Cabarcos, concelleiro de Urbanismo do novo Goberno municipal dirixido polo PP, o que engade maior transcendencia á decisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.